Venres 19 Abril 2024

O Iberos incorpora 15 novos investigadores

O Instituto de Bioenxeñería en Rede para o Envellecemento Saudable (Iberos) reforzou o seu cadro de investigadores coa contratación de 15 científicos galegos e portugueses, aos que se suma un xestor de innovación. A captación e retención de talento é un dos obxectivos prioritarios desta iniciativa, co obxectivo de consolidar na Eurorrexión a investigación biotecnolóxica aplicada ao tratamento e diagnose de enfermidades asociadas ao envellecemento.

As novas incorporacións combinan a necesidade de reforzar os perfís excelentes –nove investigadores e investigadoras consolidados e cunha traxectoria de alto nivel­– coa primeira oportunidade de traballar en proxectos científicos, que supuxo polo de agora a contratación dos primeiros seis investigadores noveis.

Publicidade

Entre as liñas de traballo destacan os biomateriais de orixe natural para rexenerar tecidos danados. Os investigadores de Iberos traballan en rede, cruzando datos, metodoloxías e resultados, para explorar e desenvolver solucións avanzadas.

Nove científicos de excelencia

Así, neses nove investigadores excelentes atópase Patricia Díaz,  do Grupo I+D Farma da Universidade de Santiago de Compostela, que desenvolve sistemas de administración local de fármacos capaces de promover a rexeneración de tecidos. Trátase, por un lado, de sistemas antiinflamatorios de administración intraarticular para o tratamiento da osteoartrite e, por outro, de andamiaxes celulares capaces de liberar antibiótico para a osteomielite. Tamén do outro lado da fronteira, Mariana Almeida, da Universidade do Minho, traballa en materiais compostos baseados en biopolímeros en combinación con fosfatos de calcio de orixe mariña para producir, mediante técnicas de impresión 3D, estruturas denominadas scaffolds que funcionan coma unha especie de andamios capaces de darlle soporte á rexeneración de tecido óseo.

O deterioro do cartílago articular está no epicentro da artrose, que lle afecta ao 40% das persoas maiores de 70 anos. A alta prevalencia desta doenza xustifica a suma de esforzos en IBEROS. Desde o Grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo, Miriam López traballa no desenvolvemento dun biomaterial de orixe mariña orientado á rexeneración de cartílago nas articulacións, con mellores propiedades mecánicas que os hidroxeles actuais e unha maior integración cos tecidos. Jesús Valcárcel, do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, está centrado en obter compostos de descartes de peixe e outros recursos mariños capaces de favorecer a rexeneración do cartílago, combinados con nanopartículas para estimular este proceso sostendo no tempo a liberación de factores de crecemento. Ademais, Valcárcel desenvolve formulacións con ácido hialurónico para a liberación controlada de fármacos antiinflamatorios contra a osteoartrite.

Tamén no ámbito dos biomateriais, Nilza Ribeiro achega desde a Universidade Católica Portuguesa o seu traballo sobre novos compostos de orixe natural para a rexeneración da pel a través de técnicas de produción de micro e nanofibras. Ao mesmo tempo, Marco Filipe Cerqueira avanza no Instituto Nacional de Engenharia Biomédica no desenvolvemento de hidroxeles con aplicacións en medicina rexenerativa. Isto inclúe o cultivo de células en contornas 3D grazas ao uso de hidroxeles biofuncionalizados, o que permite o seu uso como andamios para a rexeneración de tecidos como a pel e o óso.

Os novos investigadores galegos proceden da USC, UVigo, Inibic da Coruña e IIM-CSIC

O outro campo de investigación que centra o labor dos novos membros de Iberos é o das técnicas de diagnóstico, que, xunto cos novos tratamentos baseados en sistemas de rexeneración, están chamadas a marcar un salto cualitativo no enfoque clínico das doenzas relacionadas co envellecemento.

Neste eido, a investigadora do Grupo de Investigación en Reumatoloxía do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña Paula Casal busca atallar as actuais limitacións dos métodos diagnósticos actuais grazas a biomarcadores ópticos que, a través dunha leve irradiación láser na articulación, permiten identificar os pequenos cambios moleculares que apuntan a unha artrose en fase temperá. Este método non invasivo, rápido e económico podería realizarse mesmo en consulta e permitiría mellorar a calidade de vida dos pacientes ao tempo que se reducen os custos de tratamento.

Desde Portugal, Manuela Frasco, do Instituto Superior de Engenharia do Porto, desenvolve sensores biomiméticos portátiles e de baixo custo para o diagnóstico e o seguimento de enfermidades asociadas ao envellecemento. Este tipo de doenzas son tamén para as que Verónica Montes, do Grupo de Química Coloidal da Universidade de Vigo, proxecta a fabricación dun sensor capaz de detectar bacterias asociadas a elas, como as enterobacterias, relacionadas coa neumonía e coas infeccións gastrointestinais, entre outras.

Iberos, que naceu co apoio do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal 2014-2020 (POCTEP) da Unión Europea, conta cun orzamento de preto de 2 millóns de euros ata 2020 para que os seus máis de 150 membros compartan coñecemento e desenvolvan proxectos conxuntos no ámbito da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023