Xoves 18 Abril 2024

“Se fan falta 10.000 cobaias para salvar a vida dun neno, estarán ben empregadas”

A terceira entrega das Regueifas de Ciencia era un auténtico desafío, tanto para os regueifeiros como para o público. Sobre a mesa, unha cuestión que fai esvaecer a liña entre a ética e a ciencia: “Está xustificado o uso de animais en experimentación científica?”. Unha pregunta que lle faría traballar os miolos a calquera persoa que quixese afondar na cuestión. Ao mando da contenda, Manuel Vicente, condutor do programa Efervesciencia. No auditorio da Facultade de Comunicación da USC había unha enorme expectación. As butacas cheas, xente de pé, sentada nas escaleiras e na rampla de acceso. A ciencia engancha, e o deste mércores foi unha mostra. Foi un novo éxito desta iniciativa promovida pola USC e financiada pola Fecyt.

O debate fixo esvaecer a liña entre a ciencia e a ética

Sobre o ring, dous filósofos, unha doutora en Bioloxía e un avogado doutorado en filosofía moral. No lado que apoiaba a experimentación animal estaba o coñecido filósofo Fernando Savater e a doutora en Bioloxía Celular Emma Martínez, que ademais é delegada de relacións públicas de EARA (Asociación Europea para a Investigación Animal). Fronte a eles, e en contra, Óscar Horta, profesor da facultade de Filosofía da USC, e Eze Páez, avogado. Os dous teñen moito escrito en defensa dos animais.

Publicidade

Desde as primeiras quendas, notouse a vantaxe numérica dos filósofos sobre a mesa. Aínda que por un lado estaba Savater e por outro Horta e Páez, o debate comezou a xirar sobre as consideracións morais da experimentación con animais. O contrapunto en cada intervención achegábao Emma Martínez, reiterando os evidentes avances científicos e de saúde conseguidos a partir deste tipo de ensaios.

En primeiro lugar, os contendentes presentaron as súas posturas cunha intervención individual de seis minutos. Aí empezaron a marcarse os eixos do debate: os atributos que definen aos humanos como humanos e que os diferencian do resto de seres vivos, o gasto económico dos experimentos con animais, a pertinencia dos métodos de experimentación e as súas alternativas, os avances derivados destes ensaios ou a normativa referente ao tema, entre outros asuntos.

Relatores e presentador da terceira edición das Regueifas.
Relatores e presentador da terceira edición das Regueifas.

Chegou despois a verdadeira regueifa, con varias quendas de exposición, réplicas e contrarréplicas nas que os relatores afiaron as súas intervencións, con algún cruce de argumentos que levantou os aplausos do público. Este punto xirou arredor de catro cuestións: “Cal é a situación da experimentación animal hoxe en día?”; “Cales son os beneficios e as limitacións da experimentación animal?”, “Cales serían as consecuencias de non haber experimentación animal?”; e “Temos todos (animais e humanos) os mesmos dereitos?”.

Do lado dos partidarios destes ensaios, Emma Martínez defendía que “moitos dos avances científicos dos que dispoñemos hoxe en día, como os vacinas, as tranfusións de sangue e multitude de medicamentos, foron posibles grazas aos experimentos con animais”. Recoñeceu, non en tanto, a necesidade de controlar e lexislar sobre os límites destes métodos, e lembrou que segundo a normativa europea, está prohibido empregar animais en investigación se hai un método alternativo que poida ofrecer os mesmos resultados sen prexudicar a ningún ser vivo.

Sobre este punto, Eze Páez e Óscar Horta alertaron da gran cantidade de animais que se empregan en investigación “uns 126 millóns cada ano en todo o mundo”, segundo Páez, que engadiu que “o noso coñecemento tería avanzado aínda máis se non se tiveran investido tantos cartos nos ensaios de experimentación animal”. Na mesma liña Óscar Horta quixo denunciar a “falta de transparencia” na xustificación dos cartos empregados neste tipo de ensaios. “Sácanse moitos cartos de aí, e hai moitísimos intereses de empresas”, sinalou o profesor da USC. Tanto Horta como Páez afondaron na dificultade de establecer unha diferenciación clara de atributos entre os seres humanos e os animais, criticando o que, segundo eles, era unha demostración de especismo (discriminación contra aqueles seres que non pertencen a unha determinada especie). “Non é un argumento válido dicir que os seres humanos non poder ser utilizados na investigación por unha mera cuestión de pertencer a unha especie; é constatar o feito de que son humanos, pero non é un motivo suficiente”.

Os límites á experimentación e a actitude dos humanos cara o resto de especies centraron as discusións

Fronte a eles, Fernando Savater defendeu a distinción entre a experimentación e o que el chamou barbarie. “Ninguén pode defender o que fixo Mengele nos campos de concentración nazis”, subliñou Savater. Non en tanto, o filósofo quixo deixar claro que “a ética é o recoñecemento do humano polo humano, distinguir á humanidade do resto das especies, e por iso os animais non poden formar parte da ética, aínda que, claro está, é preciso facer consideracións en canto ao número e aos métodos empregados  na experimentación”. Con todo, Savater pechou a súa argumentación sentenciando que “se fan falta dez mil cobaias para salvar a vida dun neno con leucemia, sempre estarán ben empregadas”.

Ante a exposición de Savater, Eze Páez afirmou que os criterios de consideración moral que empregou o filósofo eran “falsos”. O avogado criticou o feito de que os seres humanos obriguen a outras especies a ter as experiencias negativas que se derivan dos ensaios. “Se é malo para un individuo, ese feito é reprobable”, sentenciou Páez.

A continuación, abriuse unha quenda de preguntas do público que enriqueceu aínda máis o debate. Para finalizar, houbo unha breve conclusión de cada bando, e os asistentes puideron votar a través dun mando no que podían responder “si”, “non” ou “non sei” ao debate da experimentación animal. Ao final da contenda, comparáronse os resultados das votacións do antes e o despois. Mentres o sistema de votación procesaba os datos, Manuel Vicente fíxolle honor ao nome da cita e soltou unha regueifa de moito nivel sobre os momentos máis salientables do debate.

Gañou o “si“, con máis do 50 por cento dos apoios en ambos casos, aínda que retrocedeu levemente na votación final. Non en tanto, ao rematar o debate, baixou o número de indecisos e medrou o número de contrarios á experimentación. Nestas liñas non imos resolver o debate, pero o que si que é certo é que toda a xente que viviu a terceira edición das Regueifas da Ciencia gañou en coñecementos e en espírito crítico. E iso é unha vitoria para todos e todas.

As frases das Regueifas

“O que nos diferencia dos animais é que nós non censuramos moralmente que un león mate ás súas crías”. Fernando Savater.

“Necesitamos experimentar para seguir avanzando no coñecemento científico”. Emma Martínez.

“A experimentación provoca nos individuos danos gravísimos que non estariamos dispostos a provocar nos seres humanos”. Eze Páez.

“Non hai ningún atributo que poida establecer que os seres humanos son éticamente diferenciables do resto dos animais”. Óscar Horta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías
00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina dez días de celebracións polo seu décimo aniversario