Escolas Unesco celebran o Ano Internacional da Luz

Escolas UNESCO de sete países celebran o Ano da Luz coordinadas desde Galicia

Alumnos galegos guiarán unha conferencia internacional sobre a luz desde unha perspectiva da Teoría da Relatividade

2015 é o Ano Internacional da Luz, unha celebración marcada pola Organización das Nacións Unidas (ONU) e na que as iniciativas galegas están a ter protagonismo internacional. Entre as actividades que se están a desenvolver arredor de todo o mundo, escolas asociadas á UNESCO de sete países acordaron poñer en marcha unha experiencia colectiva coordinada desde Galicia para, co gallo deste ano da luminosidade, ofrecer unha visión da luz desde unha perspectiva da Teoría da Relatividade.

O proxecto titúlase “New Light with Old Ideas” e conta cun sitio colectivo en liña no que se recolle a información sobre a experiencia dos alumnos, cuxa principal actividade prevista de momento terá lugar o vindeiro 24 de abril, nunha conferencia online colectiva entre as 11h e as 12h. Nese tempo, os estudantes de cada colexio amosarán o contributo dunha figura científica destacada do seu país nunha secuencia que será guiada polo alumnado galego.

“O obxectivo”, explica o profesor Xabier Prado, coordinador internacional desta iniciativa, “é dar a coñecer a posibilidade de usar ideas antigas (mais por iso mesmo moi eficaces) para entender aspectos novidosos ou contraintuitivos da física moderna”.

Participantes

Os participantes nesta conferencia internacional son o Max-Planck Gymnasium, Berlín (Alemaña); o 3º Gymnasio de Kavala (Grecia); o Liceo Scientifico D. Carlo La Mura, Angri (Italia); o Hudson High School, Massachussets (Estados Unidos); o Gymnasium Beekvliet, Sint-Michielgestel (Holanda), o Städt. (Literar) gymnasium Bern- Kirchenfeld (Suíza) e, por España, dous colexios galegos: o IES Pedra da Auga de Ponteareas e o IES Luís Seoane de Pontevedra. Os nomes ilustres que saírán a relucir nas exposicións serán os de Aristóteles, Galileo Galilei, Albert A. Michelson, Hendrik Antoon Lorentz, Hermann Minkowski e, por suposto, o do autor da Teoría da Relatividade, Albert Einstein.

A base conceptual do desenvolvemento didáctico está explicada na web de referencia RelatividadeVisual, adicada á visualización da Teoría da Relatividade a través de distintos contidos dispoñibles en varios formatos. O espazo en liña contén unha serie de vídeos con animacións (en 11 capítulos), diferentes publicacións e relatorios presentados por Xabier Prado, así como biografías de científicos relacionados coa relatividade, experimentos reais ou imaxinarios, así como ligazóns a outras páxinas de interese. Tamén se atopan accesos a unha serie de páxinas nas que se describen varios campos da física ou das matemáticas que gardan relación coa teoría da relatividade.

O alumnado galego que participa nesta iniciativa internacional xa tivo oportunidade de amosar estas ideas visuais dun xeito práctico durante o XXVII Congreso dos Ensinantes das Ciencias de Galicia (ENCIGA), celebrado no IES As Barxas de Moaña o pasado mes de novembro.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.