Sábado 20 Abril 2024

‘Nature’ recolle a denuncia dos científicos españois polo “abandono” da investigación

“A maior petición sobre ciencia nunca feita en España denuncia o abandono da investigación”. Así informaba esta semana a prestixiosa revista Nature da petición presentada diante do Congreso dos Deputados por un grupo de científicos. Foron máis de 275.000 sinaturas para denunciar a “situación de progresivo abandono da ciencia española provocada polos recortes na inversión en ciencia por parte do actual Goberno de España”, tal e como se di na iniciativa impulsada no portal Change.org.

En só unhas semanas, as dúas principais revistas mundiais de ciencia recolleron a situación que está a atravesar a ciencia en España. Hai unhas semanas foi Science a que se facía eco dos problemas que atravesaban varios organismos públicos de investigación, como o Instituto Español de Oceanografía, debido aos recortes e ás trabas burocráticas que impedían a execución dunha parte importante dos orzamentos. 

Publicidade

Algunhas partidas destinadas a ciencia eran realmente préstamos á industria”, di ‘Nature’

No caso de Nature, faise un repaso polas cifras do orzamento dedicado á ciencia por parte do Goberno español, que experimentou un aumento feble desde os peores anos da crise. E o artigo engade algún dos métodos que emprega o Goberno para dar cifras maiores de investimento: “A pesar do aumento de fondos, algúns científicos todavía ven problemas. Durante os últimos anos, moitas das partidas destinadas a ciencia eran realmente préstamos á industria. E moitos científicos e organizacións acusaron ao Goberno español de usar este método para inflar artificialmente os fondos dedicados a ciencia. Os cartos prestados adoitan ofrecerse a empresas para proxectos de investigación aplicada, pero deben ser devoltos, aínda que baixo favorables condicións de intereses. Porén, unha parte substancial dos préstamos acaban sen ser solicitados e quedan sen gastar“.

Na petición da que se fai eco Nature, os científicos denuncian que “se restrinxiron prazas, apoio ás infraestruturas científicas e subvencións a proxectos. Isto culminou nun inaceptable descenso do número e contía das subvencións corrrespondentes á convocatoria 2017 de proxectos de I+D+i do Programa Estatal de Investigación, Desarrollo e Innovación”, ademais do retraso dun ano na posta en marcha do Plan Estatal de l+D+i (2017-2020). Unha situación que, segundo os que subscriben a petición, “repercute negativamente en todo o sistema de ciencia e tecnoloxía do país e incide de modo dramático en investigadores mozos que non poden establecer novos grupos de traballo”.

Conclúe o texto destacando a importancia da ciencia como “motor cultural e económico” do país, polo que “non apoiala representa agravar o déficit económico do país e a precarización laboral, como se documentou en informes nacionais e internacionais”. Deste xeito, os asinantes apelan a “científicos, académicos, sociedades científicas, sindicatos e outras organizacións preocupadas pola situación social do noso país a que emprendamos as accións que estean ao noso alcance para tratar de corrixir a situación actual. O compromiso coa ciencia e coa sociedade así nolo esixe”.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade