Xoves 18 Abril 2024

“Nas ciencias persiste o modelo de muller coidadora e home provedor”

A igualdade de xénero segue a ser materia pendente na ciencia en Galicia. Estudos das áreas de Igualdade das tres universidades galegas alertan de que aínda queda un longo camiño por diante. Feitos como o efecto tesoira” provocan que, aínda que haxa máis mulleres que homes estudando nas facultades, só un de cada cinco catedráticos son mulleres. En decembro de 2015 constituíuse AMIT-Gal, o nodo galego da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas. Ana Jesús López Díaz, profesora na Escola Politécnica Superior da UDC en Ferrol, é a primeira presidenta da entidade.

– En que eidos da ciencia segue sen acadarse a igualdade?

Publicidade

Eu faría a pregunta de outro xeito: “Existe algún eido da ciencia no que se poida falar de igualdade de xénero?” A ciencia, como calquera construción humana, está afectada polos mesmos vicios e virtudes que a sociedade en xeral. E por tanto, a igualdade de xénero é una materia pendente. En 115 anos de historia dos Premios Nobel, só 49 mulleres o conseguiron, fronte a 833 homes. E nas disciplinas científicas, só un 3 por cento dos Nobel foron para mulleres. Está claro que algún problema hai.

Un estudo que fixemos en AMIT para a Unidade de Muller e Ciencia (UMyC) do Ministerio de Economía Industria e Competitividade sobre os premios científicos en España demostrou que só o 18 por cento dos galardóns recae en  mulleres. Isto é desolador, sobre todo tendo en conta que en España a porcentaxe de mulleres científicas é dun 39 por cento, segundo os datos do informe Científicas en Cifras.

Ese mesmo informe amosa que, por exemplo, nas universidades, as carreiras científico/docentes das mulleres se ven claramente limitadas fronte ás dos homes e acaban ocupando postos de menor nivel que os seus compañeiros (so un 21 por cento das cátedras están ocupadas por mulleres); a pesar de que desde hai máis dunha década a porcentaxe de alumnas universitarias supera á de alumnos (54% de alumnas ao nivel de grao) e estas amosan un rendemento académico mellor que os seus compañeiros varóns en todas as etapas de formación científica (grao, mestrado e doutoramento).

– En que estudos se percibe en maior medida esa fenda?

Persisten estereotipos, como o modelo de muller coidadora e home provedor, que parece de outros tempos, pero que segue a estar presente na sociedade. Podemos facer todas as matizacións que queiramos, pero as consecuencias están aí. Así, hai máis mulleres nas áreas de ciencias da saúde que nas enxeñarías… Isto non é igualdade, isto é segregación e un indicador da persistencia dos estereotipos.

Nas universidades galegas está moi clara a maior presenza masculina nas áreas científico-tecnolóxicas fronte ás áreas de ciencias da saúde ou xurídico-social. Por exemplo, o caso da UDC: segundo o último Diagnóstico de Xénero había un 82 por cento de alumnas na área de Ciencias da Saúde fronte a un 33 por cento en Enxeñaría e Arquitectura.

É importante sinalar que estas diferenzas persisten, porque están condicionando as eleccións vocacionais de mulleres e homes e dificultan a consecución de esa igualdade

Que razóns se adoitan dar para “explicar” esta desigualdade?

Como xa expliquei, os roles e estereotipos de xénero ( aquilo que temos interiorizado como propio de mulleres ou propio de homes) parece que está detrás de esta situación. Pero estes roles e estereotipos refórzanse nas familias, nos medios de comunicación ou no sistema educativo. Por exemplo, cantas mulleres científicas aparecen nos libros de texto? Non é algo natural, é algo que se aprende no proceso de socialización. Se non teñen referentes femininos de enxeñeiras, ou de físicas, é máis difícil que as rapazas se interesen por eses campos. E moitas veces o problema non é so que non teñan referentes, senón que dun xeito máis ou menos directo se disuade ás rapazas para que sigan ese camiño…En palabras de María Blasco, Directora do CNIO “Se todo na sociedade está montado para que sexa máis difícil para as mulleres, será máis difícil”.

– Cal é a situación da muller investigadora en Galicia? 

É moi similar ao do resto de España, aínda que en porcentaxe de investigadoras si se pode afirmar que estamos un pouco por riba da media nacional, cun 40 por cento de mulleres no total de persoas dedicadas á investigación. Con todo, persiste a segregación vertical, porque a medida que se sube no nivel profesional ou académico van desaparecendo as mulleres. Por exemplo na nosa universidade, a UDC, só hai un 12 por cento de catedráticas.

– Que se conseguiu nos últimos anos?

Pois eu diría que moi pouco, as cifras tal como amosa o informe da UMyC parecen estancadas. E coa crise son as mulleres, como colectivo máis desfavorecido, as que a sofren con máis intensidade, tamén na ciencia. Se se recorta en financiamento da investigación, se non hai bolsas, se non se convocan prazas nas universidades, as primeiras en desaparecermos somos as mulleres. Ten en conta que os mecanismos de selección ou as valoracións dos currículos tamén amosan un certo sesgo (o coñecido caso John vs. Jennifer). Incluso nos procesos de revisión das publicacións científicas, como amosan estudos publicados en Nature.

