Un exemplar de gaivota amarela da illa de Sálvora.

Un exemplar de gaivota amarela da illa de Sálvora.

As gaivotas en perigo priman a supervivencia dunhas crías sobre outras dende o ovo

Un estudo demostra que dan máis tamaño e nutrientes aos ovos con máis garantías de sobrevivir baixo ameaza de depredadores

O investigador Alberto Lucas, en Sálvora.

O investigador Alberto Lucas, en Sálvora.

Os xenes e as condicións ambientais determinan principalmente as características das crías de calquera ser vivo. Pero esas condicións ambientais xa son transmitidas polas nais mediante o coidado e os recursos que dan aos seus fillos, mesmo antes do nacemento. En analizar cales son estes efectos manternos centrou a súa tese de doutoramento Alberto Lucas, concretamente no desenvolvemento da gaivota amarela (Larus Michahellis). Explica o investigador que as nais non só inflúen na descendencia mediante os xenes, “en moitas especies, unhas condicións benignas durante o desenvolvemento permiten unha maior eficacia biolóxica”. E dicir, que os efectos maternos non representan unicamente unha transferencia pasiva da información ambiental á descendencia, “senón que tamén son un axuste activo do fenotipo dos fillos a un determinado ambiente”, o que se coñece como “efectos maternos anticipatorios”. Lucas analizou o caso das gaivotas amarelas baseándose no feito de que en ambientes cambiantes e predicibles a curto prazo “as nais poden programar o fenotipo dos fillos ao ambiente no que se atoparán tras o nacemento” e subliña que as aves son un bo sistema de estudo dos efectos maternos, “posto que nun ovo as nais depositan todos os recursos necesarios para o desenvolvemento , como por exemplo, nutrientes, antioxidantes ou hormonas”.

Ao non estar adaptadas ao voo, durante os primeiros días de vida as aves son moi vulnerables a depredadores, como o visón americano. Por iso, a rapidez en ocultarse e o tempo que poden permanecer inmóbiles determina a súa pervivencia. Pero neste comportamento está presente a influencia materna, xa que en certas situacións, as nais poden incrementar a súa eficacia biolóxica favorecendo a uns fillos sobre outros. No caso das gaivota, poñen o último ovo máis pequeno, varios días despois e con menos recursos. En condicións favorables poden saír todos adiante, pero no caso de perigo, esta estratexia favorece aos primeiros ovos e asegura a supervivencia de parte da niñada.

As nais favorecen a determinados polos cando están ameazadas polo visón

O estudo de Alberto Lucas, dirixido polos profesores Alberto Velando e Judith Morales, centrouse na illa de Sálvora entre 2010 e 2013 e confirmou o papel dos efectos maternos sobre o fenotipo da descendencia, en resposta a distintas condicións ambientais. As conclusións amosan como as nais expostas ao visón durante a formación dos ovos incrementaron as diferenzas comportamentais e morfolóxicas entre os irmás dunha mesma niñada, posiblemente para favorecer a determinados polos. Por outra banda, o estudo de Lucas determina que os segundos fillos destas nais expostas ao visón reaccionaron antes tras escoitar o grito de alarma e tiveron un comportamento más tímido, mentres que os terceiros fillos foron máis rechamantes e pesaron menos que os seus irmáns. Outra das conclusións é que as nais modificaron a duración do desenvolvemento no ovo do terceiro polo, posiblemente para reducir a diferenza de idade cos seus irmáns.

Alberto Lucas conclúe que a vitamina E permite unha mellor descendencia

No caso das gaivotas, o crecemento durante os primeiros 30 ou 40 días é moi rápido e, en moitos casos, “o estrés oxidativo pode afectar negativamente ao crecemento e á supervivencia”. Ademais de nutrientes, os polos reciben substancias antioxidantes, como vitamina E e carotenoides, tanto no ovo como na dieta subministrada por ambos pais. Un maior aporte de antioxidantes no ovo e despois da eclosión pode beneficiar aos fillos ao longo de toda a súa vida, pero sen embargo, “estes efectos beneficiosos poderían depender do ambiente no que van crecer”. Os resultados do estudo amosan que “as diferenzas de tamaño entre os polos ao nacer estiveron determinadas dende o momento da formación dos ovos e o suplemento de vitamina E durante a formación dos ovos incrementou o peso corporal das crías ao final da fase de crecemento, independentemente da cantidade de antioxidantes despois do nacemento”. Segundo o investigador “isto confirma que as nais con niveis máis altos de vitamina E poden producir unha descendencia de mellor calidade”. O estudo ademais analiza os efectos da dispoñibilidade de vitamina E no tamaño do tarso, ou o efecto inmunoestimulante dos carotenoides, “que depende do estatus oxidativo dos polos”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.