O profesor e investigador da UVigo Carlos Lago.

O profesor e investigador da UVigo Carlos Lago.

‘Pelé non sería hoxe unha estrela e tería problemas para moverse no campo’

O profesor Carlos Lago reúne no libro 'Fútbol es fútbol' ciencia e balompié con datos como que o balón corre o dobre que en 1970

Serían Pelé, Beckenbauer ou Cruyff estrelas no fútbol actual? Era o Real Madrid o equipo de Franco? Favorecen os árbitros sempre aos mesmos equipos? Estas e outras moitas preguntas vinculadas a mitos e crenzas relacionadas co chamado ‘deporte rei’ son analizadas desde unha perspectiva científica polo profesor Carlos Lago no seu novo libro Fútbol es fútbol. Una explicación científica sobre creencias del juego. Publicado pola editorial Mc Sports, este volume trata de “trasladar os resultados de diferentes investigacións a un formato accesible para os adestradores e o gran público”, apunta este docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

O libro 'Fútbol es fútbol'.

O libro ‘Fútbol es fútbol’.

A recorrente frase de “fútbol es fútbol”, que acuñou o técnico Vujadin Boskov, é empregada por Lago Peñas para o título dunha publicación na que trata de “achegar luz sobre algúns dos mitos que se teñen sobre o xogo” a partires dos resultados de investigacións realizadas tanto polo seu grupo de investigación como por outros investigadores e investigadoras. De aí que Lago persente o libro como un “labor de divulgación científica, que trata de ser ameno e rigoroso á vez”, co propósito de achegar “aos afeccionados ao fútbol os achados científicos” nun ámbito, o do deporte, no que, resalta, “existe un labor de investigación moi potente”.

Prologado polo adestrador Pablo Alfaro, Fútbol es fútbol estrutúrase en nove capítulos nos que Lago relata como a ciencia ten abordado diferentes aspectos relacionados co rendemento ou a historia deste deporte ou intentado dar resposta “a preguntas moi habituais entre os afeccionados, como si o mellor Pelé sería capaz de ser unha estrela no fútbol actual”. A este respecto, este profesor alude á evolución vivida por este deporte, “tanto nos aspectos físicos e técnicos, como na propia velocidade do xogo”, e que podería levar a concluír que “se tivésemos unha máquina do tempo e movésemos” ao xogador brasileiro ao fútbol actual, “non só non sería unha estrela senón que tería enormes problemas para moverse no campo”. Mais ao mesmo tempo tamén deixa claro que esta sería unha afirmación “inxusta, posto que o talento de Pelé, traballado cos sistemas de adestramento actuais, seguramente faría del un xogador extraordinario”.

Pelé necesitaría o adestramento de hoxe para ser un xogador extraordinario

Lago analiza a idea de que as arbitraxes rematan favorecendo aos equipos grandes, á que Lago dedica un capítulo, no que demostra “como cando o marcador está igualado, os árbitros tenden a beneficiar ao equipo máis importante engadindo máis tempo de prolongación, mentres que cando estes equipos van gañando por pouco, a tendencia é acurtar a prolongación”.

Tamén hai espazo neste libro para cuestións relacionadas coa historia deste deporte, como se durante a ditadura de Franco, o Real Madrid tiña “algunha vantaxe sobre os demais”. Con ese propósito, o investigador recolle as conclusións dun estudo sobre as ligas de 47 países que levou a cabo xunto cos seus irmáns Santiago Lago, catedrático de Economía da Universidade de Vigo, e Ignacio Lago, profesor do Departamento de Ciencias Políticas da Pompeu Fabra. Esta investigación permitiu comprobar que “nas ditaduras hai sempre máis desequilibrio competitivo que en democracia, é dicir, que menos equipos gañan máis veces o campionato”. Mais, a pesares de que en casos como os dos países do extinto bloque soviético, “os mecanismos cos que o réxime influía sobre os resultados están claros”, por exemplo recrutando aos mellores deportistas para os equipo do exército, non se puido comprobar este aspecto no caso español.

Pelé xogando no ano 1960.

Pelé xogando no ano 1960.

“O fútbol cambiou moito, a velocidade coa que circula a pelota, por exemplo, multiplicouse practicamente por dous desde 1970”, engade Lago, que trata de reflectir no libro a influencia que tivo a ciencia á hora de “mellorar os sistemas de adestramento ou axudar aos adestradores a atopar xustificacións do que está a suceder ou confirmar o que eles, coa súa visión de expertos, xa ven no xogo”. Con ese propósito, aborda conceptos como a “entropía aproximada, un indicador matemático que permite ver a predicibilidade ou impredicibilidade” dunha serie de factores do xogo, por exemplo, grazas á análise dos datos recollidos a través de sistemas GPS. “A partires do cálculo desa entropía, podemos saber canto de predicible é o comportamento dun xogador ou dunha liña defensiva e identificar que factores a modifican”, o que constitúe unha axuda ao labor dos adestradores á hora de “poder prepararse ante os escenarios máis probables”.

Mais, ao mesmo tempo, Lago tamén deixa claro que a pesares do que os avances científicos teñen contribuído a facer do fútbol un deporte “máis rápido e máis atractivo, ao final o xogo vai ser resolto pola creatividade, pola arte dun xogador nun un contra un”. Neste senso, incide en que “a ciencia pode axudar a mellorar a preparación dese xogador, a evitar que teña lesións ou a analizar que ten que facer o equipo ante esas situacións de un contra un”, motivo polo que se ten convertido “nun factor multiplicador do espectáculo”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.