Xanel Vecino, investigadora de Enxeñería Química da Universidade de Vigo.

Xanel Vecino, investigadora de Enxeñería Química da Universidade de Vigo.

Converten residuos da vide en deterxentes naturais

Químicos de Vigo rexistran tres patentes para estes compostos, que son útiles en farmacia, cosmética e no tratamento de augas residuais

Extracto do deterxente obtido da vide e do millo.

Extracto do deterxente obtido da vide e do millo.

Na actualidade a maioría dos produtos que se comercializan na industria cosmética e farmaceútica, incluíndo medicamentos, conteñen na súa composición deterxentes sintetizados quimicamente, que tamén son empregados en moitos casos en actividades cotiáns de limpeza. Isto podería mudar de conseguirse produtos máis naturais e biocompatibles e esta é, precisamente, unha das liñas de traballo dos investigadores do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo, onde leva a cabo o seu labor a investigadora Xanel Vecino, autora dunha tese de doutoramento que aposta polo aproveitamento e revalorización de residuos da industria vitivinícola e tamén de procesado do millo para a obtención de produtos de interese industrial como son os biosurfactantes, deterxentes naturais susceptibles de ser aplicados en farmacia e cosmética, e os bioadsorbentes, de elevada utilidade no tratamento das augas residuais.

O obxectivo, segundo explica a investigadora, é conseguir produtos de elevado valor engadido e máis sostibles co medio ambiente a partires de residuos ou subprodutos de algo tan habitual en Galicia como son a viña e o millo. “Se ben nestes intres a principal problemática da produción de biosurfactantes está relacionada co alto custe que teñen os deterxentes producidos biotecnoloxicamente en comparación cos deterxentes sintetizados quimicamente nesta investigación logramos extraelos dun subproduto da industria do procesado do millo a un custe que podería competir sen dificultade cos surfactantes sintetizados quimicamente”, subliña Vecino.

Os deterxentes poden poñer en valor os residuos do sector vinícola galego

En relación ao aproveitamento e revalorización de residuos da industria vitivinícola e, máis concretamente das podas das vides, no tratamento das augas residuais, a autora do estudo recalca que isto supón un importante avance para un sector tan representativo como é a industria do viño en Galicia, xa que “permite obter un plan real de minimización e revalorización de residuos neste sector industrial, diminuíndo así os custos de verteduras ao mesmo tempo que se contribúe a un desenvolvemento máis sostible”, recalca a investigadora, que explica que na actualidade son moi poucos os viticultores que recollen as podas para a súa revalorización.

“En xeral, os restos das podas quéimanse no campo xerando certos gases como o CO2, CH4 e N2O que favorecen o efecto invernadoiro, e só en ocasións moi puntuais se opta por incorporalos como materia orgánica o solo, pero ao ser un material complexo a súa biodegradabilidade é moi lenta, a non ser que esta se potencie de algunha forma. Por isto sería interesante mellorar a xestión dos residuos agroindustriais vertidos ao medio ambiente, evitando a queima indiscriminada, mediante alternativas rendibles para a revalorización dos mesmos”, subliña Vecino, facendo fincapé na idea de que os biosurfactantes e bioadsorbentes poden revalorizar as podas orixinando produtos útiles con aplicación en diferentes sectores industriais.

Os residuos da vide convértense en deterxentes.

Os residuos da vide convértense en deterxentes.

No caso dos licores de millo -coñecidos como Corn Steep Liquor CSL-, que son extractos fermentados e condensados, teñen unha concentración de sólidos dun 50% e é moi habitual mesturar estes licores con fibra de millo para producir pensos para a alimentación animal. Ademais, segundo recalcan desde o grupo de investigación, hoxe en día estes licores de millo estanse a empregar como fonte de nitróxeno, de baixo custo, en procesos biotecnolóxicos. “ Estas dúas opcións son interesantes dende o punto de vista da revalorización deste subproduto, polo cal sería recomendable seguir con elas unha vez levada a cabo a extracción dos biosurfactantes”, explica a autora da tese, que fai fincapé en que na actualidade os biosurfactantes poder acadar prezos no mercado de ata 18 euros/mg.

Unha multinacional xa se ten interesado nas 3 patentes de Enxeñería Química da UVigo

Durante o desenvolvemento da investigación a investigadora viguesa tivo a oportunidade, ademais de usar os licores de millo comerciais, de empregar outros cedidos por unha empresa punteira no sector do procesado do millo e puido corroborar que estes licores que se empregan na actualidade como medio nutritivo e procedentes de diferentes fontes deron lugar aos mesmos resultados, o que fixo que esta empresa multinacional con 150 anos de experiencia no sector e con 143.000 empregados en 67 países, entre os que se inclúe España, mostrara interese por estes ensaios de cara á posible obtención a nivel industrial deste tipo de deterxentes.

Os resultados obtidos nesta tese de doutoramento, dirixida polos profesores José Manuel Cruz, Ana Belén Moldes e Rosa Devesa, publicáronse xa en 11 artigos científicos recollidos en revistas de carácter internacional a maioría situadas no primeiro cuartil do Journal Citation Report (JCR) e tamén deu lugar a tres patentes relacionadas cos licores de millo, unha delas con extensión europea á espera dunha posible explotación.

Na primeira patente ES-2424399 demóstrase a capacidade tensioactiva dos licores procedentes do lavado do millo, o que permite ampliar o abano de aplicacións que se lle poden adxudicar a este subproduto. Por outra parte, na segunda patente ES-2435324 (WO 2014/044876), con extensión europea e á espera dunha posible explotación, descríbese un procedemento para a separación dos deterxentes naturais presentes nos licores de millo baseado nun proceso de extracción líquido-líquido. “Observouse ademais que estes licores exentos dos deterxentes podíanse seguir comercializando como medio nutricional en procesos fermentativos”, explica a investigadora.

A terceira e última patente, que está en trámites de concesión, refírese a composición do deterxente que comprende este biosurfactante de orixe natural obtido a partir dos licores de millo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.