As palabras que se escoitan mesmo antes de falar quedan no cerebro.

As palabras que se escoitan mesmo antes de falar quedan no cerebro.

A lingua materna non se esquece xamais

Un estudo publicado en PNAS sinala que os sons dun idioma que escoitamos antes de 2 anos, mesmo sen saber falar, quedan gravados para sempre

As palabras que escoitamos antes dos dous anos, mesmo antes de poder falar, quedan para sempre no noso cerebro. Este descubrimento racha cunha realidade do bilingüismo en Galicia: que os pais galegofalantes se dirixan ós seus fillos en castelán, que é o que fai máis da metade da poboación nesta situación, segundo o Instituto Galego de Estatística. E que é unha das moitas explicacións para que o galego sexa a lingua principal para o 52,6% dos maiores de 65 anos, pero só un 15,3% para os menores de 14.  Pero, a longo prazo, o efecto podería non ser tan importante. Porque a lingua que os rapaces escoitan na casa, mesmo de bebés, queda para sempre gravada.

Os sons característicos dun idioma aprendidos durante a primeira infancia, antes dos dous anos, non se esquecen nin aínda deixando de oílos en anos. Así o indican os resultados dun estudo mediante resonancia magnética sobre os cerebros de nenas chinesas adoptadas por familias de fala francesa.

Durante a exposición temperá a un idioma, o cerebro forma representacións dos estímulos sonoros que compoñen a linguaxe, pero ata agora non se sabía se o cerebro as mantiña ou degradábaas coa ausencia da exposición continua á lingua.

Un estudo, publicado esta semana na revista PNAS e realizado en 48 nenas chinesas adoptadas por familias de fala francesa, revela que o cerebro recoñece o idioma materno (neste caso, o chinés) a pesar do uso nada habitual da lingua.

A investigadora canadiana Lara Pierce descubriu que a lingua máis temperá non se esquece xamais

“Gran parte da aprendizaxe da linguaxe acontece na parte máis temperá da vida, antes mesmo de que un neno diga a súa primeira palabra. Malia a predisposición que teñen os nenos para aprender unha lingua, abriuse un debate sobre se o que aprenden permanece no cerebro ou non cando deixan de usalo”, explica á axencia SINC Lara Pierce, investigadora do departamento de Psicoloxía da Universidade McGill (Canadá) e unha das autoras do estudo.

Para determinar se o cerebro era capaz de reter a lingua, Pierce e os seus colegas canadenses estudaron a actividade cerebral das nenas segundo o uso que se fixo do francés e o chinés durante a súa infancia. A partir de gravacións que contiñan sons característicos do chinés, unha resonancia magnética distinguiu tres grupos de entre 9 e 17 anos.

Tres grupos no estudo

Cada grupo diferenciouse polo nivel de uso do idioma dende o nacemento. No primeiro, as nenas naceron nunha familia francoparlante e eran consideradas monolingües. No segundo, foron adoptadas por unha familia de fala francesa antes dos tres anos, polo que descoñecían o chinés. No terceiro grupo, as nenas escoitaron o chinés dende o nacemento e aprenderon os dous idiomas simultáneamente.

Ao analizar a actividade cerebral de cada grupo, os investigadores comprobaron que as nenas bilingües e as que non oían o chinés dende antes dos tres anos reaccionaron de forma similar ao escoitar o idioma. Non obstante, as que tiveron unha exposición única do francés e que nunca oíron o chinés non tiveron a mesma actividade cerebral.

“Observamos que as representacións neuronais dos sons dunha linguaxe persisten no cerebro ao longo do tempo, mesmo se a linguaxe non se escoitou ou usou durante anos” afirma Pierce.

“É posible que sexa unha avantaxe para a xente que quere reaprender un idioma que escoitou na infancia”

O estudo afonda no coñecemento da plasticidade cerebral nunha idade temperá, ademais de ser importante en persoas que aprenderon nos seus primeiros anos de vida unha lingua. “É posible que isto sexa unha vantaxe para certo tipo de xente que queira reaprender un idioma que escoitou na súa infancia. Ademais disto, a investigación axúdanos a entender o que fai o cerebro cos primeiros sons que experimenta, e nos permite afondar na plasticidade cerebral nunha idade temperá”, conclúe a investigadora.

Poida que non sexa casual que a investigación se teña desenvolvido en Canadá, un país con dous idiomas oficiais con moita notoriedade: o inglés e o francés. E unha manchea de linguas minoritarias das que nunca se fala, a meirande parte delas pertencentes ós esquimós inuit. O certo é que o descubrimento publicado en PNAS deixa clara unha cousa: as neuronas non saben de pais que cambian de idioma, do galego ó castelán, para falarlle ós fillos. As palabras da lingua materna que escoitan, mesmo de bebés, quedan gravadas para sempre.

Reaccions cerebrais observadas no estudo, incluidas no artigo de PNAS.

Reaccions cerebrais observadas no estudo, incluidas no artigo de PNAS.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.