Escenario de PsicoVR deseñado para a cinofobia, ou medo aos cans, que se pode adaptar ás necesidades de cada tratamento. Fonte: PsicoVR.

Escenario de PsicoVR deseñado para a cinofobia, ou medo aos cans, que se pode adaptar ás necesidades de cada tratamento. Fonte: PsicoVR.

Vencer ás fobias grazas á realidade virtual xa é posible

A empresa galega PsicoVR trata a persoas con fobias, trastornos de pánico ou estrés con lentes de realidade virtual

Medo a viaxar en avión, ás alturas, ás multitudes, a falar en público, aos cans, aos espazos pequenos. Existen centos de fobias que complican a vida de millóns de personas no mundo. A psicoloxía e a medicina levan moito tempo traballando para vencer estes medos, e agora poderían ter un novo aliado nunha das tecnoloxías do futuro: a realidade virtual. E hai unha empresa galega, PsicoVR, que está desenvolvendo o seu proxecto arredor desta idea.

Lucía Maneiro, Sonia Tourón e Rafael Tourón, de PsicoVR.

Lucía Maneiro, Sonia Tourón e Rafael Tourón, de PsicoVR.

PsicoVR foi creada por tres mozos de Pontevedra – Lucía Maneiro, Sonia Tourón e Rafael Tourón – a raíz dunha vivencia próxima. O fillo dun deles tiña “un medo atroz cada vez que se lle achegaba un can”, explica Lucía. A través dun xogo de realidade virtual, pensaron en como reaccionaría o cativo nese tipo de situacións. “Comezamos a investigar e vimos que desde os anos 90 xa se levan facendo investigacións sobre a aplicación da realidade virtual en psicoloxía”.

Así, podería ser posible vivir unha experiencia semellante á realidade, pero sen os perigos de expoñerse directamente a ela. “Por unha parte, exponse ao paciente á súa fobia, pero ao tratarse dun entorno non real, a exposición é moi controlada“. Engade Lucía Maneiro que “a diferenza das terapias tradicionais, nas que se propón recrear de forma imaxinaria a situación que provoca temor, na realidade virtual estase dentro dela”. E, por outra banda, “o medo a enfrentarse a iso que nos atemoriza é o que decote posterga a decisión de iniciar un tratamento”. E ademais, “no caso de que a situación se volva intolerable, poderase saír dela de inmediato”.

A acollida por parte de psicólogos e outros profesionais do sector está sendo “moi boa“. Xa participaron en congresos de psicoloxía clínica, e están iniciando a fase de comercialización, con clientes en Pontevedra, A Coruña e Barcelona. E en pouco máis dun ano de traballo, PsicoVR xa participou na aceleradora de Via Galicia, amais da Vodafone Connecting for Good e a Ría de Pontevedra; e recibiron dous premios: o accésit de innovación de AJE Pontevedra en 2017 e o 2º premio da categoría profesional de Maker Faire Galicia, tamén en 2017.

Xa teñen escenarios para 3 fobias: medo a falar en público, ás multitudes e aos cans

E como se adapta isto a cada persoa? Lucía Maneiro explícao co exemplo dun paciente de glosofobia (medo a falar en público). “O profesional poderá elixir entre tres escenarios de distinta dificultade, e poderá ir incluíndo unha serie de estímulos que farán que o escenario sexa cada vez máis complexo”. Deste xeito, o paciente poderá vivir situacións cunha maior intensidade da fobia da que podería vivir nun contexto real. “Por exemplo, podemos comezar o tratamento sen público, despois meter a dúas persoas, despois a 10, 50 e ata 200, tamén poderemos controlar interrupcións e reaccións do público, sons, distraccións ou iluminación”.

Amais da glosofobia, o software desenvolvido por PsicoVR ofrece escenarios para outras dúas fobias (agorafobia, ou medo a espazos abertos; e cinofobia, ou medo aos cans) e están avanzando noutros dous escenarios: a claustrofobia, ou medo a espazos reducidos; e a acrofobia, ou medo ás alturas. Tamén agardan comezar pronto con desenvolvemento de escenarios para o medo a voar (aerofobia) e a conducir (amaxofobia).

O futuro de PsicoVR

O obxectivo de PsicoVR é ofrecer terapias para 25 fobias, tendo en conta as que afectan a un maior número de persoas, para poder conseguir “un mecanismo efectivo onde outros métodos fallaron”. Xa houbo interese desde varios países de Latinoamérica e os membros da empresa xa planean comezar a traballar no mercado portugués.

Pero tamén queren ampliar os seus escenarios a outros aspectos da psicoloxía. “Cremos que hai moitas outras patoloxías nas que o uso da realidade virtual melloraría a vida dos pacientes”, como é o caso do TDAH, o autismo ou o alzheimer.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.