Investigación e lingua

A presenza do galego na investigación é moi reducida

Os indicadores internacionais de avaliación prexudican o uso do idioma propio de Galicia na ciencia, segundo un estudo da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística

A presenza do galego é escasa en todos os planos da actividade investigadora e en todos os momentos da carreira académica. Esta é unha das principais conclusións do estudo Investigación e lingua. Propostas para a mellora da presenza do galego na actividade científica, no que se salienta que os indicadores internacionais de avaliación prexudican o uso da lingua propia de Galicia na ciencia.

Este informe foi promovido pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística para achegar propostas para a mellora da situación do galego na ciencia. Os resultados deste traballo, realizado en 2013, veñen de ser recollidos nunha publicación editada pola Universidade de Vigo e difundido polo Duvi. O estudo foi realizado por un equipo dirixido por Alba Nogueira López, profesora titular de Dereito administrativo da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración de Frank Fischer e Lucía Meixús Tourís e de varios especialistas en dereito lingüístico de universidades vascas e catalás. Para realizar este estudo cominouse a información da que dispoñen as áreas de normalización das tres universidades galegas e os resultados dunha enquisa realizada ao profesorado que emprega o galego na docencia, co fin de identificar as dificultades que atopan no labor investigador na lingua propia. O obxectivo final: “Afondar nos criterios utilizados para recoñecer a actividade investigadora, sempre ligada ao inglés, e valorar se se respectan os dereitos lingüísticos das persoas solicitantes”, explica Nogueira.

Os resultados do estudo son demoledores para o galego. A súa presenza na actividade investigadora é moi reducida. E este escaso protagonismo prodúcese en todos os planos da actividade investigadora e en todos os momentos da carreira académica (traballos de fin de mestrado, teses, publicacións, divulgación, transferencia de coñecemento).

Preponderancia do inglés e do castelán

Usos lingüísticos nas tesesUn dos factores que máis repercuten na debilidade da lingua galega no eido científico é a inclinación progresiva dos sistemas de avaliación científica cara a indicadores internacionais (significativamente SCI e JCR) cunha base anglosaxoa, o cal ten unha incidencia “moi relevante nas decisións de política académica e na planificación individual da carreira académica do profesorado”, conclúe a investigación. Así, o informe amosa unha realidade en Galicia na que o galego xoga en desvantaxe fronte á preponderancia do inglés e do castelán. O estudo destaca ademais o dominio absoluto do inglés no mundo; de feito, os estudos existentes revelan que mesmo en sistemas científicos fortes e maduros, o peso deses criterios de indexación réstalle visibilidade á produción científica de calidade nas linguas propias (incluídos idiomas como o francés ou o alemán).

Nogueira tamén salienta que o uso dos índices internacionais ten efectos sobre os sistemas de publicacións científicas que se derivan nunha concentración nun grupo reducido de editoriais e o control de toda a actividade de difusión científica, “cos perigos que iso ten para o intercambio científico”, advirten. “Os riscos que diso se derivan teñen levado á UE a programar a esixencia da publicación en aberto dos resultados científicos obtidos en actividades financiadas con fondos comunitarios para o programa marco Horizon 2020”, apuntan os investigadores.

Así, o estudo promovido pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística tamén conclúe que as decisións de planificación da carreira académica do profesorado vense condicionadas pola aplicación deses criterios. “Os estudos indican que as publicacións que utilizan linguas distintas das dominantes –esencialmente o inglés nas áreas científico-técnicas e tamén o castelán nas de ciencias sociais e humanidades– teñen dificultades para ser valoradas nos seus sistemas académicos”, avisan os autores.

Aconsellan establecer pautas de avaliación nos organismos estatais competentes que non penalicen o uso das linguas propias

Os investigadores observaron que a percepción do profesorado participante na enquisa realizada nas tres universidades galegas coincide con estes estudos e maioritariamente considera que ten efectos negativos sobre a súa promoción profesional e retribucións ao uso do galego na investigación.

Por todo isto, os autores do informe cren preciso tratar coas autoridades educativas doutras comunidades autónomas con linguas propias o establecemento de pautas de avaliación nos organismos estatais competentes (ANECA, CNEAI) que non penalicen o uso das linguas propias e para que a introdución de criterios cualitativos de avaliación das publicacións non se limiten á referencia aos indicadores internacionais. “A formación dos avaliadores en relación co uso das linguas propias, tendo en conta que estamos en sistemas de peer-review, é fundamental para limitar os nesgos nas avaliacións”, explican.

Máis apoio da Xunta

Nesta liña, consideran que “nun momento de fortes recortes salariais a introdución de incentivos retributivos polo uso da lingua pode ser un estímulo eficaz para acompañar plans de normalización da lingua nas universidades públicas”. Por iso, reclaman máis apoio institucional e apostan pola existencia de axudas económicas da Xunta de Galicia a un grupo seleccionado de publicacións que usen o galego (en solitario ou xunto a outras linguas) e que cumpran os criterios de calidade estándar especialmente nas áreas de ciencias sociais e humanidades, nas que as temáticas de publicación poden ter unha maior conexión coa sociedade próxima. Segundo os autores, o soporte da Xunta axudaría a “matizar eses problemas que se constatan nos sistemas de avaliación”. E poñen como exemplo a experiencia catalá.

Entre outras medidas, propoñen o apoio á realización de teses en galego mediante unha política de bolsas de doutoramento como fórmula para impulsar o galego na investigación, “como se fai en Euskadi”, din.

“En Galicia non se fixo unha planificación e unha avaliación da necesidade de incrementar a presenza do galego nas aulas universitarias”

Os investigadores constataron as dificultades existentes para corrixir a baixa presenza do galego na investigación, polas características propias da actividade científica –publicacións internacionais co inglés como lingua dominante, configuración estatal da carreira profesional, avaliacións rexidas por criterios uniformes e de carácter cuantitativo–, pero consideran que existen ámbitos nos que se pode reforzar o uso da lingua galega para o saber científico. Malia que “a docencia é a primeira vía de difusión do coñecemento científico”, critican que “en Galicia non se fixo unha planificación e unha avaliación da necesidade de incrementar a reducida presenza do galego nas aulas universitarias”, como si se fixo nos modelos catalán e vasco, que “ofrecen solucións diversas”. En ambos os dous casos, demostrouse que “a planificación lingüística apoiada con recursos públicos autonómicos produce resultados”, explican.

Tamén salientan a necesidade de impulsar a divulgación en galego do coñecemento científico na sociedade, especialmente dirixido a escolares, como unha das vías máis directas de socialización da actividade investigadora e de asociar o galego a rexistros de prestixio. “Cómpre, por tanto, incrementar significativamente o apoio ás actividades de divulgación científica realizadas polas universidades e outros entes e organismos. Nunha sociedade en que o uso das tecnoloxías da comunicación é determinante, a divulgación científica en galego debería formar parte da programación dos medios públicos”, engaden os autores.

Compromiso empresarial

O estudo tamén sinala ó empresariado como parte fundamental para prestixiar a lingua galega. “O mundo empresarial é dos ámbitos nos que a presenza do galego é menor polo que a transferencia de coñecemento que se realiza polos grupos de investigación á sociedade (empresas, administracións…) pode servir para galeguizalo”, aconsellan os investigadores, quen cominan ás universidades galegas e á Xunta de Galicia a “facer cumprir as súas normas de uso do galego na contratación e na prestación de servizos”.

“As redes de emprendemento dependentes ou nas que participan tanto a Xunta de Galicia como as universidades (Fundación Emprega-Universidade Galega [Feuga], as oficinas de transferencia de resultados de investigación [OTRI]…) teñen que modificar os seus usos lingüísticos para contribuír a que a transferencia da investigación se realice en galego”, advirten.

A continuación móstranse os gráficos cos resultados máis destacados das enquisas realizadas para o estudo dirixido pola profesora Alba Nogueira.

Linguas de publicación científica


Linguas por áreas de coñecemento


Respostas por áreas no uso de idiomas


Uso do galego en publicacións


Percepción do impacto do uso do galego


Motivos para non publicar en galego

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.