O Hespérides finaliza a campaña na Antártida 2014/15.

O Hespérides finaliza a campaña na Antártida 2014/15.

Remata a campaña científica na Antártida

Científicos e técnicos galegos volven a casa tras o peche das bases Gabriel de Castilla e Juan Carlos I, e o regreso do 'Hespérides'

Cando se achega o remate do verán no hemisferio sur, remata a campaña de investigación na Antártida na Base Juan Carlos I, que inclúe a presencia de científicos e técnicos galegos, nomeadamente do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, pertencente ao CSIC.

A Base Antártica Juan Carlos I, do CSIC, pecha o xoves as súas portas ata o próximo outono, tras a estancia de  80 investigadores de 12 países. O CSIC lidera dous proxectos e participa noutros dous dos 15 que se realizaron nesta edición, que durou uns 100 días.

A XVIII Campaña Antártica comezou o pasado 20 de outubro, cando o buque de investigación oceanográfica Hespérides zarpou rumbo ás dúas bases antárticas españolas: a Juan Carlos I, na Illa Livingston, e a Gabriel de Castilla, na Illa Decepción, que tamén será clausurada ata o inicio do próximo verán austral.

Base Gabriel de Castilla na Illa Decepción.

Base Gabriel de Castilla na Illa Decepción.

“Remata aquí unha longa e intensa campaña onde contamos cunha gran variedade de proxectos científicos, que abrangueron dende o estudo da evolución dos glaciares, investigación en magnetismo, sismoloxía, meteoroloxía e da contaminación de orixe orgánica, entre outros. Ademais, é moi enriquecedor compartir o día a día con persoal de múltiples nacionalidades neste sitio tan inhóspito pero á súavez tan marabilloso”, comentou Jordi Felipe, xefe da Base Antártica Juan Carlos I.

Hespérides, que permaneceu durante toda a campaña na Antártida, funcionou como terceira sede científica. No seu interior levouse a cabo o proxecto Pegaso, liderado polo investigador Rafel Simó, do Instituto de Ciencias do Mar (CSIC) e no que participaron 30 persoas de nove países. O obxectivo desta investigación foi estudar como as emisións de gases e partículas emitidas polo plancto regulan a formación e características das nubes sobre o océano.

Ademais de científicos, Galicia aportou técnicos como Antonio Sandoval, Camilo José Gómez e Javier Vallo, un informático, un mecánico e un electrónico vigueses, os tres da Unidade de Tecnoloxía Mariña de Vigo.

O segundo proxecto dos liderados polo CSIC, denominado Remarca, estivo dirixido polo investigador Jordi Dachs, do Instituto de Diagnóstico Ambiental e Estudos da Auga. Esta iniciativa, que desenvolveu o seu traballo na base Juan Carlos I, tomou mostras de auga, xeo, chan, vexetación, atmosféricas e de plancto co fin de estudar a influencia do período do desxeo no destino dos contaminantes e a súa incorporación nos organismos. O estudo permitirá predicir o impacto dos contaminantes na Antártida no escenario actual de cambio global.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.