Estalagmitas e estalactitas nunha das galerías da cova Arcoia, no Courel.

Estalagmitas e estalactitas nunha das galerías da cova Arcoia, no Courel.

Medio millón de anos nunha estalagmita do Courel

Un traballo da Universidade da Coruña atopou na cova de Arcoia unha das series climáticas máis longas de Europa

Pinga a pinga, sen présa, pero sen pausa, as estalagmitas do Courel levan moitos, moitos anos medrando. O macizo lucense é, ademais dunha xoia natural, unha alfaia xeolóxica pola antigüidade das rochas e os fósiles que se atopan nos seus recunchos. Un deles é a cova de Arcoia, na que un grupo de investigadores de universidades chinesas e estadounidenses e encabezados por xeólogos da Universidade da Coruña, atoparon a serie climática máis antiga da península Ibérica e unha das máis antigas de Europa. Os resultados do traballo publicáronse na revista Palaeogeography, Palaeoclimatology, Palaeoecology.

O equipo da universidade coruñesa estivo composto por Juan Ramón Vidal Romaní, Marcos Vaqueiro e Aurora Grandal. Vidal Romaní, que tamén dirixe o Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, sinala que as particularidades do solo do Courel permiten a conservación de restos fósiles e de formacións rochosas do final do Precámbrico e do comezo do Paleozoico, é dicir, de hai uns 540 millóns de anos. “Existen rochas carbonatadas calizas de idade paleozoica nas que, aínda sendo minoritarias no Courel, a disolución feita pola auga ao longo de millóns de anos acabou dando lugar ás covas. Estas teñen unha grande importancia, pois co pH da auga circulando a través delas, facilitan a conservación de restos óseos que, doutro xeito, desaparecerían en poucos miles de anos”, explica o xeólogo.

En concreto, as galerías da Arcoia formáronse por disolución desde o Terciario, hai uns 65 millóns de anos. Non en tanto, as estalactitas e estalagmitas son máis recentes, xa que as máis antigas, segundo apunta Romaní, adoitan ser destruídas polo colapso das galerías co paso do tempo.

Estalagmita sobre a que se realizou a análise.

Estalagmita sobre a que se realizou a análise.

A datación para este tipo de sedimentos débese realizar cos isótopos 230 Torio/238 Uranio, “presentes nas augas que circulan en superficie e que se infiltran nas galerías, diluíndo a rocha e depositándose despois nas estalactitas e estalagmitas”, conta o director do Isidro Parga Pondal. Para extraer a información climática, o equipo levou a cabo a relación delta 13C / delta 18 C. A través deste procedemento calcúlase, segundo explica Vidal Romaní, a temperatura da auga que, por goteo, fixo medrar as estalactitas e estalagmitas. Foi así como se foi detallando as series climáticas ao longo destes 550.000 anos.

“Nos últimos dous millóns e medio de anos, o clima pasou por fases glaciais, moi frías, e fases interglaciais, como a actual. Nas etapas frías, os casquetes polares medraron e cubriron de xeo grandes superficies. No hemisferio norte, os xeos chegaban ata o sur de Gran Bretaña e parte da Europa continental, na zona de Holanda”, conta o xeólogo. As zonas altas de Galicia, como o Courel, tamén quedaron invadidas por un manto branco durante milleiros de anos. O estudo demostra, segundo os investigadores, que as formacións sedimentarias “medraron alimentadas polas augas de fusión dos xeos nas etapas glaciares e polas augas dos ríos nas interglaciares”.

Os datos deste traballo supoñen, por tanto, a consecución do rexistro paleoclimático continuo máis longo coñecido ata o momento. “Aínda que se corresponde cunha estalagmita situada en Galicia, ten validez para o resto do mundo”, apunta Vidal Romaní. Este descubrimento vén a reforzar a riqueza xeolóxica da Serra do Courel: “Ten xacementos fósiles desde o Precámbrico (Fauna Ediacara) o Paleozoico (trilobites, graptolites, crinoideos, braquiópodos, etc.) o Cuaternario (Urso pardo, Urso das covas, Mammuthus Primigenius, León das covas, Crocuta crocuta spelaea, rinoceronte lanudo, etc.), e restos das glaciacions cuaternarias de mais de medio millón de anos, así como restos humanos dende hai máis de 10.000 anos”.

Por todo isto, Romaní aboga por unha maior protección deste territorio, que na actualidade, segundo di, “é prácticamente nulo”. Sostén que, ademais, está condicionado pola minería da lousa, “unha ameaza que cuestiona o futuro do Courel”, conclúe o xeólogo.

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.