Venres 26 Abril 2024

O máis saudable do amorodo está por fóra: nas pebidas

O mellor do amorodo non está dentro. Está fóra: nas pebidas. E hai que lembrar que este froito ten as súas sementes na ‘pel’, na parte técnicamente chamada aquenio. Persoal investigador do Instituto Andaluz de Investigación e Formación Agraria, Pesqueira, Alimentaria e da Produción Ecolóxica (IFAPA), en colaboración con investigadores das universidades de Vigo e da Marche, en Italia, veñen de demostrar que o aquenio, as pebidas do amorodo, conteñen a maior cantidade de antioxidantes destes froitos, concretamente o 81% do total. “O que conseguirmos demostrar é que o aquenio é unha bomba de compostos fenólicos, de antioxidantes”, comenta Patricia Reboredo, investigadora do Centro de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da Universidade de Vigo que participa no proxecto.

Patricia Reboredo.
Patricia Reboredo.

Segundo informa a Fundación Andaluza para a Divulgación da Innovación e o Coñecemento, a Fundación Descubre, o persoal investigador deste proxecto chegou a estes resultados a través dun proceso de simulación dunha dixestión realizado en laboratorio, que lles permitiu cuantificar os antioxidantes de aquenio e amorodo que se liberan no estómago e intestino. “Realizamos un estudo de bioaccesibilidade, para comprobar as compoñentes que estes produtos desprenden no estómago; e por outro lado, de biodispoñiblidade, para coñecer cales poderían pasar ao torrente sanguíneo”, explica María Teresa Ariza, investigadora principal do proxecto da Área de Xenómica e Biotecnoloxía do Centro IFAPA de Churriana. O aquenio, indica, constitúe o 7,5% do peso seco do froito do amorodo, por este motivo “resulta aínda máis rechamante que, pese ao seu tamaño, as pebidas conteñan este poder antioxidante”.

Publicidade

O estudo foi publicado no International Journal of Molecular Sciences

Os compostos antioxidantes analizados neste traballo foron fundamentalmente fenois, flavonoides e antocianos. As propiedades antioxidantes, apuntan os seus responsables, xa se lle atribuían ao amorodo pero non aos seus aquenios, o que achega un novo valor engadido ao froito. Os resultados da investigación foron publicados recentemente na revista International Journal of Molecular Sciences co título Strawberry Achenes Are an Important Source of Bioactive Compounds for Human Health. Con esta investigación, salientan os seus responsables, quérese destacar a importancia do amorodo como un alimento saudable, poñendo de manifesto o valor do aquenio como produto biosaudable por si mesmo. A investigación, financiada polo IFAPA coa colaboración do Ministerio de Economía e Competitividade, contempla dúas fases posteriores. Segundo indican, na primeira determinarase se os antioxidantes liberados no organismo son capaces de cumprir a actividade que se lle atribúe e na segunda centrarase na función antioxidante de aquenios e amorodos en células procedentes do fígado.

Patricia Reboredo, investigadora da Área de Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Vigo, comezou a participar no proxecto durante a súa estadía investigadora na Universidade Politécnica de la Marche e continúa agora no proxecto desde o Centro de Investigacións Agroambientais e Alimentarias do campus de Ourense. “Esta investigación foi o inicio dun proxecto no que estamos traballando e que busca a caracterización dos aquenios e dos amorodos en xeral”, apunta a investigadora. No marco deste traballo recentemente, sinala Reboredo, María Teresa Ariza estivo na Facultade de Ciencias ourensá para avanzar na determinación dos compostos fenólicos nos amorodos xunto aos investigadores Jesús Simal, Beatriz Cancho, Carmen González e Patricia Reboredo. “Participamos neste proxecto no marco da liña de investigación en compostos bioactivos que temos na Área de Nutrición e Bromatoloxía”, afirma Patricia Reboredo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo