Todos os anos, o Instituto Español de Estadística (INE) actualiza os datos do Padrón de españois residentes no estranxeiro. Este documento contén as inscricións de todas as persoas que posúen a nacionalidade española e residen habitualmente fóra de España. Segundo estas cifras había, a 1 de xaneiro de 2018, 2.482.808 persoas con nacionalidade española no estranxeiro. E 516.489 (o 20,8%) eran galegas, todo un símbolo do legado da emigración. Con todo, destes máis de medio millón de cidadáns, só 154.312 (menos do 30%) naceron en Galicia.
Hai 516.489 cidadáns galegos no estranxeiro, pero só 154.312 naceron en Galicia
O mapa sobre estas liñas amosa a longa herdanza das anteriores xeracións que emigraron, sobre todo a América do Sur (Arxentina, Brasil, Cuba ou Uruguay) e Europa (Suíza, Alemaña, Francia ou Reino Unido). Porén, aínda que a cifra de persoas con nacionalidade española que se inscriben en Galicia, sobre todo a efectos electorais, medrou nos últimos anos, non se corresponde en todos os casos con novos emigrantes.
Deste xeito, aínda que o INE subliña que 17.044 persoas censadas en Galicia se deron de alta no Padrón de residentes no estranxeiro entre xaneiro de 2017 e xaneiro de 2018, non estamos a falar dunha correspondencia directa co número de emigrantes que deixa Galicia para vivir noutro país. A lexislación outorga a nacionalidade española aos fillos de nai ou pai con pasaporte de España, algo bastante habitual nos países onde houbo un gran volume de emigración galega no pasado. Deste xeito, os países con maior subida son Arxentina (4.120 persoas), Cuba (2.332) ou Venezuela (1.257). Dentro destas cifras enmárcanse moitas das 362.177 persoas que son cidadáns galegos pero non naceron aquí e viven no estranxeiro.
Na mesma liña, obsérvase un progresivo aumento de cidadáns galegos no estranxeiro desde o 2009, primeiro ano que abranguen as series do INE.
En atención aos mesmos datos por comunidades autónomas, Galicia encabeza claramente esta lista, por riba doutras rexións co dobre de poboación residente, como Catalunya ou Madrid. Deste xeito, un de cada cinco persoas de nacionalidade española que reside no estranxeiro ten orixe galega.