O delegado do CSIC en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara. Foto: Anxo Iglesias

O delegado do CSIC en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara. Foto: Anxo Iglesias

“Hai unha aposta desbocada pola innovación, pero hai que seguir investigando”

O delegado do CSIC en Galicia fai balance da súa xestión e agarda que poda consolidarse a recuperación nos vindeiros anos

O delegado do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara (Ponteceso, 1952), acaba de cumprir cinco anos no seu posto e fai un balance positivo dos logros acadados nun período no que tivo que loitar contra os efectos da crise económica en todo o país. Nos próximos anos aspira a consolidar a recuperación e que o CSIC poda volver ao nivel de emprego e produción científica que existía antes da crise. O historiador medievalista mostra o seu optimismo aínda que advirte sobre os riscos que pode representar unha aposta demasiado forte pola innovación que faga esquecer a importancia que segue a ter a investigación no sentido máis clásico.

“En 2016 acadamos os 7,5 millóns de euros captados para investigación”

-Cúmprense cinco anos do inicio da súa xestión á fronte da delegación do CSIC en Galicia. Que balance fai desta etapa?

-O balance é positivo. Arrancamos con moitas dificultades en 2012 e agora nos atopamos nun proceso de recuperación sostido dende o ano 2013. Un dos logros que temos conseguido é resituar ao CSIC nos centros de decisión científica, ao reintégrarnos no Sistema Galego de Ciencia e Investigación. Por outra banda hai que destacar o considerable incremento no financiamento captado para investir, despois dos anos máis duros da crise. En 2016 acadamos os 7,5 millóns de euros captados fronte aos 4,9 rexistrados en 2015 e os 3,2 dos que se captaron en 2012. Tamén rexistramos un incremento, aínda que leve, na produción científica pero é moi importante dende o punto de vista cualitativo xa que hai que ter en conta que as investigacións levan tempo e moitas delas comezaron no período de menor financiamento. Entre os logros acadados no último ano podemos citar a secuencia do xenoma do rodaballo e da xudía, os avances na secuencia do xenoma do mexillón, o selo de calidade concidido pola FECYT ao Cuaderno de Estudios Gallegos e a publicación do Atlas de Paisaxes Arqueolóxicas por parte de Xerais.

-Cre que pasou o peor da crise no mundo de investigación? Que perspectivas hai para Galicia?

-Efectivamente o peor xa pasou. Estremécese un so de pensar o que pasou nestes anos pero agora a situación é moito mellor. Por exemplo, no que se refire aos recursos humanos durante a crise se perderon un 15% dos postos de investigadores que tiñamos pero a partires de 2013 comezou a recuperación e mesmo agora acabamos de incorporar a tres novos investigadores nos centros do CSIC en Galicia. Cara ao futuro somos moderadamente optimistas e agardamos un crecemento sostido nos próximos anos, tanto en captación de recursos como en persoal. O número de investigadores nunca é satisfactorio pero agardamos seguir recuperando o que tiñamos, tanto no que se refire a investigadores como no resto do persoal. A investigación necesita estabilidade e a continuidade e un factor esencial para conseguila.

“O problema non é que os investigadores saian senón que non podan volver”

-Que opina da polémica recente cos contratos dos investigadores predoutourais?

-Foi un problema administrativo que xa quedou solucionado. O que si é preocupante é o incremento da idade media dos investigadores. É algo que haberá que considerar e tomar medidas, como pode ser facilitar o retorno dos investigadores que marcharon de España. O problema non é que os investigadores saian de aquí porque iso é imprescindible para a súa formación senón que non atopen oportunidades para poder volver.

-Cales son as fortalezas e debilidades coas que conta o mundo da investigación en Galicia? En que sectores debería aumentarse o investimento?

-En Galicia temos uns sectores clásicos polos que hai que seguir apostando como son a agricultura, a acuicultura, a biotecnoloxía e o sector patrimonial e cultural. Ao mesmo tempo xorden outros como pode ser o que se está a facer co tema dos drones en Rozas, que é unha aposta moi importante e que pode dar froitos moi bos tanto para a comarca como para a propia Universidade de Vigo. No que se refire ás debilidades, tanto en Galicia como no resto de España ás veces hai unha aposta un tanto desbocada pola innovación e esquecemos o obvio: antes de innovar hai que investigar e non hai que detraer fondos da investigación clásica para dedicalos á innovación.

“Non hai que detraer fondos da investigación clásica para dedicalos á innovación”

-É axeitada a colaboración entre universidade, empresas e centros de investigación en Galicia? Que se debe facer para a súa mellora?

-A colaboración é axeitada pero sempre pode mellorar. Non hai fórmulas máxicas para resolver algúns problemas que semellan inexplicables pero que están. Por exemplo, ás veces xorden problemas de tramitación nos convenios porque hai diferencias substanciais entre os que se fan coas universidades e os que temos con outras administracións. De todos os xeitos mantemos boas relacións coas tres universidades e mantemos colaboracións con centros de excelencia universitarios como o Campus Vida e o Campus do Mar. No que se refire á colaboración coas empresas, apostamos por ela aínda que hai dificultades porque hai que lembrar que a maioría das empresas galegas son pemes e iso dificulta o seu acceso á investigación. Temos centros como a Misión Biolóxica de Galicia ou o Instituto de Investigacións Mariñas que teñen un nivel máis que aceptable de colaboración coas empresas. Dende o CSIC apostamos pola cultura científica e debemos concienciar á sociedade galega de que existimos e temos centros de investigación que inciden en sectores estratéxicos para a economía galega. Hai que recordar que o CSIC é o terceiro centro de investigación de Europa e sétimo do mundo e contar co seu respaldo en Galicia e moi importante.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.