14883650_1276007415784809_284734957737061397_o

Divulgacción enche de charlas e obradoiros de ciencia o Muncyt da Coruña

GCiencia participa no evento este sábado con entrada libre dende as 16.30 e que inclúe unha observación astronómica

A Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica, Divulgacción, celebra este sábado, 29 de outubro, o seu encontro anual na sede do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (Muncyt) da Coruña. Tras o programa matinal, no que se desenvolverá a asemblea xeral de socios e socias, a xornada continuará a partir das 16.30 horas cunha serie de actividades abertas a todo o público, de entrada libre ata completar aforo, nas que se achegará aos asistentes a distintos eidos da ciencia de xeito ameno e divertido. Na mesma sala das charlas pode verse a exposición Visions of the Future.

A oferta de talleres conta coa colaboración da Sociedade Xuvenil Galega de Química, que desenvolverá un obradoiro titulado Unha viaxe cara á alquimia; mentres que o socio Dosi Veiga -colaborador de GCiencia a través da sección APOD Galego– estará á fronte de Impactos de meteorito e medición da velocidade da luz… con regaliz! Os asistentes poderán participar ao longo da tarde nestas actividades, que se desenvolverán en paralelo a unha serie de charlas de formato áxil que abranguerán, da man de recoñecidos divulgadores galegos, desde as achegas da ciencia á moda ou á arte ata a pegada de Xulio Verne en Galicia.

A profesora da Universidade de Santiago de Compostela Elena Vázquez Cendón (@ElenaVCendon) ofrecerá ás 17 horas a primeira charla, Que fai a matemática industrial en Galicia?, na que repasará algunhas achegas da comunidade matemática da nosa terra ao desenvolvemento de moi variados sectores económicos.

Deseguido, Javier Pedreira Wicho (@Wicho), promotor da exitosa web Microsiervos (microsiervos.com), profundará nas ciencias da computación con perspectiva de xénero con A informática tamén é cousa de mulleres.

A química coruñesa Deborah García Bello (@DeborahCiencia), autora do blog divulgativo dimetilsulfuro.es, falará Da ciencia á moda, pasando pola arte, un percorrido no que profundan as xornadas Ciencia y arte que organiza no marco da colaboración establecida entre a Cátedra de Cultura Científica da Universidade do País Vasco e o Museo Guggenheim de Bilbao.

O neurocientífico da Universidade da Coruña, e tamén destacado divulgador, Xurxo Mariño (@xurxomar) participará con Ciencia no parabrisas. A percepción do mundo desde a sensibilidade científica e o xornalista Eduardo Rolland (@Edu_Rolland), director de Gciencia, ofrecerá a charla titulada Xulio Verne, a ciencia e a súa pegada en Galicia.

O menú científico concluirá, a partir das 20 horas, cunha observación astronómica a cargo da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío (@AgrupacionIo).

Divulgacción arrincou en abril de 2011, en Santiago de Compostela, conformada por membros procedentes de moi diversos ámbitos (docencia, investigación, museos …) que teñen entre as súas competencias divulgar o coñecemento científico e tecnolóxico. Ata daquela, Galicia non contaba cunha asociación dedicada a fomentar a difusión do coñecemento científico, e esta uniuse ás existentes en Cataluña e Madrid. Na actualidade, está integrada por 110 membros.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.