Tampouco se percibe un cambio significativo nas porcentaxes de mulleres que se achegan ás chamadas ciencias “duras” como a física ou ás carreiras tecnolóxicas. A miña percepción, como profesora na Escola Politécnica Superior da UDC,  é que coa implantación dos graos incluso baixou a porcentaxe de mulleres en certos estudos. Antes da adaptación ao EEES en Enxeñaría Industrial había case un 30 por cento de alumnas mentres que no Grao de Enxeñaría Mecánica, que se imparte actualmente, temos un 16 por cento.

Acaso o avance máis significativo foi a maneira na que se incorpora a perspectiva de xénero a todos os niveis no programa marco da UE, o H2020. Para unha ciencia excelente hai que ter en conta a perspectiva de xénero. Isto afecta ao deseño, á composición dos grupos, á temática, ao desenvolvemento, á selección, etc. dos proxectos que se enmarcan en H2020.

– Que medidas se poderían tomar para rachar esta desigualdade?

En primeiro lugar, accións positivas; as mal chamadas cotas. Estas accións existen en calquera ámbito cando hai un colectivo máis desfavorecido. Por que non se vai facer neste caso? Está demostrado que para que algo se normalice, para que se consiga a paridade, primeiro hai que acadar un número significativo de mulleres nos distintos ámbitos, que nos deixen chegar. Se hai poucas mulleres, as que si están dentro, sentiranse obrigadas a mimetizarse e reproducir os esquemas masculinos para que as acepten como iguais. É, ao meu entender, o que lles pasa a algunhas catedráticas que non queren oír falar das accións positivas porque teñen medo que os outros cuestionen como chegaron.

Por outra parte habería que facer máis visible o traballo e as achegas das mulleres, porque merecemos o recoñecemento ao noso traballo, merecemos que se nos teña en conta nos premios, nos comités, nos postos de dirección. E ademais as novas xeracións de rapazas terían referentes onde apoiarse.

A sociedade ten que concienciarse de que non é so unha cuestión de dereito, que por suposto, tamén o é; senón da perda das capacidades de máis da metade da poboación. Unha sociedade baseada na ciencia e na tecnoloxía non se pode permitir isto.

– Cales son os obxectivos de AMIT-gal? 

En AMIT-Gal pretendemos ser voz, foro de discusión e rede de apoio para todas as investigadoras e universitarias en Galicia concienciadas en traballar xuntas para lograr a plena participación das mulleres na Investigación, a Ciencia e a Tecnoloxía.

– Que iniciativas están xa levando a cabo?

Polo de agora a maioría das iniciativas estiveron orientadas á visibilización do traballo das científicas. Realizamos as xornadas Mulleres na Ciencia, que van xa pola 2º edición, o proxecto “ Unha Enxeñeira ou Científica en cada Cole”, coa colaboración da USC e o Concello de Santiago, participamos en distintas actividades do 11 de febreiro, Día Mundial das Mulleres e Nenas na Ciencia, con “ Unha científica vista o noso cole”, en colaboración co Concello de Ferrol e a UDC, e coas actividades que se fixeron no Muncy; tamén participamos en mesas redondas entorno ao 8 de Marzo, etc.

Con todo, gustaríame destacar unha iniciativa que aprobamos na Asemblea Xeral do 16 de decembro porque nos pareceu moi necesaria: enviámoslle ao presidente da Real Academia Galega da Ciencia unha carta ofrecéndolle o noso apoio e colaboración para incrementar a presenza de mulleres en esa institución, tanto o número de Académicas (que é moi reducido) como para formar parte dos xurados dos premios, etc. Pensamos que é fundamental para unha institución que representa á ciencia en Galicia contar con un número de mulleres acorde coas porcentaxes de investigadoras (un 40%). Tamén solicitamos que se dedicara o Día da Ciencia de Galicia a máis mulleres, xa que polo de agora só se lle dedicou a Ángeles Alvariño. E, do mesmo xeito, insistimos na importancia de facer visibles ás científicas para crear referentes nas rapazas máis novas.

Pola resposta recibida, parece que a RAGC comparte, dalgunha maneira, os nosos obxectivos e manifesta boa disposición. Esperemos que non quede en meras palabras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Desigualdade de xénero na ciencia: “En Galicia somos pioneiras pero nunca o puxemos en valor”

As investigadoras Montserrat Díaz-Raviña e Cristina Caruncho denuncian a falta de diversidade, sobre todo no eido da edafoloxía

A Real Academia Galega de Ciencias incorporará cinco académicas en 2022

Unha medida que impulsa a institución para para romper a brecha de xénero, após dun informe que revela unha representación de mulleres inferior ao 20%

Galicia: a comunidade con máis investigadoras na Administración pública

O informe ministerial Científicas en Cifras 2021 revela unha profunda pero decrecente brecha de xénero no campo da ciencia

A fenda salarial de xénero, unha realidade na UVigo

A Unidade de Igualdade evidencia os efectos da segregación vertical entre o persoal docente e investigador do campus vigués