O catedrático Humberto Michinel. Foto: Duvi.

O catedrático Humberto Michinel. Foto: Duvi.

Humberto Michinel, secretario xeral da Comisión Internacional para a Óptica

Esta entidade está considerada como a maior organización mundial no eido da fotónica

Humberto Michinel, catedrático de Óptica da Universidade de Vigo, vén de sumar un novo recoñecemento e nomeamento á súa dilatada traxectoria. Despois de ser elixido o pasado mes de setembro presidente da European Optical Society (EOS), o docente do campus de Ourense tomará posesión o día 1 de outubro como secretario xeral da International Commission for Optics (ICO), considerada a maior organización mundial de fotónica. A súa elección produciuse no 24th Congress of International Commission for Optics, que se celebrou do 21 ao 25 de agosto en Xapón.

“É realmente unha honra ter sido elixido secretario xeral da ICO. Supón un respaldo á miña traxectoria tanto no eido da fotónica como dentro da propia organización. Ademais, e en certo modo, como presidente que son da European Optical Society, este nomeamento tamén supón un éxito para a óptica e a fotónica europea”, indica o catedrático da Universidade de Vigo.

A entidade, fundada en 1947, engloba a case 60 países

A International Commission for Optics, fundada en 1947, engloba a case 60 países e é una comisión afiliada á Unión Internacional de Física Pura e Aplicada desde 1948 e membro científico internacional asociado do Consello Internacional de Ciencia desde 2005. O seu obxectivo é contribuír no escenario internacional ao progreso e á difusión do coñecemento no campo da óptica, desenvolvendo un amplo abano de actividades e materiais con este obxectivo. No seu papel como secretario xeral da entidade que ten sede en París, Humberto Michinel traballará na coordinación destas accións, entre as que o docente destaca o papel que xogará a ICO na celebración do Día Internacional da Luz, que terá lugar por primeira vez o 16 de maio de 2018 baixo o auspicio da Unesco.

Humberto Michinel é na actualidade catedrático de Óptica na Universidade de Vigo, institución na que dirixe o grupo de investigación Óptica Física, sendo ademais director do Máster Universitario en Fotónica e Tecnoloxías do Láser. Ademais de ter sido membro da xunta de goberno da Sociedade Española de Óptica, cabe destacar tamén o seu nomeamento como vicepresidente da International Commission for Optics en setembro de 2011, cargo que ostentou ata o seu agora nomeamento como secretario xeral da entidade. Ten dirixido preto dunha decena de teses de doutoramento e é co-autor de máis de 60 artigos científicos, destacando numerosos traballos publicados na revista Physical Review Letters. Boa parte da súa actividade investigadora céntrase no estudo da propagación da luz en diferentes sistemas, así como as súas numerosas aplicacións tecnolóxicas. En canto á colaboración con grupos a nivel internacional, alén das publicacións conxuntas con diversos equipos, figuran numerosas estancias como investigador convidado en centros como a Chalmers University of Technology, de Suecia; a Australian National University, de Australia; a Ecole Normale Superieur, de Francia, e o Max-Planck Institut für Quantenoptik, de Alemaña.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.