Francisco Javier Silva Pando. Foto: Anxo Iglesias.

Francisco Javier Silva Pando. Foto: Anxo Iglesias.

“Merino fixo a primeira flora moderna de España”

Francisco Javier Silva Pando é un dos mellores coñecedores do herbario elaborado polo investigador

O biólogo e investigador Francisco Javier Silva Pando é tamén o gardián dun dos tesouros científicos de Galicia: o herbario elaborado por Baltasar Merino entre finais do século XIX e principios do XX. Aínda que parte do herbario se atopa noutros lugares, o corpo principal está no complexo forestal de Lourizán, onde traballa Silva Pando. Entre as moitas virtudes que caracterizan a Merino destaca a intención que sempre tivo de mellorar a vida das persoas e deixar unha obra para a posteridade.

– Hai datos que permitan falar dun interese de Baltasar Merino pola flora antes da súa chegada a Galicia?

– Non se coñecen datos que permitan saber porque empezou a xuntar plantas. É probable que durante a súa estadía en Estados Unidos e en Puerto Rico coñecese a algún compañeiro que o introducise neste mundo. En Galicia empezou como meteorólogo e é probable que nalgún momento decidise recompilar plantas porque vira que non se fixera ningún traballo deste tipo. O único que se fixera antes do seu traballo foi algo que houbo en Ferrol en 1820 e os traballos feitos por Colmeiro e por Planelles, pero o coñecemento botánico que había en Galicia a finais do século XIX era moi pobre. O abade Pourret, francés, estivo en Ourense e en Santiago a principios de século e recolleu algunhas plantas, pero tivo que fuxir a Francia despois da Guerra de Independencia.

“É probable que Merino decidise xuntar plantas porque non había outro traballo deste tipo”

– Por que decide Merino comezar os seus viaxes por Galicia para recoller plantas?

– Non sabemos por que toma a decisión. Os seus primeiros traballos de recompilación fainos na zona da Guarda, onde reside. Despois comeza a viaxar en 1885 e o fai ata 1905, aproximadamente. Como consecuencia das súas viaxes recompilou 16.000 pregos con plantas, dos que uns 12.000 se atopan en Lourizán e os demais están repartidos entre o Museo de Historia Natural da USC, o colexio Sánchez Cantón de Pontevedra e Madrid. Nesta última cidade están os exemplares que enviou a Carlos Pau Español, que está considerado un dos mellores botánicos de todos os tempos e que colaborou con Baltasar Merino.

– Merino non é un científico convencional pero, aplica métodos científicos no seu traballo?

– A flora de Merino tivo moi boa elaboración. Toma como base os debuxos realizados polo abade Conte na Flora de Francia. Está claro que non era un científico convencional, pero utilizaba metodoloxía científica porque era moi analítico e sabía empregar moi ben os medios dos que dispoñía a botánica na súa época. Mesmo empregaba tácticas moi curiosas para, por exemplo, falar de novas especies, xa que a Igrexa era remisa a admitilas porque se supoñía que todas foran creadas por Deus. El dicía que as especies que atopaba eran “novas formas” tamén creadas por Deus.

– Por que emprende unha obra tan complexa como un herbario, dados os escasos medios que tiña nesa época?

– O herbario é a obra da súa vida. Seguramente viu a necesidade de facelo porque sempre tivo a intención de deixar coñecemento para a xente contemporánea súa e tamén para a posteridade. Tamén quería axudar á xente a mellorar o seu nivel socioeconómico. Comezou cun xardín botánico na Guarda e acabou facendo o catálogo de plantas máis importante de GaliciaA pesares de ser un herbario rexional é bastante completo, trátase da primeira flora moderna que se fixo en España e, probablemente, tivo tamén a súa importancia en Europa.

“Trátase da primeira flora moderna española e tivo tamén a súa importancia en Europa”

– En que estado de conservación se atopa o herbario?

– O estado é bo. Non ten fungos nin insectos. A parte que temos en Lourizán está gardada co resto do herbario que temos aquí porque así é máis fácil traballar. Os de Lourizán e de Madrid son herbarios de traballo, máis exhaustivos, mentres que os que están en Santiago e no colexio Sánchez Cantón son didácticos.

 A pesares da importancia da súa obra, Merino é unha figura moi descoñecida en Galicia. Como podería contribuírse a difundir o seu traballo?

– Creo que sería moi interesante poder dixitalizar os máis de 700 tipos de especies que descubriu e os 2.500 pregos máis representativos do herbario. Agora mesmo estamos procurando financiamento para poder facer este traballo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.