Venres 29 Marzo 2024

O Goberno converte en prácticas os contratos predoutorais

Centos de investigadores galegos están afectados pola modificación dos contratos predoutorais que aplicou o Ministerio de Empleo y Seguridad Social. Unha modificación unilateral, que se comezou a levar a cabo en setembro de 2015, e que non foi comunicada de xeito directo aos investigadores, segundo informaba estes días a web Hipertextual.

O Goberno estatal cambiou os contratos por obra e servizo (código 401), que ata ese momento se aplicaban aos doutorandos, polo contrato en prácticas (código 420). Un cambio non contemplado na Lei da Ciencia do ano 2011, que mellorou as condicións dos investigadores e deixou de consideralos bolseiros, e que prexudica, segundo os afectados pola modificación, aos seus dereitos laborais por varios motivos.

Publicidade

Numerosos investigadores predoutorais realizan estancias noutros países da UE, para a que teñen que solicitar a tarxeta sanitaria europea. Algúns deles, ao acudir á Seguridade Social a pedir dito documento, atopáronse con que non tiñan dereito a ela, xa que non cubre os contratos en prácticas. Foi así, de feito, como se enteraron numerosos afectados, como se comenta en varios foros.

Esta modificación tamén reduciría as posibilidades de contratación unha vez rematado o doutoramento. Ao estar dados de alta pola modalidade de prácticas, algúns sindicatos e colectivos de afectados deron a voz de alarma, xa que non terían dereito a ser contratados por outra empresa ou organismo a través desa mesma fórmula, ao esgotar a duración determinada para este tipo de relación laboral (un máximo de dous anos). Por tanto, os gastos para o contratante serían maiores, polo que é posible que nalgúns casos se renuncie á contratación do doutorado.

Desde algúns sindicatos e colectivos de estudantes, sosteñen que esta modificación pode ser “ilegal” debido a que incumpre o Estatuto dos Traballadores, que “prohíbe a novación contractual unilateral”, e que ao mesmo tempo, choca coa natureza dos contratos en prácticas, cuxa duración non pode exceder de dous anos. Xa están en marcha varias iniciativas para reclamar a restauración das condicións anteriores, incluíndo unha petición en Change.org.

Resposta dos reitores

Non en tanto, no día de onte, a Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas (CRUE) emitiu un comunicado para aclarar a situación. No texto sinalan que o cambio de código “non supón perda de dereitos ou prestacións aos contratados na prestación de desemprego, duración máxima do contrato e a posibilidade de gozar dun contrato en prácticas con posterioridade, dado o carácter especial dos contratos predoutorais a partir da Lei 14/2011 da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación”.

Unha resposta que vai na mesma liña que a do Ministerio, onde sosteñen que este cambio é só a nivel administrativo, que non terá consecuencias nas condicións laborais dos doutorandos. Din que a modificación se levou a cabo a instancias da Conferencia de Rectores polos problemas administrativos que xeraba a nomenclatura anterior. No seu comunicado, a CRUE recoñece que no ano 2014 se dirixiu ao Ministerio para instarlle a solucionar ditos problemas. Foi a partir de aí cando o Executivo puxo en marcha a modificación dos contratos.

Os reitores recoñecen que están pendentes de resolver os atrancos que xurdiron coa tarxeta sanitaria europea. Din, citando a fontes do Goberno, que dito documento “pode sufrir cambios no procedemento de solicitude, pero non na prestación en si mesma”.

A polémica chegou onte ao Congreso dos Deputados, onde o grupo parlamentar do PSOE pediu a comparecencia dos ministros de Economía, Emprego e Educación para aclarar a situación na que quedan os doutorandos españois.

 

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.