O peixe cebra é a cobaia dos peixes en experimentación.

O peixe cebra é a cobaia dos peixes en experimentación.

Dúas teses do CSIC afondan no peixe cebra para investigación biomédica

Os traballos de Mariñas de Vigo investigan a resposta antiviral e ante doenzas inflamatorias

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM), dirixiu dúas teses doutorais sobre o peixe cebra cuxos resultados constatan a súa utilidade como modelo de estudo en biomedicina, validando o seu uso en investigacións sobre enfermidades inflamatorias humanas ou a resposta inmune innata antiviral.

PezCebra-fotoCSICGalicia

Trátase das teses “O peixe cebra como modelo de inflamación”, de Gabriel Forn-Cuní, e “Estudo da resposta inmune antiviral do peixe cebra fronte ao virus hemorráxico SVCV”, de Mónica Varela Álvarez. Ambas estiveron dirixidas por Antonio Figueras Huerta, profesor de investigación o CSIC, e Beatriz Novoa García, investigadora científica do CSIC no Grupo de Inmunoloxía e Xenómica do IIM de Vigo. Defendéronse recentemente nas universidades de Vigo e Santiago de Compostela, respectivamente.

“O peixe cebra utilizouse na investigación durante máis de 100 anos e o seu uso vai en aumento ao constituír unha ferramenta excepcional en diferentes campos de investigación, desde a neurociencia á acuicultura, debido ao seu pequeno tamaño, o seu ciclo de vida rápida, a facilidade de cría e modificación xenética e a transparencia dos seus embrións. Desde fai relativamente pouco, e debido sobre todo á súa similitude xenética cos humanos, recórrese a el  na modelización de enfermidades humanas. No noso grupo, unha das nosas liñas de investigación enfócase á validación do uso deste animal en patoloxías inflamatorias, algo que se fai totalmente necesario, e á resposta inmune antiviral”, explican Antonio Figueras e Beatriz Novoa.

As teses están dirixidas polos científicos Antonio Figueras e Beatriz Novoa

O obxectivo da primeira tese era afondar no coñecemento do uso do peixe cebra para o estudo do proceso inflamatorio. Este proceso, a pesar de ser benigno, pode ter un gran potencial destrutivo no tecido do propio hospedador, levando a aparición de patoloxías. Para iso, analizouse a resposta transcriptómica e a súa regulación en modelos de inflamación aguda e crónica en dúas patoloxías humanas: o choque séptico e a enfermidade de fígado graxo non alcohólico.

“O LPS é un compoñente bacteriano que activa unha potente resposta inflamatoria por parte do organismo hospedador e na investigación biomédica emprégase para a indución de respostas inflamatorias agudas en mamíferos. Na tese observouse que a sinalización da inflamación inducida por LPS está evolutivamente ben conservada entre o peixe cebra e mamíferos, polo que este modelo é adecuado para o estudo da inflamación aguda en enfermidades humanas como o choque séptico”, indica Gabriel Forn, o autor.

O autor, Gabriel Forn Cuní (Barcelona, 1989) licenciouse en Bioquímica e en Biotecnoloxía pola Universidade Rovira i Virgili (2011), ano no que se incorporou ao IIM para realizar a súa tese, cuxos resultados se publican en revistas de impacto como o Journal of Endocrinology ou PLos ONE.

A transparencia do peixe cebra no seu estado larvario é unha vantaxe para investigar

Pola súa banda, o obxectivo da tese Mónica Varela era caracterizar a resposta antiviral do peixe cebra fronte ao virus hemorráxico SVCV, co fin de coñecer as moléculas implicadas e profundar no coñecemento da resposta inflamatoria causada polo patóxeno. Nunha primeira parte, caracterizouse a expresión e función de diferentes xenes implicados na devandita resposta inmune antiviral do peixe cebra.

“Nos peixes a información relacionada coas moléculas con poder antiviral é practicamente inexistente. Na tese caracterizamos 10 xenes da familia IFIT, revelando que esta familia de proteínas xurdiu a partir de eventos de duplicación xénica antigos e achegando información dos seus diferentes patróns de expresión. Ademais, realizamos experimentos in vitro e in vivo para a obtención de datos relacionados coa protección que estas moléculas confiren aos peixes ante unha infección por virus“, indica Mónica Varela, a autora.

Nunha segunda parte, estableceuse un modelo de infección sistémica co virus SVCV en larvas de peixe cebra e estudouse a resposta inflamatoria xerada polo patóxeno nos peixes.

Mónica Varela Álvarez (A Coruña, 1984) é licenciada en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (2008) e Máster en Biotecnoloxía Aplicada á Acuicultura (2010), ano no que se incorporou ao IIM de Vigo para realizar a súa tese doutoral, cuxos resultados se publicaron en revistas científicas de impacto como Journal of Virology ou Journal of Innate Immunity. Na actualidade, prosegue con esta liña de investigación na Universidade de Leiden  (Países Baixos) cunha bolsa Marie Curie.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.