Momento no que os foguetes laterais do Falcon Heavy regresan á Terra tras cumprir a súa misión. Imaxe: SpaceX.

Momento no que os foguetes laterais do Falcon Heavy regresan á Terra tras cumprir a súa misión. Imaxe: SpaceX.

Por que é tan importante o lanzamento do Falcon Heavy?

O lanzamento do foguete Falcon Heavy de SpaceX podería abrir unha nova etapa na exploración espacial grazas ás súas prestacións

Despois de moitos anos, a carreira espacial volve estar no centro da actualidade. Onte, medio planeta miraba de novo abraiado cara Cabo Cañaveral, epicentro da actividade espacial da NASA. Alí, o foguete Falcon Heavy, desenvolvido pola empresa SpaceX, propiedade do multimillonario Elon Musk, intentaría despegar para abrir unha nova etapa na exploración espacial.

Era un proba que podería saír mal. Algúns dos coordinadores do proxecto recoñecían que había unha importante probabilidade de que o foguete puidese explotar. Pero non foi así. O feito de que o Falcon Heavy se despegase da plataforma de lanzamento xa foi un éxito. E a partir de aí, case todo saíu ben:

Vídeo do lanzamento do Falcon Heavy

Unha das fases críticas era a de cruzar a atmosfera terrestre, o momento no que o foguete debería superar a maior carga aerodinámica, polo que corría risco de desintegrarse. E iso foi ben.

O Falcon Heavy, composto por dous foguetes ensamblados a outro máis potente, o central, debería seguir a súa viaxe. Unha vez fóra da atmosfera, as dúas partes laterais debían desprenderse e regresar á Terra. Aquí reside outro dos importantes avances deste foguete. Os seus creadores fixeron posible que sexan reutilizables para futuras misións, o que abarata dunha forma notable os costes. E isto tamén saíu ben.

O seguinte obxectivo era que o foguete principal tamén se desprendera da cápsula que ficará para sempre no espazo. Aquí estivo o único negativo da misión. A primeira parte foi ben, pero os motores do foguete principal fallaron no regreso á Terra e non puido regresar á plataforma marítima habilitada para recibilo. “Perdemos o núcleo central”, dixeron desde a sala de control da misión. Probablemente chocou contra o mar.

Starman, o 'condutor' do Tesla no espazo, coa Terra ao fondo. Imaxe: SpaceX.

Starman, o ‘condutor’ do Tesla no espazo, coa Terra ao fondo. Imaxe: SpaceX.

O vehículo Tesla que viaxaba a bordo, tamén propiedade de Elon Musk, era máis un atractivo publicitario que outra cousa, pero non deixa de ter a súa importancia. Utilizárono para demostrar a capacidade do Falcon Heavy de levar ata o espazo varias toneladas de peso. O Tesla está ‘pilotado’ por un boneco que leva o traxe de presión que SpaceX deseñou para as futuras misións tripuladas ao espazo. No reprodutor de música soa Space Oddity de David Bowie – aínda que non se escoita nada porque no espazo non se transmiten as ondas de son – e leva tamén un disco coas obras completas de Isaac Asimov.

A importancia do Falcon Heavy

Alén do aforro que supón a reutilización dos foguetes, o Falcon Heavy tamén ofrece outras vantaxes que o sitúan á vangarda da exploración espacial. Con todo, non é o foguete máis potente da historia, como se dixo estes días. O Saturn V, que conseguiu levar ata a Lúa ao ser humano por primeira vez, tiña 110 metros de altura, fronte aos 70 do Falcon Heavy, e podía colocar en órbita baixa – a altura aproximada á que está a Estación Espacial – ata 140 toneladas, fronte ás 63 do artefacto de Space X.

Pero non por iso ás súas prestacións deixan de ser abraiantes, e máis tendo en conta o gran freo da carreira espacial tras o final da Guerra Fría. O foguete lanzado este martes duplica en potencia ao seguinte modelo máis potente da actualidade, o Delta IV Heavy.

Mais o mellor está por vir. As axencias espaciais de Estados Unidos, Rusia e China xa proxectan foguetes máis potentes que o Falcon Heavy. Pero é que SpaceX considera o foguete lanzado esta semana como un pequeno paso. O seu obxectivo é o BFR, no que xa traballan, e que sería capaz de levar á orbita baixa ata 250 toneladas. Podería ser, coa debida cautela, o foguete que levará ao ser humano de novo á Lúa e, posiblemente, por primeira vez a Marte.

Para máis información:

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.