Venres 26 Abril 2024

“O primeiro que aprendín con Efervesciencia é o pouco que sei”

A ciencia galega está de celebración. Hai agora dez anos, Manuel Vicente comezaba a navegar na Radio Galega cun ilusionante proxecto: Efervesciencia, financiado durante todo este tempo pola Fecyt. Desde entón, todos os domingos, ás 15 horas, a divulgación científica en galego ten o seu espazo nas ondas da emisora pública. Este sábado 30 de setembro, ás 19.30 horas, Efervesciencia celebra o seu 10º aniversario coa gala Férveche a mente, que reunirá no Teatro Principal de Compostela a científicos de referencia, colaboradores do programa e convidados especiais. Haberá tamén música e algunha sorpresa. A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo.

– Onde pensabas chegar cando comezou ‘Efervesciencia’?

Publicidade

Nunca pensei en durar pouco ou moito, pero si tiña claro que este era o meu proxecto; para poñer todas as forzas e as gañas. Por poder contar a ciencia, e porque a radio é o medio que máis me gusta. É directo, podes contar historias, a produción é sinxela; era para min. Ao rematar o doutoramento tiven que tomar a decisión de seguir coa carreira investigadora ou reorientarme, e apostei por formarme na comunicación científica, e especialmente na radio.

– E que aprendeches ti grazas ao programa?

O primeiro que aprendín é o pouco que sei. E iso que sigo aprendendo todos os días, cada vez que preparo un programa novo. E sobre todo, que tiven a oportunidade de coñecer a xente fascinante, que fai un traballo incrible. Outra cousa: ás veces crese que a ciencia é unha cuestión de acumular contidos, de aprender moito, pero iso non é o máis importante, porque ás veces é máis interesante contar o proceso das investigacións, e non os descubrimento en si.

“Unha das cousas das que estou máis orgulloso é da entrevista a María Wonenburger”

Sobre os científicos tamén aprendín que son persoas ‘normais’. Desbótase esa imaxe e esa concepción superlativa, como de súper heroes, de xente abnegada, obcecada no seu traballo. Son só tópicos. Poder transmitir a imaxe dos investigadores como xente profesional, pero que teñen as mesmas preocupacións, que non son unha caste a parte. E iso constrúese desde abaixo. Cando se fan concursos escolares, e algún neno ou nena gaña, xa se lle pon a etiqueta de ‘cerebrito’, coma se fora un ser especial. E hai que rachar con iso.

E tamén hai un paradoxo nisto da divulgación: comunicamos ciencia para facer agromar as vocacións científicas. Pero ao mesmo tempo, aos científicos de carreira non os tratamos todo o ben que se debería. A carreira investigadora é un funil, con moita xente moi válida que queda no camiño. E igual tamén hai que contar o duro que resulta esta carreira. É unha especie de disfunción no sistema.

– Por que pagaron a pena estes 10 anos?

Por poder contar cousas de ciencia na radio e en galego, iso é moi importante. E por exemplo, dunha das cousas das que estou máis orgulloso é da entrevista que lle fixemos a María Wonenburger. Estou moi contento daquela entrevista, porque foi a única que ela concedeu. Acolleunos na súa casa, tratounos de marabilla… Aí quedou un pequeno anaco de historia.

“Sería moi ilusionante levar Efervesciencia á televisión”

Tamén me alegra moito cando me atopo con xente que me di que nos escoita desde o comezo, ou que os colexios utilicen os nosos programas como material educativo. E outra cousa que nos aconteceu un par de veces: puxemos en contacto a investigadores que traballan en proxectos semellantes e que non se coñecían.

– Nunha tempada especial coma esta, que novidades terá Efervesciencia?

Imos inaugurar unha sección de recomendacións literarias centradas na banda deseñada, con Dani Pizarro. E con Nacho Munilla faremos unha sección centrada no medio ambiente.

– E que nos podes contar sobre a gala do sábado?

Todos os colaboradores que veñan van ter un reto asignado, que van ter que resolver durante a gala. Haberá tamén música en vivo, e un concurso no que poderán participar todos os asistentes, para ver quen é o que máis sabe sobre Efervesciencia.

– Poderíase levar Efervesciencia tamén á televisión pública?

Encantaríame. De feito, en televisión xa participamos en dous proxectos: Conexións e Éche así.  A tele é un filón por explotar, e sería moi ilusionante poder ter a oportunidade de facelo.

Manuel Vicente García, doutor en Química pola USC (2004) apostou pola divulgación cando rematou a súa tese. Tras cursar un posgrao sobre comunicación científica na Pompeu Fabra, puxo en marcha o proxecto Efervesciencia. O seu traballo foi recoñecido co Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación (2º en 2008 e 1º en 2009), o Premio Ciencia en Acción (2009), e o Premio Prismas da Casa das Ciencias (2013).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cinco libros para agasallar ciencia este Nadal

Unha listaxe con opcións para adultos e nenos que mostra o mundo científico e a súa historia en lingua galega

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

Altofalantes da lingua e da ciencia

Estimados colegas e amigos de Gciencia: Antes de nada, gustaríame darvos os...

A Asociación de Amigos da Casa das Ciencias festexa 30 anos de coñecemento compartido

O seu presidente, Julio Casal, reivindica o compromiso coa divulgación científica para achegar información de calidade á sociedade