Esquema do funcionamento das nanopartículas no corpo humano.

Esquema do funcionamento das nanopartículas no corpo humano.

Como facer máis eficientes os nanofármacos?

Un estudo no que participan investigadores CiQUS e o CHUS analizan os últimos avances destes compostos, importantes na loita contra o cancro

Unha das grandes esperanzas da medicina dos próximos anos está no potencial que teñen os nanofármacos, medicamentos microscópicos que poderían servir, por exemplo, para detectar e recoñecer tumores de xeito rápido e selectivo. Non en tanto, hai un pequeno problema. O sistema fagocítico mononuclear, que coordina parte das defensas do noso corpo, reacciona ante estes corpos “estraños” e impide o seu avance, “secuestrando” máis do 99 por cento das nanopartículas que se administran in vivo.

Porén, os investigadores médicos continúan buscando o xeito de superar esta barreira. Nesta liña, acaba de publicarse un estudo na revista ACS Nano no que participan os investigadores Pablo del Pino e Beatriz Peláez, do CiQUS de Santiago, Manuel Collado, do CHUS, e Ester Polo, do University College de Dublin. Neste traballo, abordan os últimos avances deste eido e os retos científicos que se presentan para solventar e mellorar as capacidades dos nanofármacos.

Tal e como apuntan na súa investigación, un dos maiores problemas para loitar contra os tumores é a complexidade do seu micro-entorno. Así, o artigo incide na necesidade de crear unha especie de bibliotecas de nanomateriais con propiedades ben definidas para avaliar o seu comportamento nas células. Suxiren, por tanto, o desenvolvemento de estudos básicos desta natureza para comprender mellor as interaccións entre células e nanopartículas in vivo. Ao mesmo tempo, propoñen tamén mellorar o deseño de fármacos baseados en nanopartículas que sexan realmente eficientes.

Os autores deste traballo destacan, do mesmo xeito, que a barreira entre a “proba de concepto” e “medicinas avanzadas baseadas en nanomateriais” irase facendo cada vez máis laxa, a medida que aumente o coñecemento das complicadas interaccións que xorden entre as biomoléculas presentes nos organismos e os nanomateriais que se introducen neles.

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.