Punta Langosteira, onde se instalarán os xeradores creados pola UVigo.

Punta Langosteira, onde se instalarán os xeradores creados pola UVigo.

1,8 millóns para dous prototipos para obter enerxía das ondas

O consorcio LifeDemoWave, liderado pola Universidade de Vigo, instalará os xeradores en Punta Langosteira

Galicia é unha das zonas do mundo con maior potencial para produción de enerxía mariña e a súa situación privilexiada, a boa accesibilidade, a proximidade dos puntos de consumo e a forza do mar sitúana como potencial líder na xeración da enerxía undimotriz, producida polas ondas do mar. Para desenvolver este sector, avaliar a súa eficiencia e analizar o impacto ambiental, a Unión Europea vén de seleccionar o proxecto vigués LifeDemoWave dentro da convocatoria Life 2014. A iniciativa está impulsada por un consorcio do que forman parte a Universidade de Vigo, dúas das súas spin-off (Quantum Innovative e Hércules Control), o Cetmar e as empresas ACSM e Grupo Josmar. Cun orzamento de 1.836.000 millóns de euros, dos que a UE achega a fondo perdido o 60% (1.034.000 euros) e unha duración de tres anos, centrarase na “demostración da viabilidade do uso de enerxía das ondas para a xeración eléctrica en zonas de alta densidade de enerxía”, como explicaba o coordinador o proxecto comisionado do Vigo Tecnolóxico, José Antonio Vilán.

Presentación en Vigo do proxecto LifeDemoWave.

Presentación en Vigo do proxecto LifeDemoWave.

Vilán destaca o labor previo neste eido desenvolvido polos tres grupos da Universidade de Vigo implicados, CIMA e en.e, ambos da Escola de Enxeñería Industrial, e GPI-RV, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e polas dúas spin-off xurdidas ao abeiro destes grupos. “O proxecto nace da Universidade de Vigo e nela foi onde se xestaron as dúas patentes nas que se basea LifeDemoWave”, que consisten en dous prototipos de xeración undimotriz que se instalarán nas costas galegas para avaliar a viabilidade do uso deste tipo tecnoloxías. Isto responde a unha das principais características da convocatoria Life, que busca proxectos de carácter eminentemente demostrativo que acheguen resultados escalables e exportables a calquera outro lugar de Europa.

Foron valoradas as características óptimas de Galicia para desenvolver un proxecto deste tipo, xa que é a rexión de Europa, xunto co sur de Gales, onde máis potencia eléctrica se pode extraer do mar.

O programa Life da Unión Europea patrocina ao 60% este proxecto

Debido ao carácter demostrativo do proxecto, instalaranse dous prototipos de xeración undimotriz de 25 kW cada un (un hidráulico e outro mecánico), previsiblemente na zona de experimentación de Punta Langosteira. Os xeradores estarán en funcionamento dentro de dous anos, xa que a primeira fase do proxecto centrarase no deseño e construción dos mesmos, que responden a dúas patentes da Universidade licenciadas á spin-off Quantum Innovative, que coordina o consorcio. “A potencia dos prototipos é pequena pero a idea é que se poida escalar”, explica Vilán, e os investigadores agardan desenvolver “xeradores comerciais de 20 veces esta potencia, é dicir, duns 500 kW, como mínimo”.

Ao longo de tres anos os membros do consorcio tratarán de demostrar a capacidade técnica e supervivencia destes dous prototipos en condicións extremas, tendo en conta que “os temporais de mar nas costas galegas son de condicións moi adversas e calquera equipo mecánico sofre condicións moi esixentes, demostrando así a robustez ante condicións de mar de temporal ata BEAUFORT 8“, explica José Antonio Vilám.

Enerxía producida e custo

En canto aos resultados agardados polos investigadores, destacan que o máis importante sería a posible redución de emisións de CO2, da orde de 49 toneladas ao ano. En canto á viabilidade socioeconómica, esperan acadar 200.000 kWh cos dous prototipos, estando un mínimo de 300 días operativos ao ano. O custe da enerxía producida polo prototipo será 7,65 céntimos de euro/kWh e, “tendo en conta que o prezo actual do kW/h en España, que é un dos países máis caros de Europa, é de 19 céntimos, pódese observar a rendibilidade e eficacia deste tipo de xeración de enerxía, incluso para o uso industrial”, remarcan os investigadores. Por outra banda, a través de indicadores analizarase o estado ambiental do medio mariño e as augas costeiras, analizando os contaminantes da auga, os niveis de ruído e a atenuación da onda que poidan provocar os prototipos.

A convocatoria Life é o instrumento financeiro da UE para apoiar proxectos ambientais de conservación da natureza e de acción climática, e dende 1992 cofinanciou arredor de 4300 proxectos. A convocatoria Life comprende dous subprogramas, o de Medio Ambiente, no que se presentaron en 2014 1117 solicitudes, e o de Acción Climática, no que se encadra LifeDemoWave. A este subprograma concorreron 189 solicitudes, cunha taxa de éxito do 13,7%, xa que finalmente foron seleccionados 26 proxectos de 11 países, seis deles españois, que recibirán un total de 73,9 millóns de euros. De feito, España é o país que máis financiamento acadou nesta convocatoria, como destacaba Vilán, con 16 millóns de euros, un 21% do total deste subprograma.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.