Unha das reunións do grupo, celebrada na illa de San Simón. Foto: Duvi.

Unha das reunións do grupo, celebrada na illa de San Simón. Foto: Duvi.

A Rede Galega de Biomateriais renova o apoio da Xunta ata 2019

O consorcio formado por máis de 70 investigadores da UVigo e a USC traballa no desenvolvemento de materiais con múltiples aplicacións

Crear materiais avanzados aplicados á práctica clínica, compartindo tres campos de acción prioritarios: os biomateriais, a nanotecnoloxía e o deseño de biosensores, entre outras disciplinas. Estos son algúns dos obxectivos da Rede Galega de Biomateriais, que acaba de renovar o apoio da Xunta de Galicia ao proxecto, a través do Programa de Consolidación de Unidades de Investigación Competitivas do Sistema Universitario de Galicia.

Con este financiamento, a RGB poderá funcionar cando menos ata o ano 2019. A finalidade destas investigadoras e investigadores é, en liñas xerais, desenvolver produtos sanitarios, como próteses, implantes e substitutivos óseos para a rexeneración de tecidos danados; produtos farmacolóxicos, como nanopartículas ou hidroxeles para a liberación de fármacos no organismo e biosensores para a detección temperá de enfermidades.

Múltiples aplicacións dos biomateriais

Precisamente a rexeneración de cartilaxe a partir de biomoléculas mariñas ou os hidroxeles con usos biomédicos, son dous dos temas que este xoves, 30 de novembro, se abordarán na segunda xornada científica do Instituto de Bioenxeñaría en Rede para o Envellecemento Saudable, Iberos, que se celebrará no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) na Coruña. Iberos constituíuse hai uns meses promovido pola propia RGB, coa finalidade de crear na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal un polo de coñecemento especializado sobre a aplicación da bioenxeñaría á mellora da saúde das persoas maiores.

Os integrantes da Rede Galega de Biomateriais pertencen aos grupos de Novos Materiais e de Química Coloidal e TeamNanoTech da Universidade de Vigo, todos eles integrados no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), así como aos grupos I+D Farma, o de Cirurxía, Radioloxía e Ecografía Experimental Veterinaria e o de Cirurxía da Universidade de Santiago de Compostela, este último vinculado ao Instituto de Investigación Sanitaria IDIS-CHUS.

En tres anos o grupo realizou máis de 200 publicacións científicas

Nos tres anos de actividade da rede, os seus membros foron quen de concentrar máis de 10 millóns de euros en ingresos, sumar máis de 200 publicacións científicas, 29 proxectos de investigación (sete deles internacionais), 50 contratos de I+D con empresas e institucións de dúas patentes en explotación.

A posta en marcha de dúas spin-off é outra das consecucións da RGB, que, por unha banda lanzou Biofast, spin-off do Grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo, centrada na revalorización de subprodutos pesqueiros, principalmente dente de tiburón, a través dun produto sanitario capaz de rexenerar e reparar o tecido óseo. Xunto a Biofast, que se atopa en proceso de constitución como empresa, a rede lanzou HGBeyond Materials Science. Nacida do Grupo I+D Farma da Universidade de Santiago, baixo o nome de Lentimed, esta spin-off desenvolve hidroxeles para a liberación de substancias activas no organismo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.