Elena Vázquez Cendón, xunto ao mapa de Galicia de Domingo Fontán. Foto: Gabriel Tizón.

Elena Vázquez Cendón, xunto ao mapa de Galicia de Domingo Fontán. Foto: Gabriel Tizón.

Elena Vázquez Cendón: “Hai que convidar ás mozas a que pensen na ciencia como profesión”

A decana da Facultade de Matemáticas da USC participa en numerosas iniciativas de divulgación científica e para achegar a ciencia ás persoas máis novas

Ten que facer números no día a día, e non só nas aulas, para cadrar a axenda. Ademais de exercer como decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón saca tempo para participar e impulsar toda iniciativa que caia nas súas mans para divulgar a matemática aplicada, a súa especialidade. Un xeito de conseguir, tal e como insiste na conversa, escoitar aos demais, respectar a diversidade e compartir espazos. Coordina en Galicia o Estalmat, un programa de estimulo do talento matemático para mozos e mozas de ensino secundario. Esta mesma semana estivo en Madrid nun coloquio con estudantes e falou na imposición da Insignia de Ouro da USC a Luís M. Hervella. Anda estes días tamén cos preparativos da xornada Persoas Refuxiadas ConCiencia, que se celebran o xoves 15 en Santiago. O martes 21 será a convidada na presentación do V premio “Contar a ciencia-la Caixa. Ademais, celebra, como non, este 11 de febreiro, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

– Por que é preciso este día?

– Os números falan. Segue habendo diferenzas de sensibilidades ante diferentes titulacións. Todas as mulleres terían que poder elixir o que máis lles guste para formarse, sen ter filtros. É certo que formalmente non hai limitacións, e moitas barreiras desapareceron xa. Pero no impulso dos dereitos das mulleres, houbo algúns espazos que non se conquistaron, e seguen vedados.

“Para imaxinarse como científicas, as mozas deben ter referentes nos que verse reflectidas”

E seguimos detectando estereotipos que se manteñen. Pero non temos que afrontar isto como unha obrigación cara as mulleres. O que hai que buscar é convidar ás mulleres, e sobre todo ás mozas, a que pensen na ciencia como profesión. Que sexa un convite, non unha obriga. E para que se imaxinen como científicas, necesitan referentes nos que verse reflectidas. Que vexan que houbo pioneiras, no seu tempo, que conseguiron moito, e que hai mulleres nesas disciplinas que fan achegas moi valiosas.

Está o caso da Enxeñaría Informática, por exemplo. Dou clase alí, e as mulleres apenas chegan ao 10%; é un nesgo que non se supera, e resulta curioso porque a informática é unha disciplina que arrincou, en gran parte, grazas ao esforzo anónimo de moitas mulleres. Outro exemplo: este último ano en Estalmat-Galicia seleccionamos só a dúas mulleres nun total de 25 participantes.

E isto ten que ver tamén con xestionar os erros, que é algo que non se ensina hoxe en día. Criamos homes valentes e mulleres perfectas, e iso debe mudar. A xente que queira dedicarse á ciencia ten que ter sempre como compañeiros á dúbida e ao cuestionamento. Non só hai que transmitir as grandes fazañas que fan as elites da ciencia. Hai que contar tamén o esforzo admirable que moita xente fai día a día; xente que erra, pero que se levanta e volve intentalo.

-E por que persiste esta fenda nas disciplinas ‘técnicas’?

– Inflúen moito os feitos sociolóxicos. Xa dicía que as mulleres conseguimos moitas cousas, e alcanzamos o que quixemos, pero os espazos de visibilidade e liderado aínda seguen ocupados, en moitos casos, polos homes. E iso crea redes que só fan agromar nomes masculinos, que non quere dicir que eles non teñan valía suficiente, porque na gran maioría dos casos si que a teñen. Pero é que neses mesmos lugares tamén podería haber mulleres se lles deran a oportunidade de expoñer o seu traballo.

A fenda nas ciencias técnicas persiste porque hai diferenzas que se establecen desde a crianza

É algo sociolóxico e que comeza desde a crianza. Cos xoguetes, por exemplo: aos rapaces adoitan regalarlles enxeños para construír a base de combinar e ensamblar pezas, para que a súa estrutura do pensamento se desenvolva así; e os xoguetes femininos adoitan relacionarse coa muller coidadora, ou ben con desafíos moi superficiais e sinxelos. E aí xa estamos abrindo a fenda entre mozos e mozas.

– Fálase tamén de maioría nas aulas e minoría nos despachos.

