Xoves 25 Abril 2024

Os galegos que están contando 1.000 millóns de estrelas

O satélite Gaia da Axencia Espacial Europea, en órbita desde 2013, está a elaborar o primeiro mapa multidimensional da Vía Láctea. Un traballo inxente, no que se determinan as posicións, as distancias e os movementos de centos de millóns de estrelas. Este mércores, os responsables da misión farán público o segundo arquivo de datos recollidos polo satélite.

“As medidas influirán na Astrofísica das próximas décadas”, destacan os galegos de Gaia

E entre estes científicos, hai varios galegos: Minia Manteiga, astrofísica; Carlos Dafonte, Marco Antonio Álvarez González e Daniel Garabato Míguez, enxeñeiros informáticos do departamento de Computación da Universidade da Coruña. Xunto ás astrofísicas Ana Ulla, da Universidade de Vigo, e Ruth Carballo, da Universidad de Cantabria, conforman o grupo galego de Gaia. Aproveitando esta novidade, a Facultade de Informática da UDC celebra este mércores 25, a partir das 12 horas, unha exposición no vestíbulo sobre a expedición Gaia.

Publicidade

“As medidas de Gaia influirán no desenvolvemento da Astrofísica das próximas décadas debido á extrema precisión das súas observacións”, explican os investigadores galegos. “Foi extraordinario tamén o desafío tecnolóxico que supuxo non só construír unha máquina tan precisa senón tamén o tratamento e análise da inxente cantidade de datos que o satélite nos envía cada día”, precisan.

Recreación do satélite Gaia. Imagen: ESA.
Recreación do satélite Gaia. Imagen: ESA.

En setembro de 2016 publicouse o primeiro arquivo de datos do satélite, despois dos primeiros 14 meses de recollida de información, e ata 2021 non está previsto dar a coñecer o terceiro. O arquivo que se publica esta semana será moito máis completo, xa que inclúe como novidade prinicipal as medidas dos paralaxes de todas as estrelas observadas polo satélite. As paralaxes permiten determinar as distancias ás estrelas e neste caso haberá distancias a máis de 1.330 millóns de estrelas da Vía Láctea, o que vén a ser aproximadamente un 1% de todas as estrelas que a conforman. Do mesmo xeito, os novos datos conterán, por primeira vez, a medida da luz en tres bandas, o que permite estimar a cor dos astros e polo tanto a súa temperatura

As medidas que está a realizar Gaia serán claves para o estudo da galaxia, xa que até o de agora só fora posible medir a distancia á que se encontran as estrelas preto do Sol, utilizando métodos indirectos para estimar o resto. “Está sendo todo un reto“, destacan os investigadores da UDC, debido ao gran traballo de procesamento e almacenamento de datos que están a realizar. As estrelas e outros obxectos celestess pasaron por diante dos detectores de Gaia máis de cen mil millóns de veces. Ata o de agora levan recollidos preto de 52.000 Gb, e realizáronse case un billón de medidas astrométricas.

O equipo galego de Gaia

En Gaia traballan uns 450 científicos e tecnólogos de 24 países, 20 deles europeos. España colabora cun grupo de 45 astrofísicos e enxeñeiros, entre os que está o equipo galego. “O noso grupo –explica Minia Manteiga– soubo sacar vantaxe da súa composición multidisciplinar, que é fundamental nunha misión como Gaia, cunha compoñente importante tanto de Astrofísica como de Tecnoloxías da Información e Comunicacións”.

O grupo ten experiencia na aplicación de técnicas de computación avanzadas baseadas en Intelixencia Artificial tanto á análise de problemas complexos como ao tratamento da información en bases de datos extensas e heteroxéneas. Esta experiencia aplicouse a campos tan diversos como a medicina, a teledetección e a astrofísica.

Agárdase que o satélite descubra novos corpos celestes ata agora descoñecidos

Segundo detalla Manteiga, o grupo galego está traballando nas unidades de coordinación 8 e 9 de Gaia”. “O obxectivo principal da unidade 9, a máis recente, é a creación de técnicas e ferramentas para a explotación dos datos do satélite e a divulgación dos resultados da misión”.

Desde 2006, a unidade 8 está dedicando os seus esforzos a deseñar e desenvolver técnicas automatizadas que permitan a clasificación de todas as fontes que observa o satélite (no só estrelas da Vía Láctea, senón tamén obxectos extragalácticos como outras galaxias e cuásares) e da obtención das súas principais características ou propiedades físicas (como as temperaturas e gravidades das estrelas). Esta información incluirase no arquivo de Gaia a partir da súa terceira versión, e permitirá estudos en profundidade dos diversos obxectos astronómicos. A cuarta e definitiva versión deste catálogo publicarase arredor do ano 2023.

“Unha característica que nos gusta resaltar de Gaia é o seu esperable potencial de descubrimento. O satélite está medindo todos os obxectos observables na Vía Láctea ata magnitude 21 (un brillo moi feble, visible só por telescopios potentes) polo que os seus potentes “ollos” detectarán e medirán probablemente obxectos raros ata agora descoñecidos, quizá por ser pouco frecuentes ou por ter tempos de vida astronomicamente curtos. Estes obxectos son de especial interese e o noso quipo encargarase de facer a primeira análise sobre os mesmos. É un traballo difícil desde o punto de vista científico e técnico pero, desde logo, moi ilusionante”, conclúe Minia Manteiga.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite
00:00:21

A galega Ana Ulla participa no achado do buraco negro estelar máis masivo da Vía Láctea

O denominado ‘xigante durmido’ ten unha masa de case 33 veces a do Sol e está a menos de 2000 anos luz da Terra

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

Un novo exoplaneta desafía as teorías clásicas de formación planetaria

Un equipo de astronónomos descobre LHS 3154b, cunha masa similar a Neptuno, orbitando preto dunha estrela anana de moi baixa masa