A noite do sábado ao domingo será a máis intensa para as Perseidas.

A noite do sábado ao domingo será a máis intensa para as Perseidas.

Chegan as Perseidas co espectáculo da choiva de estrelas

Esta fin de semana a maior intensidade do polvo cometario permitirá ver ata 100 estrelas fugaces por hora

Como cada ano por estas datas, os pequenos escintileos de luz das Perseidas iluminan as noites de agosto. Nesta ocasión o seu pico de actividade será na madrugada do sábado 12 ao domingo 13 de agosto, cando se poderán observar ata cen estrelas fugaces por hora. Para gozar deste espectáculo astronómico só hai que elixir un lugar escuro lonxe da contaminación lumínica das poboacións.

Entre finais de xullo e finais de agosto, a Terra atravesa todos os anos na súa traxectoria ao redor do Sol o ronsel de partículas que deixa o cometa Swift-Tuttle, o que provoca que multitude de partículas, chamadas meteoroides, choquen contra a atmosfera.

Este é o fenómeno que está detrás da famosa choiva de estrelas das Perseidas. Reciben o seu nome porque emerxen da constelación de Perseo, no horizonte nordés, e parece que se dirixen en todas direccións. Tamén son coñecidas popularmente como bágoas de San Lourenzo, por aparecer ao redor da festividade deste santo.

A presenza da Lúa empobrecerá este ano a observación das estrelas fugaces

A maioría dos meteoroides que as orixinan son tan pequenos como un gran de area, e cando se cruzan co noso planeta impactan contra a atmosfera a máis de 210.000 quilómetros por hora. Nestes fragmentos o choque produce un aumento de temperatura de ata 5.000 graos nunha fracción de segundo, o que fai que se desintegren e emitan o escintileo de luz que recibe o nome de meteoro ou estrela fugaz.

Esta desintegración acontece a grande altura, normalmente entre os 80 e 100 quilómetros sobre o nivel do solo. As partículas máis grandes (do tamaño dun chícharo ou maiores) poden producir estrelas fugaces moito máis brillantes que reciben o nome de bólidos.

Nesta ocasión a Lúa interferirá na observación do fenómeno, e empobrecerá as condicións de visibilidade. Aínda así, estímase que haberá un máximo duns cen meteoros por hora no seu pico de actividade, que este ano en Europa será a noite do 12 ao 13 de agosto, o mellor momento para observar esta choiva de estrelas.

Para gozar das Perseidas non é necesario utilizar telescopios nin ningún outro tipo de instrumento óptico. Só é necesario observar o ceo desde algún lugar o máis escuro posible e lonxe da contaminación lumínica de pobos e cidades.

Por mor de que a Lúa se atopa en fase menguante e sairá cara ás 00:20 do día 13, o director do Observatorio Astronómico Ramón Aller da Universidade de Santiago, José Ángel Docoborecomenda comenzar antes a observación.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.