Martes 16 Abril 2024

De onde vén e cara onde vai a humidade do Ártico?

“Debido á ameaza do cambio climático, coñecer a intensidade do ciclo hidrolóxico e as súas variacións no tempo é un dos principais retos deste século”, comenta Marta Vázquez, investigadora do Grupo Ephyslab da Universidade de Vigo. Neste contexto, detalla, “o Ártico representa unha das rexións máis vulnerables, sendo os cambios experimentados nela especialmente drásticos”. Na súa tese de doutoramento, esta física realizou unha caracterización do transporte de humidade no Ártico e relacionou este transporte co desxeo observado na zona.

A tese ten importantes implicacións na loita contra o cambio climático

Dirixida por Luis Gimeno e Raquel Olalla Nieto, a tese levou por título Fontes oceánicas e terrestres de precipitación no Ártico: novas metas e orientacións desde unha aproximación lagrangiana e foi presentada na Facultade de Ciencias do campus de Ourense. No marco do “actual paradigma do cambio climático global”, Vázquez Domínguez sinala como “resulta especialmente importante coñecer os procesos que gobernan a evaporación, o transporte de humidade na atmosfera e os efectos destes procesos no ciclo hidrolóxico”. A pesar do crecente interese que a rexión ártica suscitou nos últimos anos, detalla a investigadora, “o transporte de humidade no Ártico non foi cumpridamente analizado ata o momento e a día de hoxe aínda non se dispón dun entendemento completo da súa implicación no clima actual e futuro”.

Publicidade

Na súa tese de doutoramento, Vázquez Domínguez analizou o transporte de humidade en dous sentidos: o transporte desde as principais fontes de humidade ao Ártico, co fin de estudar a súa influencia sobre a rexión, e o transporte desde o propio Ártico, para analizar as posibles implicacións dos cambios sufridos nel nas últimas catro décadas. Esta análise, puntualiza, realizouse a través do modelo lagrangiano Flexpart, “mediante o cal se pode seguir a traxectoria das partículas atmosféricas co fin de localizar aquelas rexións onde se toma ou perde humidade”.

Zona de estudo no Ártico. Imaxe: National Snow and Ice Data Center/NASA Earth Observatory.
Zona de estudo no Ártico. Imaxe: National Snow and Ice Data Center/NASA Earth Observatory.

Froito do estudo realizado, Marta Vázquez sinala que “se pode concluír que existen catro fontes de humidade principais para a rexión ártica: dúas fontes oceánicas (Atlántico Norte e Pacífico Norte) e dúas continentais (Norte América e Siberia)”. As fontes oceánicas, detalla, “están presentes ao longo de todo o ano, aínda que a súa importancia é maior na época invernal, mentres que as fontes continentais só aparecen no verán, cando as oceánicas perden importancia, converténdose nas fontes principais para este período”. No verán, engade, é cando se produce a maior contribución de humidade para a precipitación tendo en consideración todas as fontes. O océano Pacífico, sinala, achega máis cantidade de humidade para a precipitación durante todo o ano mentres que o océano Atlántico supón o menor achegue, especialmente no verán.

No traballo levado desde o Grupo Ephylab tamén se analizaron as principais fontes de humidade para o sistema ártico nos anos 2007 e 2012, aqueles que mostran unha menor extensión de xeo nas últimas décadas, “atopándose certa variación na posición, intensidade e contribución das mesmas con respecto á situación climatolóxica”. A relación entre a diminución de xeo ártico e o transporte de humidade tamén se analizou neste traballo baseándose en publicacións previas nas que se asocia o desxeo ártico cun proceso radiativo, referente a cambios na nebulosidade, e un proceso hidrolóxico, referente á descarga dos ríos, e ambos asociados cun maior transporte de humidade cara a rexión ártica.

“Neste traballo establecemos unha relación entre os cambios na evaporación e o desxeo que suxire unha intricada cadea de eventos relacionados cun aumento na evaporación sobre distintas fontes, unha intensificación no transporte de humidade desde elas e un incremento na descarga dos ríos ou a cobertura nubrada na rexión ártica”, apunta Marta Vázquez. “Atopamos unha relación entre o transporte de humidade no verán e a diminución de xeo mariño. Obsérvase un aumento na contribución de humidade sobre as rexións que sofren un maior retroceso de xeo especialmente nos meses de verán”, detalla a investigadora. Tamén, apunta, “o transporte de humidade cara as principais concas dos ríos árticos relaciónase co descenso de xeo mariño en 2007”.

A humidade do Ártico inflúe tamén no clima de Eurasia e Norteamérica

Ademais de estudar o transporte cara a rexión ártica, neste traballo tamén se analizou o Ártico como fonte de humidade, co fin de poder analizar as implicacións que os actuais cambios nesta rexión poden ter noutras zonas do planeta. “En xeral a maior parte da humidade ártica afecta ao propio sistema, aínda que tamén se pode observar certa influencia sobre Eurasia e Norteamérica. Con respecto á variación estacional, a máxima contribución de humidade prodúcese no verán e outono coincidindo cos valores mínimos na extensión de xeo”, resume a investigadora.

A influencia do transporte de humidade desde o Ártico ilústrase tamén coa análise do papel que o desxeo ten na precipitación en forma de neve en Eurasia. A través das observacións de cobertura de neve en 820 estacións distribuídas ao longo de Rusia, usando Flexpart e coa axuda de diversos parámetros de diagnósticos dinámicos, na tese estudouse a influencia do desxeo sobre os mares de Barents e Kara na precipitación sobre Siberia nos meses de outubro e novembro. “Atopouse unha intensificación destes mares como fontes de humidade, aumentado tamén a súa contribución sobre a rexión suroeste de Siberia para os anos de mínima extensión de xeo”, sinálase no estudo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

Cales foron as causas da seca que precedeu aos incendios de Australia? Un equipo de Ourense ten a clave

A investigadora Milica Stojanovic, do grupo EphysLab da UVigo, centrou o seu traballo en analizar as fontes de humidade da zona

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro