Miguel López, investigador da USC.

Miguel López, investigador da USC.

Premio europeo para Miguel López, investigador da USC en endocrinoloxía

Entre os seus fitos están estudos sobre a graxa parda ou a relación de masa corporal e nicotina

O investigador da USC Miguel López recibirá o vindeiro mes de maio en Lisboa un dos galardóns para persoal investigador do ámbito da endocrinoloxía máis importantes do mundo, o European Journal of Endocrinology Prize que outorga a Sociedade Europea de Endocrinoloxía. Este é un premio que recoñece o labor de investigadores/as menores de 45 anos que teñan “contribuído de xeito significativo ao avance do coñecemento no eido da endocrinoloxía a través de publicacións” especializadas.

Case unha década despois de ter sido galardoado como o mellor novo investigador básico de Europa no eido da obesidade e o primeiro español que recibía o ‘EASO Young Investigator Awards for Basic Science’, Miguel López suma o seu nome a unha lista de destacados/as expertos/as que integran outros quince especialistas en todo o mundo e entre os que se atopa unicamente outro español, Manuel Tena-Sempere. O profesor López recibirá este premio nunha cerimonia en Lisboa a finais do mes de maio na que pronunciará un relatorio sobre a súa abundante investigación arredor da definición de dianas fronte á obesidade. As súas liñas de investigación céntranse no estudo dos mecanismos hipotalámicos que regulan a inxesta de alimentos e o gasto enerxético, con particular interese no papel do metabolismo lipídico neuronal.

O profesor López foi investigador en Cambridge e obtivo unha bolsa Starting Grant

Miguel López, doutor en Bioloxía pola USC, realizou estudos posdoutorais na Universidade de Cambridge (UK). A súa liña de traballo foi merecedora dunha axuda Starting Grant do European Research Council (ERC) a través da que estuda se determinados tipos de lípidos poden ser tóxicos e interferir cos mecanismos moleculares que regulan a inxesta de alimentos e o gasto enerxético no hipotálamo. O investigador apunta que o coñecemento destes mecanismos moleculares permitirá identificar novas dianas terapéuticas para o tratamento da obesidade e a síndrome metabólica. O investigador ten o seu laboratorio no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CIMUS) e está adscrito tamén ao IDIS e ao CIBERobn.

De feito, nos últimos anos o traballo do seu grupo de Miguel López na USC permitiu demostrar que as hormonas tiroideas modulan o metabolismo das graxas no hipotálamo. Despois relacionou o consumo de nicotina coa perda de masa corporal, a través da proteína AMPK para, meses despois, sinalar que unha proteína –denominada BMP8B– xoga un papel fundamental na termoxénese, forma en que a graxa parda queima os lípidos. Neste mesmo ámbito o equipo do investigador estudou a relación entre diabete tipo 2 e obesidade e descubriu o mecanismos mediante o cal os estróxenos –concretamente, o estradiol- regulan o peso corporal. Este longo percorrido na comprensión da obesidade alcanzou un novo chanzo co descubrimento dun novo mecanismo molecular que afecta ao aumento de peso e á aparición de diabete, a través das ceramidas, unha familia de lípidos que forma parte das membranas celulares e que tamén están implicadas en procesos de sinalización celular.

Máis recentemente, o seu equipo descubriu un novedoso mecanismo molecular que demostra como o aumento dunha proteína no hipotálamo consegue que ratas obesas adelgacen sen deixar de comer, ao tempo que melloran o seu estatus metabólico diminuíndo ademais a diabete tipo 2 asociada.

Outros galardóns obtidos por este investigador foron o Premio Extraordinario de Doutoramento da USC en 2003, o Premio de Investigación da Academia Médico-Quirúrxica da Consellaría de Sanidade en 2004 e o Premio de Investigación Básica en Obesidade da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición en 2006, así como o premio na modalidade Talento Novo en Investigación Biomédica da segunda edición dos premios ‘ Constantes y Vitales’, que achega 100.000 euros para o desenvolvemento das súas liñas de traballo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.