– Conseguimos avanzar aquí tamén. Por exemplo, na USC hai 25 centros e somos 12 decanas e 13 decanos. Mais hai que falar tamén do que, como mulleres, podemos facer. E tamén conseguir que nisto entren os homes, e entrar nós tamén nos seus espazos. Como por exemplo, na crianza. Antes, para os homes, a mellor forma de coidar os fillos era traballar fóra e traer os cartos á casa. E a muller, quedaba na casa a coidalos. Pero hai que compartir esas tarefas, e camiñar todos da man. Se o facemos, atoparemos espazos comúns moi enriquecedores, para compartir cualidades.

– Vostede sempre defende a beleza das matemáticas, que ás veces son vistas como unha disciplina árida e ‘aburrida’.

– Cos estereotipos pasa co mesmo que coas fotos que teñen un enfoque incorrecto. Se non podes mirar ben, quedas cunha vista parcial das cousas. Claro que hai beleza, porque cunha ecuación podes conseguir grandes cousas. E non só iso; tamén temos compromiso social. Grazas ás matemáticas é posible mellorar as condicións de vida de moita xente no seu día a día. Traballamos con compañeiros de moitas disciplinas distintas, e aprendemos moito deles. E iso enriquécenos, e tamén fai que nos guste aínda máis o que facemos. Iso hai que contalo e compartilo con todo o mundo. Todos os días, alguén, nun despacho ou nun laboratorio da facultade, está facendo cousas marabillosas.

– Sobre o compromiso social: coordina esta semana a xornada ‘Persoas Refuxiadas Conciencia’.

– Falarán diferentes persoas e en diferentes circunstancias. Pero na base son o mesmo: persoas, conciencia e oportunidades. As persoas refuxiadas, dentro de todas as súas dificultades, levan consigo o seu talento. E nós, aquí, temos a opción de darlles oportunidades. Podería verse incluso desde unha perspectiva egoísta: podemos sacarlle proveito ao seu talento e eles poden ter as condicións axeitadas para medrar. Cada un de nós gañamos se aplicamos a intelixencia colectiva.

“As persoas refuxiadas, dentro de todas as súas dificultades, levan consigo o seu talento”

Quedaron unhas xornadas moi completas. Por unha banda, a perspectiva da situación actual, e doutras persoas que tamén viviron a condición de refuxiadas no pasado. E outro dos obxectivos é poñerlle rostro a esas situacións, para que a xente saiba que hai persoas detrás de todas as ideas da historia da humanidade e que esas persoas viviron nunhas determinadas circunstancias (guerras, conflitos, exilo, etc.), pero que souberon sacar proveito delas. Está Eleuterio Toro, que di con retranca que el conseguiu chegar a recibir a Orde do Imperio Británico grazas á ‘bolsa Pinochet’, porque tivo que fuxir de Chile e acabou no Reino Unido. E tamén falarán os refuxiados que agora mesmo estudan na USC; e José Edelstein, coa influencia do antisemitismo na ciencia; Ricardo Gurriarán, sobre o exilio científico galego e español; ou Anxo Carracedo, que remarcará a gran importancia da diversidade no enriquecemento xenético.

– Deberían recoñecerse máis aos científicos que se esforzan na divulgación?

– Habería que recoñecelo e incentivalo. Como dicía Einstein, unha persoa entende ben algo cando é quen de explicarllo á súa avoa. E así teriamos que facer: verbalizar e contar en que proxecto estamos traballando, para que serve e por que o facemos. Así a xente entenderá mellor esas cousas marabillosas que se fan nos laboratorios.

– E chegamos a “Contar a Ciencia”. Debemos achegarnos máis os xornalistas aos científicos?

– Si. A diversidade é o denominador común de todos estes temas dos que falamos. Compartir espazos, coñecer mellor a quen temos ao lado. Moitas veces, o que máis move ou paraliza á xente é o medo ao descoñecido. E iso pode controlarse cun maior sentimento de complicidade, de empatía.

Vós, que poñedes os titulares, debedes resumir todo o que contamos nunhas poucas palabras. E para facelo ben, hai que ter a humildade de escoitar, de dar tempo e espazo aos demais, e así poderemos chegar mellor ao corazón das cousas para contalas ben. Se chegásemos a recoñecer como dependemos uns dos outros, e que iso é bo, iríanos moito mellor.

Non pasa nada por preguntar outra vez cando algo non se entende. E quen responde ten tamén que escoitar ben antes. E así poderemos evitar tamén que, por conseguir un bo titular, teñamos que caer nunha incorreción científica.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.