Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil.

Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil.

O tesouro das pinturas murais da Ribeira Sacra

Unha tese defende o valor patrimonial destes 'pouco coñecidos' frescos que agochan os mosteiros da ribeira do Sil

Pinturas murais en Santa Cristina de Ribas de Sil.

Pinturas murais en Santa Cristina de Ribas de Sil.

O estudo exhaustivo de 20 igrexas e 47 murais, maioritariamente do século XVI e localizados en edificacións da Ribeira Sacra lucense e ourensá, realizado pola investigadora Lucía Pereira achega información de gran relevancia para a posta en valor e conservación da pintura mural galega, un “ patrimonio pouco coñecido e valorado que se atopa en risco de deterioro e destrución dende hai séculos”. A investigación aspira a evitar que o “falso tópico da inexistencia de pintura mural en Galicia se converta en realidade nun futuro próximo”, explica Lucía Pereira. O traballo de investigación recolle a tese de doutoramento dirixida polas profesoras do Departamento de Edafoloxía Benita Hermo Silva e Beatriz Prieto Lamas e titulada ‘Avaliación de riscos da pintura mural da Ribeira Sacra. Análise de materiais e estudo ambiental’.

Os resultados da análise “poderán ser empregados polas autoridades responsables do noso patrimonio para elaborar e implantar un necesario plan de conservación preventiva da pintura mural da Ribeira Sacra, así como un proxecto de restauración axeitado e de mantemento das igrexas en boas condicións”, engade a doutora Pereira Pardo. Na súa opinión, “isto favorecería a candidatura da Ribeira Sacra en 2015 para ser recoñecida pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade, o que sen dúbida tería unhas consecuencias moi positivas na posta en valor e difusión internacional deste patrimonio único”.

A investigación apoia a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

A investigadora realizou unha análise orientada á mellora da conservación destas pinturas, con especial atención aos principais riscos que as afectan. Os máis graves, apunta a investigadora, son aqueles relacionados coas filtracións de auga nas igrexas e construcións relixiosas que acubillan estas creacións artísticas, así como coa colonización biolóxica. A elevada concentración de ozono, o que constitúe xa de por si un risco de oxidación de colorantes, a deposición de partículas e uns niveis de humidade relativa e temperatura incorrectas son outros dos factores de risco máis acentuados.

A investigadora Lucía Pereira.

A investigadora Lucía Pereira.

A autora do traballo, que ademais de licenciada en Farmacia é tamén estudante de último curso do grao de Historia da Arte e membro do Grupo de Estudos Medio ambientais Aplicados ao Patrimonio (GEMAP), fixo unha análise detallada da composición dos materiais constituíntes das pinturas murais, ademais de desenvolver un estudo medio ambiental do interior das igrexas para, logo, diagnosticar o seu actual estado de conservación actual dos murais.

Respecto da conservación dos murais estudados na Ribeira Sacra, a investigadora sinala como principais alteracións rexistradas aquelas relacionadas co deterioro da integridade estrutural dos murais (fendas, abolados, pulverulencia da superficie pictórica, revocos debilitados…), a presenza de pátinas de distinta orixe (sulfatación superficial de la cal, pátinas biolóxicas…), o cambio cromático por alteración de pigmentos ou, entre outras, os efectos derivados de intervencións humanas non apropiadas (marcas de repicado, restos de encalado, graffiti ou restauracións non profesionais, entre outros).

A análise dos materiais empregados nestas pinturas murais conservadas nas igrexas incluídas neste estudo, financiado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia para así poder avanzar na conservación preventiva e na posta en valor deste patrimonio artístico e natural da Ribeira Sacra aínda pouco coñecido, permitiu determinar que os murais presentan revócaos de cal árido granítico, sinxelos e de elaboración pouco coidada, con habituais síntomas de des-cohesión.

As humidades e a colonización biolóxica son os perigos para estes frescos

A técnica pictórica máis habitual é o fresco, a máis resistente en pintura mural, que se basea na aplicación dos pigmentos sobre o revoco húmido, que ao carbonatar en contacto co CO2 do aire, vólvese máis duro e incorpórase aos pigmentos da estrutura do muro. Excepcionalmente, sinala a investigadora, detectouse a presenza de pequenas cantidades de substancias orgánicas moi degradadas, un elemento indicativo dunha posible técnica a seco ou de retoques a mezzo fresco.

Arco exento no mosteiro de Santa Cristina.

Arco exento no mosteiro de Santa Cristina.

A paleta pictórica é reducida (vermellos, rosados, alaranxados, amarelos, ocres, marróns, grises, negros e brancos), xeralmente a base de pigmentos de orixe natural é probablemente de procedencia local. Todos eles son acaídos para empregarse en pintura ao fresco. Aínda así, o estudo permitiu detectar en ocasións pigmentos artificiais (minio, vermellón), que son máis vulnerables e que nalgúns casos permiten a datación da pintura (gallofiño, empregado entre os séculos XV e XVII, ou en repintes máis recentes: pigmentos de produción industrial, sintetizados a partir do século XIX).

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada polo Lucía Pereira Pardo estivo presidido polo catedrático do Departamento de Historia da USC Juan Manuel Monterroso Montero. Ana Jesús López Díaz, do Centro de Investigacións Tecnolóxicas da Universidade da Coruña; Milene Gil, do Laboratorio Hércules, da Universidade de Évora (Portugal); Fernando Carrera Ramírez, da Escola Superior de Conservación de Bens Culturais de Galicia, e a profesora do Departamento de Edafoloxía da USC María Teresa Barral Silva, en calidade de secretaria, completaron o tribunal que cualificou con sobresaínte cum laude a investigación.

Esta investigadora nada en Tomiño, aínda que afincada en Compostela, vén de ser tamén seleccionada para o Zeno Karl Schindler Fellowship, o que lle permitirá participar no proxecto MINIARE, da Universidade de Cambridge, a partir de xuño de 2015. A súa tarefa neste novo proxecto de investigación será a análise mediante técnicas non incisivas dos pigmentos empregados nas miniaturas da extensa e valiosa colección de códices medievais e renacentistas conservados no Museo Fitzwilliam.

2 respostas a “O tesouro das pinturas murais da Ribeira Sacra”

    • Lucía Pereira

      Moitas grazas, Marisa. Alégrame saber que che gustou o meu traballo, realiceino con moito entusiasmo e agardo que os resultados poidan ser de utilidade para a conservación deste patrimonio único, que cómpre poñer en valor. Unha aperta!

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.