Venres 19 Abril 2024

“Tentamos avanzar na interacción das máquinas moleculares co ADN”

A comezos de outubro, os químicos Jean-Pierre Sauvage, Fraser Stoddart e Bernard Feringa recibían o premio Nobel polos avances que acadaron na creación das máquinas moleculares. En Galicia, varios científicos traballaron de preto con eles. Tres investigadores do CiQUS foron bolseiros nos laboratorios de Feringa, e no grupo Quimolmat da Universidade da Coruña publicarán en breve un artigo en colaboración con Fraser Stoddart. Carlos Peinador é un dos investigadores deste grupo.

– Cómo xorde a colaboración con Fraser Stoddart?
Traballamos en campos moi semellantes, e coñecemos o seu traballo desde hai anos. Eva López, unha investigadora do noso grupo, fixo unha estadía na súa universidade, e aí comezamos a ter contacto.

Publicidade

– En que se basea o artigo que van publicar con el?
A tese de doutoramento de Eva xira sobre os catenanos, unhas estruturas con moito interese porque se poden empregar como máquinas moleculares, converténdoas, por exemplo, en válvulas, pistóns ou interruptores que se poden accionar mediante estímulos externos.

– Que destacaría da figura de Stoddart?
O campo das máquinas moleculares empezou a desenvolverse nos anos 80. Stoddart, Sauvage e Feringa son os discípulos daqueles pioneiros. No caso particular de Stoddart, eu subliñaría o seu gran volume de traballo.

– Que traballo desenvolven no grupo Quimolmat?
Traballamos con estruturas moleculares entrelazadas para poder controlalas segundo os estímulos que reciban. Estamos intentando avanzar na interacción destas estruturas co ADN. É un campo novo, queda moito por facer.

– De que falamos cando falamos de máquinas moleculares?
Son máquinas a escala molecular, que se poden regular segundo nós decidamos, e que poden ter aplicacións nos medios biolóxicos e artificiais. Con elas pódense construír ascensores e válvulas, pero tamén podemos empregalas como transportadores de fármacos, por exemplo.

– Que aplicacións poderán ter os avances neste eido?
Estamos aínda nunha fase moi inicial, falamos case de química básica, e non podemos ver resultados inmediatos. Un dos principais desafíos é levar o funcionamento das máquinas moleculares a escala macroscópica, polo que as aplicacións multiplicaríanse. Pero para iso queda moito por facer.

– Como ve a situación da investigación sobre química en Galicia?
Regular tirando a mal. Os fondos caeron bastante nos últimos anos. E polo que me toca máis de preto, facendo memoria, no noso grupo todos os bolseiros e estudantes marcharon ó extranxeiro en canto presentaron a tese. Ningún puido voltar a Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:00

O amor, unha cuestión de química?

Substancias químicas como a dopamina espertan o desexo que podemos sentir por alguén, pero só uns vínculos profundos garanten unha relación duradeira

Estas son as substancias químicas que nos engordan e si, están por todas partes

Certos compostos dos envases, cosméticos, deterxentes ou dos propios alimentos poden ter un papel no aumento do sobrepeso e da obesidade na poboación

Documentos avalan que Rosalind Franklin foi esencial para o descubrimento da estrutura do ADN

Un artigo publicado por Nature demostra que a química colaborou en "pé de igualdade", proporcionando datos cruciais e verificando o resultado

Unha prestixiosa revista do grupo ‘Nature’ destaca un artigo liderado por dous galegos

Os editores seleccionaron unha investigación sobre péptidos alfa helicoidais entre as contribucións máis salientables de 2022