Caixas co Herbario Merino en Lourizán. Foto: Anxo Iglesias.

Caixas co Herbario Merino en Lourizán. Foto: Anxo Iglesias.

Herbario Merino, a gran enciclopedia ilustrada da botánica galega

A colección consta de 16.000 follas nas que aparecen 70 especies descubertas polo investigador

A historia da ciencia está chea de acontecementos casuais que deron lugar a grandes descubrimentos e tamén de historias coa intervención de grandes figuras que dedicaron moitos anos a unha tarefa ata acadar o seu obxectivo. Porén, hai poucos exemplos no que a determinación dun só individuo leva a elaborar unha obra que aínda perdura e está considerada como pioneira en Galicia e en España. Máis aló das cifras e do seu indubidable valor científico, o herbario Merino é sobre todo un traballo feito por amor a Galicia, a terra á que o xesuíta chegou en 1880 e da que pronto namoraría, pola beleza da súa paisaxe.

Narciso Bulbocodium

Narciso Bulbocodium

O herbario consta de 16.000 follas e na actualidade atópase repartido en catro sedes entre Lourizán (12.000 follas), Madrid (790), Santiago (2.400) e Pontevedra (790). A obra é resultado de máis de dez anos de viaxes de Merino (1885-1905, aproximadamente) pola xeografía galega coa intención de recompilar plantas. A posterior publicación en tres volumes (entre 1905 e 1909) da “Flora descriptiva e ilustrada de Galicia” completaría o legado de Merino para a terra que tanto amou.

Como explica o investigador Francisco Silva Pando, responsable da parte do herbario que se atopa en Lourizán, o xesuíta recorreu practicamente toda Galicia co obxectivo de realizar unha obra o máis exhaustiva posible. Poucas zonas quedaron sen visitar nas súas viaxes, entre elas a franxa costeira entre Corrubedo e A Coruña, a serra da Capelada e os picos de Os Ancares, Trevinca e o Xurés.

Merino deixou testemuña do seu labor nunha serie de crónicas que recompilou co título de “Viajes de herborización por Galicia”. Nelas, o xesuíta explica como se enfronta ás dificultades e como atopa axuda para desenvolver o seu labor grazas a antigos alumnos, amigos ou párrocos que viven nos lugares que vai visitando.

Merino non era un simple clasificador de plantas e empregou un novo sistema para ordenar as especies

En total, Merino describiu más de 1.845 especies e subespecies. Delas, 70 eran especies novas. O herbario é unha gran enciclopedia da riqueza vexetal galega que quedaría sistematizada na “Flora de Galicia”, considerada a primeira flora xeral de España na que se empregan os debuxos de xeito sistemático para a determinación das especies. Merino baseouse nos debuxos que xa foran publicados en Francia polo abade Coste. Dez anos despois de Merino, Cadeval empregaría os mesmos debuxos para a súa “Flora de Cataluña”.

Merino non era un simple “clasificador” de plantas. De feito, preocupábase moito pola Botánica descritiva na faceta que agora coñecemos como taxonómica. A “Flora de Galicia” é unha das primeiras na que se utilizan os sistemas de clasificación no que as monocotiledóneas se consideran derivadas. Isto é unha novidade importante, xa que na época de Merino as monocotiledóneas se estudaban no comezo das anxiospermas na maioría dos textos. É unha mostra máis do espírito innovador do xesuíta.

Un dos exemplares colleitados por Merino.

A Flora iníciase cunhas claves dicotómicas para chegar ás familias, os xéneros e as especies. Merino fai as descricións en castelán para facilitar a tarefa de clasificar aos que non están familiarizados co latín que empregan os botánicos. O primeiro volume comeza coas ranunculáceas e termina coas umbelíferas, e ademais conta cunha pequena parte de adicións. No segundo tomo expón, coas mesmas normas, as simpétalas e comeza cun grupo de monoclamídeas. O último volume comeza coas monocotiledóneas e termina coas pteridófitas. A obra finaliza cunha adición sobre a Xeografía Botánica Galaica.

Lonxe das rivalidades que caracterizaban aos botánicos da época, Merino é un científico respectuoso cos seus colegas. Cando tiña que contradicir a algún deles, facíao con exquisita cortesía, algo que contrastaba coa actitude que tiñan outros botánicos contemporáneos de Merino. De feito, no prólogo da Flora, o xesuíta dedica moito espazo aos agradecementos (entre os que destaca o que fai ao botánico Carlos Pau Español) e cita a predecesores como o abade Pourret, sacerdote francés que percorreu parte de Galicia a principios do século XIX e que incluíu algunhas especies recollidas aquí no seu herbario.

O xesuíta demostra a fascinación que sente polos bosques galegos coas palabras que lles dedica na Flora

A fascinación que sente Merino pola frondosidade e riqueza dos bosques galegos queda sobradamente demostrada coas palabras que lle dedica no prólogo da Flora: “Todos, propios e foráneos (…) gaban entusiasmados a incomparable fermosura desta rexión. Non son unicamente as veigas fecundadas por abundantes mananciais ou sucadas de veas líquidas que flúen de regatos ou ríos máis ou menos caudalosos, non os vales nin cumes, nin cañadas frescas e sombreadas, con ou sen o concurso da mano laboriosa do labrador, onde brota e se desenvolve unha vexetación exuberante; senón que esta sube e estende os seus dominios nos máis enfestos cumios, colga e tapiza os abruptos precipicios e rube ata nas duras rochas…”. Palabras tan fermosas son a mellor introdución para a obra culminante da vida dun home que soubo xuntar como ninguén paixón e coñecemento.

Unha resposta a “Herbario Merino, a gran enciclopedia ilustrada da botánica galega”

  1. Camila Quijeiro

    Encomiable esta labor de Merino.Interesante divulgat en colegios ya que por mi experiencia lis niños del rural están perdiendoel conocimiento de las hierbas

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.