Sábado 20 Abril 2024

“Con estes filtros podería mellorarse a potabilización da auga e a secuenciación de ADN”

“A creación de filtros moleculares e sensores de grafeno non é un avance novo; a novidade aquí é a aproximación que facemos para conseguilo“, explica Diego Peña Gil, químico do CiQUS de Santiago de Compostela e un dos autores do artigo de Science que aborda o deseño de nanoporos nunha membrana deste material, que destaca polas súas curiosas propiedades.

Este novo enfoque permitiulle aos investigadores galegos, que traballaron da man con físicos do ICN2 de Barcelona e do DIPC de Donostia, facer uns poros dunha escala molecular. Ata agora intentábase facer doutro xeito: collíase unha lámina de grafeno e facíanse os buratos. Pero desta forma non se pode controlar a forma e distribución dos poros a escala molecular. O que fixemos nós foi partir de moléculas deseñadas especificamente para que ao ensamblarse entre elas formen os poros da membrana de grafeno”, explica Diego Peña, que presentou este xoves o seu achado en Barcelona xunto aos seus colegas. No traballo tamén participou outro autor do CiQUS, Manuel Vilas Varela, que abordou este tema durante o seu doutoramento.

Publicidade

En Santiago desenvolveuse a parte máis vencellada á química. “Nós somos químicos, e encárgamonos da tarefa do deseño, produción e síntese das moléculas. A nosa aproximación ao grafeno é complementaria a dos físicos, por iso colaboramos cos equipos de Barcelona e Donostia. “O proxecto forma parte dun consorcio estatal no que os tres equipos levan anos colaborando.

Alén das propiedades como filtro, o avance dos científicos galegos contribuirá a mellorar as prestacións do grafeno como semicondutor. “Introducir estes nanoporos permítenos controlar o paso da corrente eléctrica”, conta Peña Gil. Un detalle moi importante no eido da computación. “Hoxe en día, os transistores, os dispositivos clave nos ordenadores, están feitos de silicio. Podemos facelos cada vez máis pequenos, pero as propiedades do silicio márcannos un límite. O grafeno poroso podería superar este límite e facer equipos de computación máis eficientes”.

Aplicacións

As aptitudes destas membranas como filtros e sensores abren unha nova porta, e así quedou de manifesto ao recoller Science este avance. Grazas a isto, será posible desenvolver peneiras e sensores moito máis eficientes en moitos aspectos: “Por exemplo, con estes filtros poderíanse separar substancias disoltas na auga, o que tería aplicación na potabilización, ou na diálise de ril ou a secuenciación de ADN: ao funcionar tamén como sensor, a membrana de grafeno poderá detectar que tipo de base nitroxenada do ADN está pasando por un poro en cada momento”.

E aínda que estes procedementos xa son cousa de enxeñeiros, os químicos do CiQUS seguirán contribuíndo a mellorar a precisión destes filtros e sensores. “Nós demostramos que é posible, e agora temos que demostrar que se poden preparar grafenos con diferente tamaño de poros. O noso obxectivo como químicos é crear e poñer a disposición dos físicos e enxeñeiros as mellores moléculas posibles para obter estas estructuras”, conclúe Diego Peña.

ciencia/peneira-grafeno-ciqus/

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A resistencia térmica dalgúns materiais pódese regular aplicando unha voltaxe

Un traballo do CiQUS abre novas posibilidades para o deseño de reguladores de temperatura e para o desenvolvemento de tecnoloxías máis eficientes e sostibles

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Un equipo con participación galega desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

O composto actúa de maneira potente e selectiva sobre a respiración mitocondrial das células nai do tumor, diminuíndo o seu potencial canceríxeno

A USC desenvolve un novo método para a entrega directa de fármacos no interior celular

O novo nanotransportador é capaz de fusionarse coa membrana plasmática e liberar moléculas bioactivas no citosol