O Instituto Galego de Estadística (IGE) publicou o pasado venres os datos de indicadores demográficos referentes ao ano 2016. Nel queda reflectido que o índice de envellecemento en Galicia alcanzou, de novo, o seu teito histórico. É unha tendencia que se repite desde o ano 1975, o primeiro no que se rexistran datos do IGE. Naquel momento, había case 38 maiores de 65 anos por cada 100 mozos e mozas menores de 20. Despois de catro decenios de crecemento constante, no 2016, xa había 153,69 persoas maiores de 65 anos por cada 100 menores de 20. Galicia é, por tanto, máis vella ca nunca.
O índice de envellecemento (a variable que mide este aspecto) é sensiblemente maior nas mulleres que nos homes. Mentres que por cada 100 mozos hai máis de 126 homes que superan os 65 anos, no caso das mulleres este índice aumenta ata as case 183 mulleres por riba da idade de xubilación.
Parada de Sil, o máis envellecido; Ames, o máis novo
Ao observar os datos a nivel municipal, Parada de Sil (Ourense) é o concello co maior índice de envellecemento (1308,09). Só hai 22 persoas censadas menores de 20 anos. Ségueno na lista Lobeira (1.282,2) e Avión (1209,66), os dous tamén na provincia de Ourense. No outro extremo está o concello de Ames, na área metropolitana de Santiago, con só 50,08 maiores de 65 anos por cada 100 mozos e mozas menores de 20. Os outros concellos máis “mozos” de Galicia son Salceda de Caselas (Pontevedra) (67,55) e Oroso, tamén nos arredores de Santiago, con 72,19.
O estudo sobre indicadores demográficos tamén recolle outras cifras interesantes, como os índices de fecundidade, mortalidade e nupcialidade, que se poden consultar ao completo na páxina do Instituto Galego de Estatística.