Os osos cavernarios convivían en competencia cos humanos. Os osos cavernarios viviron en competencia cos humanos. José Antonio Peñas (Sinc)

Os osos cavernarios convivían en competencia cos humanos. Os osos cavernarios viviron en competencia cos humanos. José Antonio Peñas (Sinc)

Os osos cavernarios eran fieis ás súas covas nas montañas de Galicia

Os osos do Courel volvían á gruta familiar onde nacían para hibernar e criar

Os osos cavernarios (Ursus spelaeus) que vivían do norte da península Ibérica practicaban o homing, é dicir, volvían a casa para hibernar. Un estudo liderado por Gloria González Fortes, investigadora española actualmente na Universidade de Ferrara (Italia), explica así por que nas covas estudadas de Galicia e Navarra existe unha soa liñaxe exclusiva.

Oso cavernario Ursus spelaeus.

Oso cavernario Ursus spelaeus.

“O estudo baséase fundamentalmente na análise do xenoma mitocondrial de osos cavernarios do Pleistoceno Superior. Os osos cavernarios volvían ás súas covas natais para hibernar e dar a luz ás súas crías. Mantiveron a fidelidade a estas covas de xeración en xeración durante miles de anos. Os osos pardos xa eran máis flexibles en canto aos seus lugares de hibernación, de feito, non se observa ningunha asociación entre a liñaxe xenética e o xacemento arqueolóxico”, declara Gloria González Fortes. O seu traballo publícase na revista Molecular Ecology.

Entre as especies de oso existentes hoxe en día, a capacidade de volver ao seu lugar natal observouse no oso americano. No pardo non hai datos que indiquen ese comportamento. Ademais, ambas as especies son máis flexibles que os osos cavernarios para os períodos de hibernación, xa que non necesariamente os pasan en covas.

En Galicia, mantiveron a fidelidade de xeración en xeración por miles de anos

“O interesante do noso estudo é que puidemos demostrar, a partir de datos xenéticos extraídos de mostras fósiles, -algunhas delas de máis de 50.000 anos de antigüidade- que existiu unha diferenza de comportamento entre osos pardos e cavernarios neste aspecto”, engade.

O oso cavernario extinguiuse fai uns 24.000 anos. Por iso, o pouco que se sabe do seu comportamento ten que se deducir a través do estudo dos restos fósiles que quedaron en covas.

“A partir da extracción e secuenciación dos xenomas mitocondriais completos de 33 osos cavernarios e 16 osos pardos, puidemos estudar as súas relacións filoxenéticas e entón foi cando atopamos a asociación entre as liñaxes de osos cavernarios e as súas covas de orixe. En total incluíronse no estudo 4 covas de O Courel (Eiros, Linares, Arcoia e A Ceza) e unha cova de Navarra (Amutxate)”, apunta a científica.

A explicación sobre por que se comportaban desta maneira é complexa, xa que implica mecanismos sociais e de aprendizaxe que permitirían ás crías recoñecer o seu lugar de nacemento e volver a el para hibernar e criar durante a vida adulta.

“Practicamente observamos que en cada unha das covas estudadas hai unha familia de osos cavernarios, no sentido de que todos os individuos procedentes da mesma cova están emparentados por vía materna, e que esa liñaxe familiar mantense fiel á mesma cova durante milenios”.

Os osos cavernarios extinguíronse hai uns 24.000 anos

Aurora Grandal, científica da Universidade da Coruña e coautora do estudo engade: “Isto tamén implicaría que estes osos realizarían unha hibernación colectiva, como se podía hipotetizar naquelas covas que conservan a superficie de habitación orixinal e presentan numerosas camas de oso”.

Os osos pardos actuais teñen un comportamento moi territorial: as femias posúen territorios máis pequenos e os machos ocupan territorios maiores, que abarcan os de varias femias. Os individuos novos, cando se independizan, afástanse do territorio materno, aínda que é frecuente que as fillas se establezan preto das nais, mentres que os machos novos afástanse moito máis.

Restos fósiles dun oso cavernario.

Restos fósiles dun oso cavernario.

“Non sempre ocupan covas para hibernar, e ás veces escavan as oseras de hibernación na terra, baixo as raíces dalgunha gran árbore, ou en formigueiros. Todo isto é porque ao longo da xeografía desta especie non sempre hai covas dispoñibles. No caso dos osos cavernarios dáse a circunstancia de que os seus restos atópanse preferentemente, se non exclusivamente en covas”, explica Grandal.

Para entender a extinción dunha especie é necesario considerar varios factores. Ata agora, para a desaparición do oso cavernario considerábanse algúns como o cambio climático en torno ao último máximo glacial e a presión humana.

“Noutro estudo previo demostramos que houbo un declive na variabilidade xenética destes osos ata 25.000 anos antes da súa extinción, e tamén moito antes do último arrefriado climático, pero coincidindo coa expansión dos humanos modernos por Europa. Conclúese que a competencia entre osos e humanos polas covas debeu de xogar un papel importante neste declive”, expón a científica da Universidade da Coruña.

Con esta nova investigación descubriron outra traba para a especie que non tiveran en conta anteriormente. “Este factor é a extrema dependencia do osos cavernario con respecto ás covas para criar e hibernar. Hai que ter en conta que estamos a falar dun tempo no que estes animais terían que competir co home na ocupación das covas”, sinala González Fortes.

A extrema dependencia das covas para criar foi un factor da súa extinción

A dependencia é un factor que non existe no oso pardo e que podería ser clave para explicar a extinción dos cavernarios e a supervivencia dos pardos, unha especie filoxenéticamente moi próxima aos cavernarios, que convivía con eles no Pleistoceno e conseguiu sobrevivir ata os nosos tempos.

Este comportamento, que en etoloxía denomínase homing, existe noutros animais que xeralmente volven ás zonas onde naceron para volver reproducirse, como os salmóns ou tartarugas mariñas, pero é difícil de recoñecer nun animal extinto. O estudo abre novas portas para os estudos etológicos en especies xa desaparecidas.

Para este traballo foi fundamental a colaboración internacional, especialmente entre os grupos de investigación do Instituto Universitario de Xeoloxía da Universidade da Coruña e o laboratorio de paleogenómica dirixido por Michael Hofretier da Universidade de Potsdam (Alemaña). O proxecto foi financiado fundamentalmente por un proxecto de investigación da Xunta de Galicia.

Podes consultar o estudo completo
na revista Molecular Ecology

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.