Sábado 20 Abril 2024

O truco para ler ‘El Quijote’ en dúas horas

Ler El Quijote nun par de horas é posible, só é cuestión de técnica e de “rachar cun hábito que leva contigo polo menos 20 anos”. Para mudar eses aprendizaxes “erróneos” que imos adquirindo dende nenos e axudar ao alumnado da Universidade de Vigo a mellorar a súa rapidez lectora, a súa comprensión e a súa asimilación de conceptos o Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense imparte entre hoxe e mañá un curso de Speed reading e mind mapping que encheu todas as prazas ofertadas. Os resultados, inmediatos: este venres sairán da aula lendo o dobre de rápido que ao entrar, “aínda que logo eles deben poñer en práctica na casa as técnicas aprendidas”, asegura Concepción Cochón, encargada de impartir o curso xunto a María Gregorio.

O método evita a ‘subvocalización’: que a mente repita as palabras que está a ler

Segundo informa Noemí Rey para o DUVI, o speed reading resúmese nun conxunto de técnicas fáciles de aprender e empregar na vida cotiá que axudan a aumentar a velocidade de lectura, a comprensión e mesmo o rendemento académico. A idea é acabar co “erro da subvocalización” que nos inculcan dende pequenos, é dicir, que a mente non repita as palabras que se están a ler e pasar. “Aprendemos a ler de xeito silábico e en voz alta ata e cando algún profesor ou profesora nos manda facelo calados cremos que se non nos escoitamos non estamos lendo”, explica Cochón, que neste curso trata de ensinar aos participantes a facer “unha lectura visual, a entender que as palabras entran polos ollos e pasan a ser procesadas polo cerebro”. “As persoas só somos capaces de falar a un ritmo dunhas 400 palabras por minuto e a través da subvocalización non poderiamos ler máis rápido. E hai xente que é capaz de ler 4.000 palabras por minuto, páxinas enteiras”, recoñece.

Publicidade

Cerebro a 100 por hora

Se unha persoa le unha media de entre 250 e 400 palabras por minuto, sobre unhas 350 no caso de estudantes universitarios, tras pasar polas mans de Cochón e Gregorio poderán chegar ata as 700 ou 800, “dependendo de cada un”. “Iso si, saen da clase co cerebro a 100 por hora. É como cando estabamos aprendendo a conducir, que iamos a 50 km/h e xa nos parecía moito, pero logo pasamos a 80, despois a 100… e pouco a pouco fomos collendo dominio da velocidade ata sentirnos seguros con ela”, recalca.

Os expertos din que co método o hemisferio cerebral dereito tamén participa na lectura

Os métodos empregados para ensinar todas estas técnicas é do máis variado e, sobre todo, alternativo. Nada que ver cos tradicionais métodos de lectura: ler ao revés, mentres se canta, ditando números… Como a lectura activa soamente o hemisferio esquerdo, a través deste exercicios “pídeselle axuda ao dereito, que é o creativo, para que ambos os dous interveñan no proceso”. E pouco a pouco, tamén vai aumentando a capacidade de comprensión, xa que “canto máis devagar se le máis tempo se lle da ao cerebro para pensar noutras cousas e cunha lectura rápida ten que estar centrado ao 100%”.

Durante estas dúas xornadas, os preto de 20 participantes do curso tamén se achegarán ao mind mapping, unha ferramenta gráfica que permite desenvolver e potenciar as habilidades dos dous hemisferios e que “pode ser moi interesante para os estudantes á hora de organizar apuntes, preparar presentacións…”. Por que? Porque o ser humano ten un pensamento radiante e, sen embargo, tende a estudar de maneira lineal, facendo esquemas en vertical… o que complica moito o proceso de aprendizaxe. O mapa mental parte dunha idea central sobre a que se van establecendo conexións, imitando o funcionamento do cerebro.

“Ao longo da historia personaxes como Einstein ou Leonardo da Vinci empregaban estas técnicas sen saber que eran mapas mentais, xa que houbo non foi ata os anos 70 cando o escritor e consultor educativo Tony Buzan púxolle nome e comezou a súa difusión”, explica María Gregorio. Durante unhas horas, os participantes aprenderán como traballa o cerebro e cales son as cinco leis esenciais para crear un mapa mental que siga o seu funcionamento, “asociando a imaxes, a partir de cores, dinamismo… e rachando cos esquemas do colexio para aplicar outros novos”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo

Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves

Alerta por 19 positivos por tuberculose en Ourense: estes son os seus síntomas

Un infectado contaxiou a case unha vintena de alumnos do IES Julio Prieto Nespereira que, de momento, non desenvolveron a enfermidade

A Coruña é a provincia con máis xeodestinos de Galicia

A actualización do mapa desta áreas turísticas destacadas suma 12 novos destinos e xa está integrado por un total de 26