A praia de Samil, en Vigo, abarrotada de bañistas.

A praia de Samil, en Vigo, abarrotada de bañistas.

O domingo ás 18.38 horas comeza o verán

Vai ser a estación máis longa do ano, con case 94 días de duración e na que o Sol está máis lonxe do planeta Terra

O verán no hemisferio norte comeza o domingo ás 18.38 horas e prolongarase ata as 10.21 horas do 23 de setembro. Será a estación máis longa do ano con 93,65 días de duración, case un día máis que a primavera, tres e medio máis que o outono e preto de cinco máis que o inverno. No momento en que comeza o verán, o Sol atoparase no punto Cáncer da Eclíptica –ou tamén coñecido como solsticio de xuño- e acada a súa máxima declinación (elevación con respecto ao ecuador celeste). Como consecuencia: estes días o sol ao mediodía terá a máxima altura posible sobre o horizonte, e o albor e o solpor produciranse o máis ao norte posible, polo que a duración do día será a máis longa do ano nosa latitude con 15 horas.

Estudantes da USC disfrutan do sol no campus.

Estudantes da USC disfrutan do sol no campus.

Como explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo, o dia 6 de xullo a Terra pasará polo Afelio -punto da súa órbita máis alonxado do Sol-, concretamente a máis de 152 millóns de quilómetros, fronte aos 147 que corresponderon a mínima distancia –Perihelio-, rexistrada o pasado 4 de xaneiro.

Aínda que haberá unha eclipse parcial de Sol o 13 de setembro, só será visible no sur de África e no océano Índico así coma na Antártida. Haberá que agardar ata os comezos do outono (28 de setembro) para poder observar dende a Península unha eclipse total de Lúa.

Nos vindeiros meses produciranse algunhas conxuncións que os profesor Docobo considera interesantes. Así na noite do vindeiro 28 ao 29 de xuño, Saturno estará moi preto da Lúa. Tamén pola noite dos últimos días deste mes e primeiros de xullo, haberá un achegamento de Venus e Xúpiter cara ao oeste, que será máximo os días 30 de xuño e primeiro de xullo.

A noite do 12 ao 13 de agosto será a esperada choiva de estrelas das Perseidas

Pouco antes da saída do Sol do 16 de xullo, estarán moi xuntos Mercurio e Marte, e dous días despois haberá a oportunidade de contemplar poñerse a Lúa acompañada de Venus e Xúpiter. No mes de xullo a Lúa estará en fase chea en dous ocasións (Lúa Azul) o día 2 e o 31. Xa en agosto, Saturno volverá a estar en conxunción co satélite terrestre o día 22.

Por outra banda e como explica o director do Observatorio Astronómico universitario, o estío é especialmente recomendable para localizar constelacións e mesmo para contemplar a Vía Láctea dende lugares con pouca contaminación lumínica. “Emblema da estación que agora comeza, é o famoso triángulo formado polas brillantes estrelas Vega (constelación da Lira), Deneb (no Cisne), e Altair (na Águia)”, sinala o profesor Docobo.

Neste mesmo capítulo, “outra data para non esquecer será a noite do 12 ao 13 de agosto, a da choiva das estrelas Perseidas que iste ano estará favorecida pola ausencia da Lúa” engadiu o astrónomo da USC.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.