Os autores Alberto Fuertes (dereita) e Lionel Ozores (esquerda) xunto a J. Granja (ao lado de Ozores) e M. Amorín, Foto: Andrés Ruiz.

Os autores Alberto Fuertes (dereita) e Lionel Ozores (esquerda) xunto a J. Granja (ao lado de Ozores) e M. Amorín, Foto: Andrés Ruiz.

O CiQUS deseña dous novos compoñentes de máquinas moleculares

Os científicos Lionel Ozores e Alberto Fuertes veñen de publicar en prestixiosas revistas os seus novos avances

No mes de outubro de 2016, a Real Academia Sueca das Ciencias otorgoulle o Premio Nobel de Química aos tres ‘creadores’ das máquinas moleculares, mecanismos de tamaño microscópico que se poden regular segundo as necesidades que teñan os científicos, e que poden ter aplicacións nos medios biolóxicos e artificiais.

Os gañadores do Nobel, Jean-Pierre Sauvage, Fraser Stoddart e Bernard Feringa traballaron ao longo da súa traxectoria con varios grupos de investigación galegos, entre os que se atopa o CiQUS de Santiago de Compostela. Agora, dous investigadores deste centro, Lionel Ozores e Alberto Fuertes, veñen de publicar traballos nas prestixiosas revistas  JACS (Journal of the American Chemical Society) e Nanoscale, nos que presentan dous novos elementos destas máquinas moleculares.

Estes compoñentes poderían ter aplicacións médicas e farmacéuticas, entre outras

O primeiro dos elementos é unha cápsula que funciona a modo de colector. É unha especie de recipiente baleiro que pode albergar moléculas con propiedades complementarias ás do colector, que posúe a capacidade de atrapalas ou liberalas. É “un proceso reversible e controlable a partir das condicións ambientais”, segundo Lionel Ozores, que engade que este sistema podería ter aplicacións no transporte de fármacos e en “estratexias destinadas á limpeza molecular, encapsulando moléculas nocivas para reducir a súa toxicidade”.

A outra estrutura é o primeiro tubo molecular que contén unha zona máis estreita, a través da cal os fluídos se desprazan a maior velocidade. A escala macroscópica, estes conductos, coñecidos como “tubos de Venturi”, adoitan empregarse para medir a velocidade dun fluído. As súas aplicacións son numerosas:  tubos de aspiración utilizados en clínicas dentais, bombas de auga usadas en acuarios, carburadores, etc.

Non en tanto, a nivel microscópico, estes tubos poden servir para estudar as proteínas implicadas no transporte de ións, xa que teñen unha estrutura semellante. “Estas proteínas xogan un papel fundamental no noso sistema sensorial, e o seu mal funcionamento dá lugar a múltiples trastornos ou enfermidades”, explica Alberto Fuertes. Os investigadores do CiQUS, cuxos traballos foron dirixidos por Juan Granja e Manuel Amorín, profesores da USC, agardan que “estes compoñentes supoñan un novo paso cara ao desenvolvemento de máquinas moleculares que permitan mellorar o noso modo de vida”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.