Xoves 28 Marzo 2024

Que lle ocorre a estratosfera?

A principios de ano a comunidade científica comezou a chamar a atención sobre algo anómalo que estaba a pasar na estratosfera, a capa da atmosfera terrestre que se estende desde os 12 aos 50 quilómetros desde a superficie terrestre. Desde hai 60 anos, cando se iniciou a recollida de datos, estaba establecido que os ventos nesa capa mudan, aproximadamente, cada ano de dirección. É a denominada oscilación cuasi-bienal. Pero este ano por primeira vez rachouse este patrón de circulación e o cambio de dirección dos ventos adiantouse máis de seis meses sobre o previsto, descoñecéndose as causas e as posibles consecuencias deste feito. Investigadores do campus de Ourense desenvolven un proxecto estatal de excelencia que busca avanzar no coñecemento deste fenómeno, da idade do aire nesta capa e das características da zona de transición entre ela e a troposfera, a capa na que nos movemos. Co pano de fondo da preocupación polo impacto do cambio climático, os científicos tratan de pór luz no coñecemento dunha das capas máis importantes da atmosfera pola importante repercusión que ten na meteoroloxía que afecta diariamente ao ser humano.

O proxecto, que comezou a principios de 2016 e que se desenvolverá ata finais de 2018, está financiado a través da convocatoria Excelencia do Ministerio Ministerio de Economía e Competitividade, que ten por finalidade financiar proxectos de investigación experimentais ou teóricos de alta calidade emprendidos co obxectivo primordial de obter resultados que supoñan un avance significativo do coñecemento e teñan un alto impacto científico-técnico, internacional, social ou económico. O equipo que o leva a cabo está dirixido por Juan Antonio Añel, investigador da Universidade de Vigo, e formado por Laura de la Torre, investigadora da mesma universidade; Rolando García, do National Center for Atmospheric Research de Estados Unidos; Carlos Fernández, do Centro de Supercomputación de Galicia, e un investigador predoutoral e outro posdoutoral.

Publicidade

Descoñécense as causas e as consecuencias deste fenómeno

Segundo explica Juan Antonio Añel, “o proxecto, chamado ZEXMOD, céntrase no estudo de tres aspectos: a oscilación cuasi-bienal, a idade do aire na estratosfera polar e as características da tropopausa”. Sobre o primeiro dos puntos, o investigador ourensán sinala que o obxectivo é levar a cabo un estudo en profundidade da oscilación cuasi-bienal, “un fenómeno climático que non se sabe moi ben por que se produce pero que afecta a todo o planeta” e que consiste nun cambio dos ventos na estratosfera en ciclos de 28 meses aproximadamente, circulando durante arredor dun ano en dirección este-oeste e o seguinte ano en dirección oeste-este. Sobre a relevancia de estudar este fenómeno, o investigador salienta como “este cambio de ventos propágase ás capas inferiores e afecta á troposfera e polo tanto á meteoroloxía que vivimos no día a día”.

Froito desta relevancia, xorde a preocupación e o interese entre a comunidade científica por coñecer o cambio de ciclo anticipado detectado a principios de ano. “Descoñecemos a causa do que pasou, as hipóteses son múltiples e a información pouca, xa que só temos datos de 60 anos e polo tanto de 30 ciclo anteriores. Estamos intentando reproducir o que aconteceu cos nosos modelos climáticos, introducindo as condicións climáticas observadas, para conseguir producir o mesmo resultado e ter así información sobre a súa causa”, comenta Añel. O científico acudirá a vindeira semana á reunión anual que terá lugar en Oxford do grupo internacional de científicos que dentro da Organización Meteorolóxica Mundial estudan a oscilación cuasi-bienal e do que o ourensán forma parte. O medio centenar de expertos dos diferentes países que o conforman poñerán o seu foco de atención neste tema. “O problema é que cada vez que agora sucede algo anómalo temos que ter en conta o cambio climático como posible causa, non podemos dar por feito que é algo natural, e de aí xurde a preocupación e a dúbida”, indica Añel.

Juan Antonio Añel, investigador da UVigo, coordina o proxecto. Foto: Duvi.
Juan Antonio Añel, investigador da UVigo, coordina o proxecto. Foto: Duvi.

A investigación que se levará a cabo desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense ata finais de 2018 tratará de avanzar no coñecemento deste fenómeno e farao, entre outros aspectos, buscando unha optimización dos modelos climáticos que actualmente se empregan para estudalo. “Cos modelos existentes podemos simular o que vai ocorrer climáticamente mañá ou nun período de tempo determinado pero temos dificultades para reproducir con eles fenómenos anómalos coma a oscilación cuasi-bienal”, sinala Añel. Os modelos climáticos que conseguen simular esta oscilación, recalca, non o fan polos mesmos procedementos e mesmo nalgúns casos non se coñece exactamente como se consegue facer esa simulación. “Queremos conseguir que a simulación en todos os modelos climáticos se faga de xeito coherente e que todos cheguen á simulación polas mesmas razóns”, subliña. Para acadalo, realizarán unha análise comparativa de todos os modelos que se empregan, levarán a cabo os mesmos experimentos con todos eles e analizarán os resultados de xeito comparado. Ao mesmo tempo que se realiza a revisión e optimización desta ferramenta fundamental para o estudo neste eido, apunta o científico, “estarase levando a cabo un avance no coñecemento teórico do fenómeno”.

O segundo punto de interese da investigación é o estudo da idade do aire e “o seu uso para caracterizar algúns fenómenos climáticos no planeta cun impacto potencial moi elevado na predición meteorolóxica con varias semanas de antelación”. O aire, comenta Juan Antonio Añel, como calquera outra cousa, “ten unha idade, un inicio”. O proxecto centrarase en estudar a idade do aire na estratosfera polar co obxectivo de analizar se o indicador da idade do aire se pode empregar para facer predicións meteorolóxicas estacionais. A elección da estratosfera polar débese, comenta, ao impacto que teñen estas zonas no conxunto do planeta no que respecta ao clima e á posibilidade de estudo que ofrece polas súas características físicas.

Por último, a investigación, que conta con financiamento dos Fondos Feder, incluirá unha análise dos cambios sufridos pola tropopausa por mor do cambio climático nos últimos 70 anos. A tropopausa, que se atopa aproximadamente a dez quilómetros de altura, é o teito da troposfera e a zona de transición entre a troposfera e a estratosfera. “Estamos sedimentando gran cantidade de emisións de gases que permanecen aí e que alteran as propiedades do seu aire. Queremos saber como debería ser a tropopausa natural, algo que non está moi claro”, sinala por último o físico ourensán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro

Os osos polares, en risco de morrer de fame polo desxeo do Ártico

Un estudo demostra que as estratexias alimenticias destes animais para sobrevivir nunha contorna de terra non evitan que perdan peso

Intelixencia artificial ante o cambio climático: ameaza ou aliada?

Os algoritmos que fan a vida máis sinxela teñen unha gran pegada de carbono. Esta tecnoloxía tamén axuda a resolver problemas ambientais