Michinel estará dous anos como presidente electo, dous como presidente executivo e dous como presidente saínte, segundo o acordo da entidade.

Michinel estará dous anos como presidente electo, dous como presidente executivo e dous como presidente saínte, segundo o acordo da entidade.

Humberto Michinel, da UVigo, novo presidente da European Optical Society

O catedrático de Óptica do Campus de Ourense, que acumula unha longa traxectoria docente e investigadora, será o primeiro español en ocupar este cargo

Humberto Michinel, catedrático de Óptica da Universidade de Vigo, vén de ser elixido este martes presidente da European Optical Society (EOS). O docente do campus de Ourense será o primeiro español en ocupar este cargo na entidade que agrupa ás sociedades estatais de óptica da Unión Europea e que ten como obxectivo contribuír ao progreso nesta área de coñecemento e promover o seu desenvolvemento tanto no contexto comunitario coma no internacional. O seu nomeamento supón, afirma, un recoñecemento ao nivel de calidade acadado pola investigación que en España se realiza neste eido. “É unha honra ter sido elixido por unanimidade para o posto. Este nomeamento supón un espaldarazo a toda a comunidade óptica española”, comenta o docente. A elección, engade, ten un valor especial porque “non deixamos de traballar desde un campus pequeno como é o de Ourense”.

Segundo explica o novo presidente da entidade, o nomeamento produciuse na tarde do martes na asemblea anual que celebrou en Berlín a European Optical Society. Humberto Michinel xa fora elixido en maio deste ano para entrar no novo equipo directivo da entidade que nesta reunión comezou a súa andaina pero, a proposta da xunta directiva saínte e por votación por unanimidade dos membros da sociedade, finalmente o catedrático da Universidade de Vigo foi elixido para ocupar o cargo de presidente. Nel estará dous anos como presidente electo, dous como presidente executivo e dous como presidente saínte, seguindo a fórmula de transición entre equipos directivos que ten adoptado a entidade.

“Supón un espaldarazo a toda a comunidade óptica española”, sinala Michinel

Á fronte da European Optical Society, o docente ourensán abranguerá todo tipo de cuestións referidas ao funcionamento da entidade, desde a organización de actividades ata a promoción da consideración desta disciplina en todo tipo de políticas e accións europeas. “O noso obxectivo será dinamizar a actividade da sociedade, que organiza numerosos congresos específicos nos diferentes ámbitos da óptica e que conta cunha revista internacional de prestixio, e potenciar a participación das diversas sociedades estatais que a integran”, adianta Humberto Michinel.

Humberto Michinel é na actualidade catedrático de Óptica na Universidade de Vigo, institución na que dirixe o grupo de investigación Óptica Física, sendo ademais director do Máster Universitario en Fotónica e Tecnoloxías do Láser, que imparten de maneira conxunta as tres universidades galegas desde o curso 2006/2007. Ademais de ter sido membro da xunta de goberno da Sociedade Española de Óptica, cabe destacar tamén o seu nomeamento como vicepresidente da International Commission for Optics en setembro de 2011, cargo que ostenta na actualidade.

O docente ten dirixido oito teses de doutoramento e é co-autor de máis de 60 artigos científicos, destacando numerosos traballos publicados na revista Physical Review Letters. Boa parte da súa actividade investigadora céntrase no estudo da propagación da luz en diferentes sistemas, así como as súas numerosas aplicacións tecnolóxicas. En canto á colaboración con grupos a nivel internacional, alén das publicacións conxuntas con diversos equipos, figuran numerosas estancias como investigador convidado en centros como a Chalmers University of Technology, de Suecia; a Australian National University, de Australia; a Ecole Normale Superieur, de Francia, e o Max-Planck Institut für Quantenoptik, de Alemaña. Ao longo da súa traxectoria ten organizado diversos congresos científicos e dirixido numerosos proxectos de investigación estatais. A estes méritos súmase o feito de ter fundando recentemente xunto a outros socios a empresa de base tecnolóxica Erhillumnia, participada pola Universidade de Vigo e centrada no ámbito da iluminación de estado sólido.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.