Venres 19 Abril 2024

Os científicos saen á rúa para pedir máis inversión en investigación

Os científicos saíron onte a rúa para pedir máis inversión en investigación, nunha mobilización en toda España que protesta polas cifras incluídas no proxecto de Presupostos Xerais do Estado para 2015, menores que as de 2014. O colectivoCarta por la Ciencia’ convocou as mobilizacións, que coincidiron con outras protestas en Francia, Grecia, Italia e Portugal, para reclamar “maiores investimentos” de I+D+i porque “sen a ciencia, non hai futuro”. En Galicia, os científicos concentráronse nas portas de facultades universitarias e centros de investigación.

Denuncian que os Presupostos do Estado de 2015 reducen aínda máis a inversión en investigación

‘Carta por la Ciencia’ está integrada pola Confederación Española de Sociedades Científicas (COSCE), a Conferencia de Rectores de Universidad de España (CRUE), a Plataforma de Investigación Dixital (PDI), a Federación de Jóvenes Investigadores (FJI) e os sindicatos CCOO e UGT. O presidente da COSCE, Carlos Andradas, xustificou esta convocatoria porque é necesario “chamar a atención”, xa que as cantidades asignadas no proxecto de Presupostos Xerais do Estado (PGE) en investigación, desenvolvemento e innovación para 2015 son “menores que as dispoñibles para 2014″.

Publicidade

Estas cifras, segundo Andradas, contrastan coas declaracións do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, cando hai uns meses anunciou que a innovación e o desenvolvemento eran “prioridade para unha saída firme da crise” e polo tanto o investimento neste campo sería “palpable nos PGE“.

A mobilización central foi convocada a partir das 18.00 horas xunto ao Real Jardín Botánico en Madrid baixo o lema “Con Ciencia hai futuro”, coincidindo co 80 aniversario da morte dun dos escasos premios Nobel españois, o médico Santiago Ramón e Cajal.

Dúas Europas

Precisamente un dos obxectivos deste chamamento é o de “consolidar” esta conmemoración ao tempo que recordar que a innovación e o desenvolvemento “son fundamentais e que se necesitan apoios e recursos”. Científicos e investigadores italianos, franceses, gregos e portugueses concentráronse, igual que os españois, nunha serie de actos que se prolongan toda a fin de semana co obxectivo de traballar para evitar que “haxa unha Europa do Norte que innova mentres que a Europa do Sur vive das rendas dos seus irmáns do norte”.

José Manuel Fernández, da Federación de Jóvenes Investigadores, recordou que a situación é “aínda máis desoladora” para os mozos científicos, que se ven obrigados a “abandonar as carreiras de ciencia, emigrar ao estranxeiro ou traballar en precariedade”.

No mesmo sentido se manifestaron os representantes sindicais en Carta por la Ciencia, que cualificaron de “cada vez máis caótica” a situación das administracións públicas por culpa dos recortes.

O manifesto redactado por ‘Carta por la Ciencia’, asinado polos reitores das universidades, polas sociedades científicas, colectivos de investigadores e diversas personalidades e profesionais pode consultarse neste enlace: Manifesto de Carta por la Ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A contaminación obriga a demoler o edificio principal de Farmacia en Santiago

O Consello de Goberno da USC anunciou o xoves a decisión despois de tres anos de peche por reformas, que non deron froito