Investigadores galegos en ciencias e materiais moleculares, reunidos onte en Santiago.

Investigadores galegos en ciencias e materiais moleculares, reunidos onte en Santiago.

O éxito dende a molécula

A Rede de Ciencias e Materiais Moleculares une a científicos das 3 universidades e dende 2011 suma 71 proxectos de investigación por 9 millóns de euros

O ‘sector da molécula’ dá traballo en Galicia a científicos das tres universidades, crea empresas, rexistra patentes e suma, dende 2011, 71 proxectos autonómicos, estatais e europeos por valor de 9 millóns de euros. E, polo tanto, a historia dun éxito, baseado en disciplinas diversas, que van desde aplicacións para medicina, computación, bioloxía, alimentación ou viroloxía.

Para poñerse ao día da realidade destes investigadores, o CiQUS da Universidade de Santiago volveu ser onte o escenario escollido para a celebración dun novo workshop da Rede de Ciencias e Materiais Moleculares (RCMM), a rede de investigación constituída por nove grupos das tres universidades galegas, cuxos membros desenvolven a súa actividade científica nos campus de Santiago, Lugo, Coruña Vigo e Ourense.

Os investigadores pertencen a 9 grupos e cinco áreas de coñecemento

Trátase dunha rede de carácter eminentemente multidisciplinar xa que está formada por grupos procedentes de cinco áreas de coñecemento –Química orgánica, Química Inorgánica, Química Física, Bioloxía molecular e Física aplicada–, o que lle permite abordar múltiples liñas de investigación, entre as que figuran a síntese orgánica, a química biolóxica, a química supramolecular ou os materiais moleculares, así como a química computacional, a fotofísica, a viroloxía ou a termofísica.

Fundada en 2006 e coordinada polo catedrático de Química Orgánica da USC e investigador do CiQUS Enrique Guitián, a rede traballa no deseño, síntese e avaliación de novos materiais moleculares para o seu uso en dispositivos electrónicos e fotónicos (células, solares, LEDs, OFETs… etc) e no desenvolvemento de moléculas capaces de detectar, mediante métodos ópticos, biomoléculas que poidan ser usadas como marcadores de distintas enfermidades. Estas biomoléculas consisten fundamentalmente en ácidos nucleicos e proteínas, que están expresadas de forma aberrante en enfermidades como o cancro.

Varias patentes e dúas empresas xurdiron destes grupos de investigación

Ademais, buscan desenvolver novas estratexias terapéuticas baseadas na activación ou desactivación controlada de moléculas bioactivas usando sinais externos, como por exemplo, a luz, á vez que novos métodos de síntese química, tanto en disolución coma sobre diferentes superficies.

Dende 2011 os grupos que integran a RCMM conseguiron atraer 26 proxectos autonómicos (2.000.000 euros), 36 de ámbito estatal (3.000.000 euros) e 9 proxectos europeos (4.000.000), ademais de xerar 6 patentes entre 2011-2013, unha delas xa en explotación. Asinaron tamén diversos convenios ou contratos con diversas empresas e organismos tanto nacionais (REPSOL) coma estranxeiros (ABCR GmbH, Chiron, Biofungitek, NIST USA), por un valor total de 59.500 de eusos.

Por outra banda, froito do traballo e os resultados dos distintos grupos de investigación en 2013 constituíronse as empresas Alchemview S. L., especializada no ámbito da quimio-informática de consumo, e MD.USE Innovations, S. L., spin-off da USC que ofrece servizos de consultaría para a aplicación de simulacións computacionais de dinámica molecular como alternativa e complemento dos métodos experimentais tradicionais.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.