O forense Fernando Serrulla, e o retrato de Romasanta que realizou xunto a Marga Sanín.

O forense Fernando Serrulla, e o retrato de Romasanta que realizou xunto a Marga Sanín.

O forense Fernando Serrulla, do home lobo Romasanta ao caso Diana Quer

O experto en antropoloxía forense que realiza a autopsia da moza asasinada acumula unha longa traxectoria científica en Galicia

A ciencia forense que serve para comprender mellor a historia tamén vale para resolver os crimes de hoxe en día. O nome de Fernando Serrulla saltou aos medios de toda España nos últimos días ao ser o encargado de realizar a autopsia ao cadáver de Diana Quer, a moza asasinada en agosto de 2016 tras ser raptada na Pobra do Caramiñal. Pero a traxectoria de Serrulla, xefe da Unidade de Antropoloxía forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia, que traballa desde o hospital comarcal de Verín, acumula numerosos casos ás súas espaldas. Algúns mediáticos, e outros, moi importantes para a investigación científica en Galicia.

Fernando Serrulla foi, xunto á debuxante Marga Sanín, o encargado de poñerlle rostro a Manuel Blanco Romasanta, o mítico lobishome, coñecido por asasinar a máis dunha decena de mulleres na provincia de Ourense a mediados do século XIX, e que, segundo a súa confesión, mataba porque se convertía en home lobo. As pesquisas de Serrulla, tal e como contaba en conversa con GCiencia con motivo dunha serie de reportaxes sobre Romasanta, permitiron concluír, xunto coas aportacións doutros expertos, que o asasino ourensán padecía un trastorno coñecido como síndrome adrenoxenital.

Elba, a pastora de hai 9.300 anos que morreu no Cebreiro.

Elba, a pastora de hai 9.300 anos que morreu no Cebreiro.

Esta patoloxía, causada por un déficit de xeración de cortisol na glándula suprarrenal, provoca un exceso de hormonas sexuais masculinas. Estas persoas “nacen con aparencia de nena, con xenitais externos de aspecto feminino, pero a partir dos oito anos, comezan a virilizar. Non lles medra o peito, empézalles a saír pelo por todo o corpo e transfórmase a voz”. Apuntaba Serrulla que esta doenza, aínda sendo pouco habitual, é das máis ‘frecuentes’ entre as enfermidades raras. “Na provincia de Ourense, con 300.000 habitantes, existen hoxe en día uns 30 casos“, dicía.

Con todo, o forense Fernando Serrulla cre que é complicado facer un diagnóstico claro do que era Romasanta e cal era o seu trastorno, xa que non hai ningún resto biolóxico que se poida analizar para confirmalo. “Naquel tempo non existía a medicina forense como tal, e todas as valoracións están feitas cos criterios e coñecementos do século XIX, que son notablemente distintos dos actuais”, explica Serrulla.

A pastora Elba

En 2017, un grupo de investigadores galegos deu a coñecer a historia de Elba, unha pastora de hai 9.300 anos cuxos restos apareceron nunha cova das montañas do Cebreiro. Como con Romasanta, Serrulla encargouse de realizar o informe forense sobre os seus ósos. E de novo coa colaboración de Marga Sanín, elaboraron un retrato que permitiu coñecer o rostro aproximado que tiña Elba.

Grazas á investigación dos expertos do Instituto Parga Pondal e a aportación de Serrulla, Elba converteuse na primeira muller do Mesolítico estudada xenéticamente na península Ibérica, co que se puido coñecer parte da vida e dos hábitos dos poboadores da Galicia de hai 93 séculos.

Serrulla traballou en casos como a guerra das Malvinas e o 11M

Mais Serrulla tamén ten traballado en importantes casos doutras partes do mundo. No pasado verán traballou na identificación de máis dun cento de soldados arxentinos mortos durante a guerra das Malvinas. Do mesmo xeito, xogou tamén un importante papel durante a dura identificación das vítimas dos atentados do 11 de marzo de 2004 en Madrid.

Amais da súa faceta profesional, Serrulla é un destacado divulgador da cultura e o patrimonio da provincia de Ourense. Coñece polo miúdo Verín e a súa comarca e o Macizo Central ourensán, precisamente o lugar onde actuou o mítico Romasanta.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.