Xoves 28 Marzo 2024

O CSIC avanza na reprodución 'in vitro' do carballo

A reprodución do carballo in vitro avanza grazas aos recentes estudos do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia. Unha tese doutoral realizada no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) define por primeira vez un protocolo eficiente de transformación xenética do carballo común (Q. robur), o que abre a porta á obtención mediante cultivo in vitro de exemplares máis resistentes a pragas e enfermidades.

Embrións somáticos de carballo.
Embrións somáticos de carballo.

A tese, “Embrioxénsesomática en Querqus robur L. Transformación xenética e caracterización dos xenes QrRLK e QrERF1”, enmárcase na liña de investigación que desde fai tres décadas desenvolve o CSIC en Galicia, a través do Grupo de Biotecnoloxía e Mellora Forestal do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (Santiago de Compostela), que achega a biotecnoloxía aplicada a especies forestais.
A autora, Ana Meijomín López, realizou a investigación baixo a dirección das doutoras Ana Mª Vieitez Martín e Conchi Sánchez Fernández. Os seus resultados están a publicarse en revistas de impacto, como ‘Plant Cell Reports’ ou ‘Genetics and Genomics’.
“A propagación do carballo, especie amplamente distribuída por Europa, é fundamentalmente por sementes, aínda é complexa debido a que estas son recalcitrantes. Para propagar árbores adultas seleccionadas, desde a comunidade científica está a traballarse notablemente no seu cultivo in vitro, para o que resulta fundamental a optimización de métodos como a organoxénese e embrioxénese somática”, explican as directoras da tese.
“Outra característica do carballo é que, desde hai unhas décadas, comezaron a darse en Europa episodios de mortaldade da especie debido a pragas e doenzas, polo que un dos retos na actualidade é producir exemplares resistentes. Para iso, é importante avanzar no coñecemento xenético da especie”, engaden.

A tese presentada mellora a reprodución ‘in vitro’ do carballo común

Neste contexto, a tese centrouse, por unha banda, en optimizar o proceso de embrioxénese somática no carballo. Esta metodoloxía aplícase no ámbito forestal para a propagación clonal, transformación xenética e crioconservación. “É un método de reprodución asexual que consiste na formación dunha estrutura bipolar a partir dunha ou varias células somáticas, similar a un embrión cigótico pero sen que haxa fusión de gametos, polo cal o embrión somático e a planta derivada del será xeneticamente igual á árbore de orixe. Fai algo máis dun ano, no noso grupo de investigación desenvolvemos esta técnica para a rexeneración e propagación de plantas en carballo, carballo branco americano, carballo vermello americano e carballo bicolor. Na tese optimizouse  para a multiplicación, mediante embrioxénese secundaria, de embrións somáticos establecidos a partir de árbores centenarias de carballo. Entre os resultados destaca o conseguir unha alta porcentaxe de embrións aptos para a súa xerminación e conversión a planta”, destacan as científicas do CSIC.

Embrións somáticos producidos no CSIC Galicia.
Embrións somáticos producidos no CSIC Galicia.

Ademais, identificáronse e caracterizado por primeira vez os xenes QrRLK e QrERF1 en carballo. “Estes xenes, que pertencen a familias xénicas relacionadas con procesos de desenvolvemento en plantas, son un receptor que participa na transducción de sinais ao interior da célula. E o outro é un factor de transcrición que regula a expresión de xenes de resposta ao etileno. Unha maior expresión dos mesmos está asociada a unha maior capacidade de propagar árbores seleccionadas mediante a tecnoloxía de embrioxénese somática”.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo do CSIC logra controlar unha doenza causante da extinción dos anfibios

Os investigadores aplicaron un funxicida agrario sen observar trazas do produto nin efectos significativos na química e bioloxía da auga

Zendal lanza a primeira vacina de tecnoloxía ADN contra a leishmaniose canina

‘Neoleish’ reduce a presenza do parasito en máis dun 90% e mellora os signos clínicos da doenza

Un composto natural reduce o impacto da seca e mellora a produtividade do tomate

Un equipo do CSIC e da UPV descobre como actúa o butanoato de hexenilo, un aroma que emiten estas plantas para resistir ás bacterias

Como usar datos históricos para a conservación de especies: así é a nova metoloxía con pegada galega

A UVigo e o CSIC proban un método en escaravellos coprófagos ibéricos que permite comprender a súa resposta a cambios ambientais