Sábado 20 Abril 2024

O galego Liz-Marzán obtén por segunda vez a prestixiosa Advanced Grant da UE

Luis Liz-Marzán é o primeiro científico galego que acada por segunda vez a elitista bolsa Advanced Grant, que concede o Consello Europeo de Investigación. E non é a primeira vez na que se converte en pioneiro, porque tamén foi o primeiro galego en conseguir este contrato, que achegará 2,4 millóns de euros para os seus traballos sobre o cancro.

Liz-Marzán é un exemplo de científico que tivo que facer as maletas para prosperar. Foi fichado polo Goberno vasco para dirixir o CIC BiomaGune, un centro de excelencia onde non ten as trabas burocráticas que moitas veces colapsan a investigación nas universidades. Cando traballaba na Universidade de Vigo acadou a súa primeira Advanced Grant, pero a segunda chega agora, tras aceptar a oferta dende Donosti no ano 2012.

Publicidade

O proxecto que agora encara Liz-Marzán titúlase  “Monitoreo en 4D do crecemento tumoral mediante dispersión Raman en superficie”. O seu obxectivo é combinar a ciencia dos materiais cos estudios en medicina, para crear de xeito controlado tecidos que se comporten como tumores. Así poderán ‘crear’ cancros de mama e melanomas, para poder estudar a súa evolución en tempo real e comprender mellor esta enfermidade. Tamén poderán probar os fármacos que mellor funcionan para atallar este cancro.

Liz-Marzán é doutor pola Universidade de Santiago e investigou na UVigo

Liz-Marzán estudou Química na Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou en 1992. Foi investigador postdoctoral na Universidade de Utrecht e profesor na Universidade de Vigo (1995 – 2012). Foi ademais profesor visitante en varias universidades e centros de investigación de Xapón, Estados Unidos, Europa, Australia e Arabia. A súa investigación centrouse no crecemento controlado de nanopartículas, a súa ensamblaxe na escala nanométrica e as súas propiedades ópticas. Ademais, desenvolveu aplicacións destes materiais na área biomédica, fundamentalmente en diagnóstico e bioimaxe.

Liz- Marzán ten publicados máis de 400 artigos en revistas científicas e de divulgación, é co-inventor de 8 patentes e impartiu máis de 300 conferencias convidadas en congresos e institucións de investigación de todo o mundo. É editor da revista ACS Omega, e asesor editorial doutras publicacións. Recibiu varias distincións, como a ERC Advanced Grant, o Premio Rey Xaime I, o Premio Humboldt ou a Medalla da Real Sociedade Española de Química. Ademais, é membro da Real Academia de Ciencias e da European Academy of Sciences.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T