Xoves 25 Abril 2024

O ERC financia un proxecto da UVigo sobre cancros transmisibles en bivalvos

A excelencia científica é o criterio que determina a concesión das Starting Grant, as prestixiosas bolsas do Consello Europeo de Investigación (ERC) para facilitar que investigadores e investigadoras novos poidan desenvolver os seus propios proxectos independentes. Proxectos como o estudo do cancro transmisible en animais mariños do investigador do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía José Tubío, ao que o ERC vén de conceder 1,5 millóns de euros para o desenvolvemento desta investigación ao longo dos vindeiros cinco anos. “Para min é como recibir unha medalla olímpica, porque a competencia é enorme, este ano presentáronse preto de 3000 proxectos, a maioría dunha calidade extraordinaria, e vanse financiar arredor de 300”, sinala Tubío. O investigador, que a través dun contrato Ramón y Cajal incorporouse este ano á Universidade de Vigo tras unha etapa de catro anos en Cambrigde, convértese así no segundo investigador da institución académica viguesa en ser seleccionado neste prestixioso programa.

O programa do ERC está dirixido a investigadores cunha traxectoria de entre 2 e 7 anos desde a finalización do seu doutoramento e promovidas co propósito de reter, impulsar e aproveitar o talento das novas xeracións e permitirlles desenvolver os seus propios proxectos. Á convocatoria de 2016 das Starting Grant presentáronse un total de 2935 proxectos nas tres liñas subvencionables, Ciencias Físicas e Enxeñaría, Ciencias Sociais e Humanidades e Ciencias da Vida. Nesta última, dividida á súa vez en nove paneis que reuniron un total de 854 proxectos, insírese a proposta coa que vén de ser seleccionado Tubío, que identifica dúas das claves para a súa selección. A primeira, ter preparado a fondo a entrevista previa á resolución final, que o levou en xuño a presentar o seu proxecto, con bivalvos incluídos, ante o comité de expertos da ERC en Bruxelas, xa que “a convocatoria esixe un proxecto competitivo e orixinal, pero tamén saber defendelo”. E a segunda é “contar coa axuda de David Posada”, o primeiro investigador da Universidade recoñecido neste programa europeo e que na actualidade conta cunha axuda Consolidator Grant. Á Starting Grant de Tubío súmase ademais a obtida pola investigadora Elena Ojea, que no vindeiro mes de outubro se incorporará á Universidade de Vigo.

Publicidade

O proxecto foi seleccionado de entre preto de 3000 candidaturas

Para Tubío, a súa selección neste programa “é o premio a cinco anos de traballo, dunha dedicación practicamente plena”. O investigador foi un dos 85 candidatos e candidatas que concorreu nun panel “moi competitivo”, o de Xenética, Xenómica e Bioinformática, do que un total de 20 foron seleccionados para a fase de entrevista previa a esta resolución final, na que o comité de expertos do ERC valora a excelencia tanto do investigador, como do proxecto co que concorre. Nese senso, a súa traxectoria previa como investigador da xenómica do cancro, que durante os últimos catro anos desenvolveu na Universidade de Cambrigde, con máis de dez artigos publicados en Nature Science, dous deles como autor principal, serviron como aval da candidatura presentada por Tubío coa Universidade de Vigo como institución de acollida. “Pero, loxicamente, a guinda é o proxecto”, salienta este investigador da novidosa liña que constituirá o seu campo principal de traballo, o estudo dos cancros transmisibles en animais mariños.

Explica Tubío que ata hai un ano non se coñecía a existencia de “cancros que poden transmitirse dun individuo a outro” en especies mariñas, unha casuística só coñecida ata entón en cans e no demo de Tasmania, dúas especies nas que o investigador galego centrara precisamente a súa investigación en Cambridge nos últimos anos. “Neste caso, trátase de cancros que se transmiten polo mar dun bivalvo a outro, polo que se o pensas, este mecanismo é como unha metástase, só que en lugar de transmitirse dun órgano a outro, faino entre individuos diferentes”.

“É o premio a cinco anos de dedicación plena”

Afondar pois nos “mecanismos que ocorren nas metástases a través do estudo destes cancros tan especiais” e identificar “aqueles xenes que fan que unha célula se volva transmisible, os mecanismos moleculares que fan que unha célula poida saír dun animal e ir a outro” constitúe a base desta investigación. Os 1,5 millóns de euros que lle outorga o ERC destinaranse “na maior parte á secuenciación dos xenomas de animais mariños” e á contratación de persoal investigador, ao que tamén se suman os gastos de equipamento e consumibles tanto do laboratorio no que Tubío traballa co seu equipo no Cacti como do que “poderíamos chamar laboratorio satélite na Ecimat, sen o que non se podería realizar este proxecto” e que, como sinala Tubío, constituíron unha “vantaxe competitiva” neste proceso de selección, xa que farán posible a obtención de mostras que contribuirán a que este sexa un proxecto de investigación “100% vigués”, nunha institución que “ten unha tradición de traballo enorme na xenómica dos bivalvos”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

José Tubío: “Os científicos deberían saír á rúa como antes facían os predicadores”

O investigador aposta por crear departamentos de divulgación científica, converter a España nun país sen fume e priorizar o cambio climático polo seu impacto na saúde