Os alumnos dos centros pontevedreses amosarán en público os seus traballos.

Os alumnos dos centros pontevedreses amosarán en público os seus traballos.

Pontevedra dá a benvida aos seus futuros científicos en Pontenciencia

Os escolares presentaron este venres os seus proxectos ante un xurado de expertos

A idea de que os nenos e nenas son o futuro fíxose patente nesta xornada na Escola de Enxeñaría Forestal, onde escolares de sete colexios pontevedreses demostraron que nas novas xeracións está tamén o futuro da ciencia. Fixérono presentando ante un xurado integrado por profesorado das diferentes facultades e escolas do campus pontevedrés os experimentos que prepararon para a terceira edición da Feira da Miniciencia, a fase final do proxecto Pontenciencia, que o Concello de Pontevedra promove coa colaboración da Vicerreitoría do campus. Da electricidade que se atopa na froita, a como sería o aspecto dos refrescos sen colorantes, pasando polo estudo de como a clorofila afecta á coloración das follas ou como o osíxeno produce a corrosión do ferro, os propios nenos e nenas, estudantes de 5º e 6º de Primaria, deron conta dos proxectos que ao longo dos últimos meses foron desenvolvendo nos seus centros nun evento que ao longo das xornadas de hoxe e mañá congrega a máis de 300 cativos no campus pontevedrés.

Financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), organismo dependente do Ministerio de Economía e Competitividade, o proxecto Pontenciencia ten como obxectivo central espertar o interese pola ciencia entre os máis novos e as máis novas, que en primeiro termo se introduciron no proxecto cuns obradoiros sobre o método científico, punto de partida para o posterior desenvolvemento dunha serie de experimentos nas que tiñan que confirmar ou refutar unha hipótese inicial, partindo tanto das propostas formuladas por un comité científico integrado por persoal docente da Universidade ou das xurdidas nas propias aulas.

Presentaranse proxectos elaborados por alumnos e polas súas familias

Tras meses de traballo, este venres tocaba expoñer os resultados e optar aos diferentes premios que se outorgarán nas dúas categorías desta iniciativa, Ciencia no Cole e Ciencia en Familia. A primeira foi a protagonista desta primeira xornada da Feira da Miniciencia, coa participación do alumnado dos CEIP San Martiño, Xunqueira I, Marcos da Portela, Parada-Campañó, Froebel, Ponte San Paio e San Benito de Lérez, mentres que a segunda, desenvolvida coa colaboración da federación de ANPAS de Pontevedra, levará a oito familias a presentar os experimentos que os cativos desenvolveron cos seus pais e nais na xornada do sábado, na que a EE Forestal tamén acollerá a entrega de premios aos mellores experimentos. “A verdade é que, ao igual que o ano pasado, o nivel é moi bo e sempre hai colexios que nos soprenden cunhas presentacións magníficas”, recoñece nese senso a profesora da Escola de Enxeñería Forestal Purificación Marcet, presidenta dun comité científico integrado 21 de profesores e investigadores, responsables de avaliar os preto de 30 proxectos a concurso.

“O que intentan este tipo de feiras é que os nenos comecen a pensar como investigadores”, salienta a subdirectora da EE Forestal, Ángeles Cancela, que xunto ao vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, e o secretario do centro, Juan Picos, acompañou ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Educación, Carmen Fouces, na inauguración desta III Feira da Miniciencia. “O que se busca é que os nenos creen hipóteses para que, seguindo unha metodoloxía determinada e sistemática, cheguen a unha serie de conclusións”, salientou Cancela dunha iniciativa que contribúe “a que a Universidade estea integrada na sociedade” e a que os cativos “non a vexan como algo alleo”. Nesa mesma liña manifestábase tamén o vicerreitor do campus, quen, tras destacar a implicación co evento, un ano máis, da EE Forestal, salientaba o valor dunha actividade que permite “abrir a Universidade e en particular esta escola aos que son a nosa canteira”, os nenos e nenas que puideron coñecer por dentro a institución académica.

Fixérono ademais nunha xornada na que o centro acolleu unha morea de actividades complementarias, como a proxección de curtametraxes de divulgación científica realizadas polo grupo de investigación da Universidade Divulgare, que achegou tamén ao evento un taller no que amosaban aos nenos as consecuencias dos polinizadores e unha exposición sobre os morcegos. Xunto a obradoiros sobre consutrición de robots, arquitectura ou música, o evento contou tamén coa colaboración da Misión Biolóxica de Galicia, dependente do CSIC, que achegou aos escolares as súas investigacións arredor de eidos como os beneficios das legumes para a saúde, ou o CIFP Carlos Oroza, que desenvolveu un obradoiro de investigación vinculado á cociña.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.