Martes 19 Marzo 2024

O profesor da Coruña Héctor Gómez, Premio Princesa de Girona de Investigación

O profesor titular da Universidade da Coruña, enxeñeiro de Camiños e doutor pola UDC, Héctor Gómez Díaz acaba de obter o Premio Fundación Princesa de Girona, FPdGi, Investigación Científica 2017, segundo se anunciou nun acto celebrado no Parc Cientific de Barcelona.

O premiado, especifica a información da Fundación Princesa de Girona, foi distinguido pola súa aportación no desenvolvemento de modelos matemáticos e algoritmos para a simulación numérica en enxeñaría computacional, con aplicacións para a predición do crecemento do cancro de próstata de forma personalizada.

Publicidade

logo_capn

O xurado estivo presidido pola filósofa Adela Cortina e integrado polo catedrático de Física Teórica e presidente da Asociación Europea de Universidades, Rolf Tarrach, o investigador e matemático Alberto Enciso, Premio FPdGi Investigación Científica 2014, a bióloga e empresaria Cristina Garmendia e o director do Institut Català d’Investigació Química, Miguel Ángel Pericàs.

En declaracións á Fundación, Héctor Gómez manifestou o seu “orgullo por ter sido galardoado cun premio de tanto prestixio, que dará gran visibilidade” a un campo da ciencia como é “a ciencia predictiva, analítica e de simulación que ten tanto camiño por percorrer”. O investigador explicou o seu traballo cunha comparación coa meteoroloxía “hoxe a ninguén lle sorprende que xa poidamos predicir con precisión o tempo que vai haber nos próximos días, pois co meu traballo intento facer o mesmo coa evolución do cancro, para predicir cándo vai supoñer un problema real e, polo tanto, anticipar os tratamentos”.

Héctor Gómez recibiu unha bolsa Starting Grant e foi premiado polo MIT

Este galardón recoñece a traxectoria de científicos novos con experiencias ou proxectos de investigación destacados na súa disciplina, emprendedores, innovadores e cun elevado potencial de desenvolvemento futuro. Os premios Fundación Princesa de Girona, dotados con 10.000 euros e unha reprodución dunha obra do escultor Juan Muñoz, recoñecen a traxectoria innovadora e exemplar de xente nova, así como dunha entidade da Unión Europea que traballe a favor da xuventude. Entregaranse o 29 de xuño nunha cerimonia que presidirán as os Reis no Palacio de Congresos de Girona.

Héctor Gómez Díaz (Lugo, 1980) é profesor de Matemáticas Aplicadas na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña. Foi profesor invitado do Institute for Computational Engineering and Sciences de Texas (Estados Unidos). Recibiu numerosos premios e recoñecementos internacionais como a Starting Grant do European Research Council, o premio Juan C. Simó ao mellor investigador novo en mecánica computacional ou o premio Agustín de Betancourt ao mellor investigador menor de 40 anos en calquera campo da enxeñaría, e foi seleccionado como “Innovador menor de 35 anos” pola MIT Technology Review.

Dedicou gran parte da súa carreira á enxeñaría computacional, en particular á súa utilización no campo da medicina. Un exemplo dos seus logros é o proxecto MuSIC, que utiliza ecuacións moi complexas, con gran cantidade de datos e simulación por ordenador a gran escala, para predicir o crecemento do cancro de próstata de forma personalizada. O proxecto segue a filosofía dunha nova tendencia en medicina que se coñece como medicina predictiva. Unha innovación fundamental de MuSIC é que desenvolve e valida a súa metodoloxía usando anatomías e datos específicos de cada paciente, unha idea non explorada no campo do cancro de próstata.
Máis información na web da FPdGi: https://goo.gl/N0qwlt

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A toxoplasmose é un factor de risco para o envellecemento inflamatorio nos maiores

Un estudo da UDC demostra que as persoas cunha resposta de anticorpos máis forte á infección tiñan máis probabilidades de ser fráxiles

O matemático Eduardo García Río ingresa na Academia de Ciencias 

O catedrático de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago incorpórase á sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación

A UDC coordina o primeiro sensor automático en detectar zoonoses a escala mundial

O proxecto está liderado polo grupo do investigador Alejandro Criado. Chámase FLUFET e identifica un amplo espectro de obxectivos virais

Os investigadores galegos da trama saudita cobraron da empresa do intermediario dos árabes

Os dous empregados do Centro da Carne, cunha desenfreada produción científica, inscribíronse na universidade Rei Abdulaziz pese a desenvolver a súa carreira en Galicia